O sector de Carpintaría e Ebanistaría da provincia da Coruña irá á folga o 29 de xuño e o 13, 27 e 28 de xullo
Representantes da CIG, CCOO e UGT na mesa negociadora do convenio colectivo de Carpintaría e Ebanistaría da provincia da Coruña compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a situación de bloqueo na que se atopa a negociación por mor da posición da patronal que, segundo denunciaron, “o que ofrece supón una grande perda de poder adquisitivo para as traballadoras e traballadores do sector”. Por iso convocan catro xornadas de folga e mobilizacións.
Segundo explicou o representante da CIG, Eduardo Sebio, o convenio atinxe a máis de 5.000 traballadores e traballadoras e está caducado desde o ano 2019. “Teñen, polo tanto, o seu salario conxelado desde hai 3 anos e están perdendo poder adquisitivo. Unha situación que se ve agravada pola suba disparada da inflación e dos produtos de primeira necesidade, como a enerxía, os combustíbeis ou a alimentación”, afirmou.
Proposta da patronal
Malia isto, a patronal ofrece para o ano 2020 unha suba do 0%; do 3,1% para o ano 2021, pagando atrasos de tan só o 1,5%, “o que suporía unha perda do 5% só nese ano, no que o IPC subiu o 6,5”.
Para o ano 2022 a patronal pretende fixar o incremento no 3% cunha revisión salarial de como máximo 1% sen atrasos, o que “tal como está a inflación este ano suporía tamén a bo seguro unha perda de poder adquisitivo dos salarios dos traballadores” apuntou Sebio.
Nos anos 2023 e 2024 a suba sería do 1,5 % cunha revisión salarial do 1,5 %, se o IPC supera esa porcentaxe sen atrasos.
Se medran os prezos, os salarios tamén
Fronte á proposta da patronal, as centras sindicais, que fixeron unha plataforma reivindicativa unitaria, “renunciamos a unha gran parte das nosas pretensións iniciais”, sinalou, “pero seguimos reclamando a creación dun plus de quendas, como xa existe no convenio de carpintería de Pontevedra, e que se garanta o poder adquisitivo dos salarios, con cláusulas de revisión salarial sen topes e cobrando atrasos salariais dende o primeiro día cando o IPC Real acumulado sube máis do incremento inicial do Convenio”.
Para as organizacións sindicais, a actual situación de bloqueo “non ten xustificación ningunha”, porque a carga de traballo que teñen as empresas do sector “é tal que non das atendido os pedidos que reciben”. Por iso, baixo a máxima de que “se soben os prezos, os salarios tamén”, denunciaron que mentres as empresas seguen aumentando os seus beneficios, os traballadores/as do sector seguen cos seus salarios conxelados.
Sen asinar o convenio colectivo
Diante desta situación, a parte sindical acordou, por unanimidade, non asinar un convenio colectivo que consideran que “supón a perda de poder adquisitivo dos salarios”, e desenvolveron unha campaña “de información e axitación” entre o persoal e levan mobilizándose desde hai 2 meses co obxectivo de presionar á patronal para desbloquear a negociación do convenio e conseguir uns incrementos salariais con cláusula de revisión salarial e atrasos desde o primeiro día, para garantir o poder adquisitivo dos salarios.
Porén a situación de bloqueo persiste e por iso acordaron convocar novas mobilizacións. Por iso na rolda de prensa anunciaron unha nova concentración, o día 23 de xuño diante da empresa Santos Cocina y Baño, en Boqueixón e a convocatoria de catro xornadas de folga para os días 29 de xuño e 13, 27 e 28 de xullo.