O sector de ambulancias irá á folga en toda Galiza os días 6, 7, 19, 20 e 21 de xullo
O sector de ambulancias irá á folga en toda Galiza os días 6, 7, 19, 20 e 21 de xullo, con mobilizacións nos distintos centros sanitarios, e convoca ademais unha manifestación para o vindeiro día 12 de xullo. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa os representantes da CIG, CCOO, USO e UGT, co respaldo unánime do persoal que tomou a decisión nas asembleas celebradas por todo o país.
Segundo explicou Xesús M. Pastoriza, responsábel do sector do Transporte da FGAMT-CIG, chegouse a adoptar a decisión de ir á folga pola parálise do convenio, sen avances malia terse celebrado numerosas xuntanzas da mesa negociadora, mais tamén polo “insoportable incremento do número de servizos”, cuestión que xa se denunciou o ano pasado e que provocou mobilizacións.
Xunto a isto Pastoriza denunciou a actitude da Xunta de Galiza polo tratamento que dá ao sector, “o irmán pobre da sanidade pública”, o que se traduce nunha infradotación económica e, xa que logo, nunha infradotación de recursos humanos e técnicos.
Neste sentido apuntou que no sector hai entre 1.800 e 2.000 traballadores e traballadoras pero que sería necesario incrementar o persoal nun 30 ou 40%, porque nas distintas áreas sanitarias fanse por riba dos 20 servizos, o que supón unha carga de traballo inasumible.
Unha situación malia a que nin desde a Xunta, nin da consellaría, do SERGAS ou do 061 contactaron coa representación sindical para abordar.
Principais demandas
Canto a condicións laborais, o sector demanda, entre outras cuestións, unha suba salarial, tendo en conta que o IPC superou o 12% nos últimos anos; a redución da xornada e cuestións relacionadas con permisos retribuídos ou baixas, xa que neste período se duplicaron e que “un 90% son provocadas por lesións musculo-esqueléticas”, dixo Pastoriza.
Esta tarde está convocada unha nova xuntanza da mesa negociadora da que non agardan avance ningún porque, de partida, non é sequera para tratar cuestións recollidas na plataforma sindical, da que a patronal nin sequera entrou a valorar, senón para mudar algún aspecto da propia plataforma presentada pola patronal, sobre a que pretenden que xire a negociación.
Por iso Pastoriza concluíu advertindo que “se non nos dan solución agora, o sector non vai parar até conseguir o que se merece”.