O sector de ambulancias da área sanitaria de Compostela mobilizarase durante a campaña se non se unifican as condicións laborais
Na rolda de prensa, Mario Rodríguez, delegado en Ambulancias Casablanca, lembrou que desde setembro de 2015, cando se produciu o cambio na contrata da Xunta de Servizo de transporte urxente, os traballadores/as da área sanitaria de Santiago veñen loitando por unhas condicións dignas e iguais en todas as empresas, tanto no referido a xornada, como a salario.
Rodríguez subliñou ademais que aínda que son contratas diferentes e servizos diferentes os que prestan as empresas (transporte urxente -emerxencias- e transporte programado –altas hospitralarias, traslados, citas médicas ou diálise…-), o convenio que rexe para todas e o mesmo.
O delegado de Casablanca denunciou que, malia ser un servizo público dependente da Xunta de Galiza, “funciona como se fora economía somerxida”. Por iso, sinalou, “a nosa pretensión final é ordenar este sector e dignificar as condicións de traballo”.
A este respecto explicou que unha persoa que vai nunha ambulancia ten a sensación de estar nun servizo público, “pero non sabe que igual, a persoa que o atende na ambulancia ten un contrato en `prácticas e cobra 700€”.
As empresas que operaban na área sanitaria de Compostela son Ambulancias Casablanca, Ambupadrón e Ambuibérica, pero neste momento só que Casablanca, con 50 traballadores/as, (só para transporte urxente e programado de Santiago e urxente de Ordes) e Ambuibérica para todo o demais, sumando entre ambas arredor de 180 traballadores/as
Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Compostela explicou que existe un acordo, acadado logo de moitas mobilizacións, en Casablanca e no que era Ambupadrón, que foi mercado por Ambuibérica, pero queda todo o que gañou Ambuibérica no concurso urxente sen pechar un acordo e, polo tanto, sen aclarar nin cales van ser as tripulacións, nin cales van ser as condicións económicas e de tempos de traballo.
Pavón denunciou que, ao igual que pasa noutras moitas contratas públicas, “o criterio principal da administración, á hora de conceder unha contrata, é o económico e, neste caso, ademais os criterios son pouco claros, até o punto de que, moitas veces. Xa se sabe antes de resolver o concurso , a que empresas se lles vai entregar”, como ocorreu recentemente na concesión do transporte programado da área sanitaria de Santiago.
Por iso denunciou que a responsabilidade da solución definitiva deste problema é compartida entre empresas e administración.
Contratos en prácticas
O representante da CIG chamou tamén a atención sobre o feito de que agora, nas empresas hai un importante número de traballadores/as en prácticas, logo da Xunta de Galiza sacar unha liña de axudas para a contratación con esta modalidade.
Explicou que son contratos que se regulan por un Real Decreto que permite a contratación durante 2 anos e que estes traballadores/as cobran entre o 60% e o 70% dos salarios do resto do persoal. Xunto a isto, especificou que en todo caso, neste RD tamén se recolle que se negociarán esas condicións no ámbito das empresas. Porén “as empresas néganse a negociar esta parte no convenio”.
Isto unido á axuda da Xunta, de 3,5 millóns de euros este ano, provoca segundo Pavón dous efectos: a creación dun corpo de precariedade no medio do sector que cobra unj 40% menos polo mesmo traballo e que esa situación se cronifique porque ás empresas lles vai interesar non facer a este persoal indefinido aos 2 anos para repetir de forma permanente esta operación.
Por iso, e para reclamar igualdade de condicións laborais e salariais nas distintas empresas e entre os/as traballadores/as, anunciaron unha intensa campaña de mobilizacións durante o mes de setembro ás portas dos centros de saúde, a primeira o vindeiro mércores día 7 de setembro, ás 11:00.
Xunto a isto advertiron que, se a situación non se resolve, teñen acordado facer unha acampada permanente diante dun edificio oficial do que informarán no seu momento cun dobre obxectivo: presionar ás empresas que non cumpren e responsabilizar á administración destes incumprimento. “A Feijóo directamente se fai falla. Sempre miraron para outro lado e non o imos permitir máis”, sentenciou Pavón.