O sector de ambulancias da área de Santiago mobilízase en demanda da negociación do convenio colectivo
Delegados/as do sector de ambulancias da área sanitaria de Santiago concentráronse esta mañá na praza do Obradoiro e despregaron un enorme cartaz sob o lema “Ambulancias en loita” para reclamar que se negocie o convenio colectivo, caducado desde hai dous anos, e exixir á Xunta de Galiza toda a información relativa ás renuncias das empresas ao concurso do 061.
Os traballadores/as de ambulancias da área sanitaria de Compostela denuncian a “situación de abandono e a desidia” na que se move un servizo público como este. Consideran que unha mostra do desprezo polo seu traballo é que “ao mesmo tempo que temos o convenio colectivo caducado desde hai máis de dous anos as empresas pretendan un descolgue salarial de até o 25% do seu salario e condicions laborais”.
A isto, o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG engade que hai empresas –como Ambuibérica e Ambulancias Casablanca, nesta área sanitaria- que anunciaron a renuncia ás concesións alegando que non lles sae rendíbel precisamente porque as e os traballadores exixen o cumprimento do convenio. Fronte a isto lembra que “esas mesmas empresas gañaron os concursos públicos rebaixando a oferta económica nun 7% e que agora pretenden que sexa o personal quen asuma esa perda”.
“Todo isto colócanos nunha situación de incerteza e precariedade e supón ademais unha perda de calidade no servizo ao non atenderse desde as empresas a limpeza e desinfección das bases, ambulancias e uniformes ou a mellora e conservación de materiais e medios de traballo nun sector tan sensíbel como este”, alertan as traballadoras e traballadores do sector.
Información da Xunta de Galiza
Pavón acusou á consellaría de Sanidade e ao 061 de “mirar para outro lado” diante deste panorama, “como se non fora con eles” e responsabilizou á administración de entregar os concursos, hai dous anos, a ofertas que, “claramente non cubrían os gastos e agora queren que sexan as traballadoras e traballadores quen os paguen dos seus salarios. Néganse a recibirnos e son os verdadeiros responsábeis desta situación de abandono que denunciamos”.
Por iso esta mañá exixiron respecto polo seu traballo, información inmediata e transparente do proceso de renuncia dos lotes de ambulancias, a retirada dos procesos de descolgue salarial e a sinatura inmediata do convenio colectivo do sector.