O sector das conservas de peixe, en pé de guerra por un convenio digno
A actitude intransixente da patronal das conservas de peixe tras máis de nove meses de contactos para renovar o convenio estatal aboca o persoal do sector a ter que defender na rúa un acordo digno.
Foi a CIG coa súa participación activa na mesa de negociación a que logrou primeiro desbloquear as conversas e despois que se trasladasen a Galiza. Esta era unhas das reivindicacións históricas para achegar a negociación ás traballadoras/es, xa que o noso país acolle o 60% das máis de 26.000 persoas que emprega o sector, boa parte delas mulleres.
Mais nin esas reunións nin todas as celebradas antes e despois en Madrid permitiron sequera albiscar a posibilidade dun acordo. De feito, nos últimos encontros o empresariado achegou propostas “que supoñen dar dous pasos para atrás”, segundo as representantes da FGAMT-CIG do Salnés que participan na negociación.
As propostas da patronal seguen sen garantir o poder adquisitivo do persoal nin corrixen a fenda salarial entre homes e mulleres, outra das cuestións que historicamente reclama a CIG. Ademais, as empresas teiman en ampliar a xornada laboral de luns a domingo, “algo que levan intentando dende o principio, endurecendo aínda máis o convenio anterior”.
Discriminación salarial
De igual xeito, na central lamentan que o empresariado non vexa discriminación salarial por razón de xénero entre as categorías do grupo 5 (fabricación) a as do grupo 6 (oficios varios). “Isto chámase cegueira interesada, pois a diferenza é clara”. Con todo, propón un incremento salarial adicional para categorías do grupo 5 como oficial de 1ª e 2ª ou mestra. “Pero sorprendentemente non propoñen ningún aumento para a categoría de auxiliar, que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior”, censuran.
En consecuencia, a CIG levou a cabo concentracións en solitario diante das empresas que fan parte da mesa e promoveu unha fronte común coas centrais estatais que se concretou na manifestación conxunta deste sábado 18 de decembro dende o Concello de Vilagarcía ás 11:00 horas. Nas próximas xuntanzas definirán máis protestas e perfilarán un calendario de paros e de folga.