O sector da limpeza de Pontevedra e Ourense mobilízase ante a paralización dos convenios provinciais
O sector da limpeza de edificios e locais de Pontevedra e Ourense mobilizouse hoxe para denunciar a paralización da negociación dos convenio colectivos provinciais ante a negativa do empresariado a pactar unha suba salarial digna. Un nutrido grupo de traballadoras/es desenvolveu concentracións diante das sedes de Eulen (empresa que fai parte da asociación patronal que se senta na mesa) en Vigo e Ourense ao berro de “convenio solución”.
Dende a CIG-Servizos explican que tras varias xuntanzas co empresariado as negociacións atópanse en punto morto como consecuencia da actitude da patronal, que se nega a aceptar unha suba de soldos que permita recuperar “cando menos o poder adquisitivo perdido nestes dous anos pola suba do IPC”. Este é un aspecto fundamental para o persoal dun sector que padece uns altos índices de precariedade laboral, con baixos salarios e elevada parcialidade no emprego.
Precisamente co obxectivo de reducir esta última problemática as centrais sindicais maioritarias no sector reclaman unha rebaixa da xornada laboral até as 35 horas mensuais, “o que permitiría que o persoal a tempo parcial tivese mellores salarios e se achegase máis á xornada completa”.
Por iso dende a parte social anuncian que continuarán coas mobilizacións nas vindeiras semanas para forzar o empresariado a pactar un convenio xusto con condicións laborais dignas, cuestión que no caso de Lugo motivou a convocatoria dunha folga indefinida.