O sector da limpeza de Pontevedra e da Coruña aposta polo conflito para avanzar en dereitos
As traballadoras da limpeza das provincias de Pontevedra e A Coruña, ao igual que fixeron as compañeiras de Lugo antes, están en pé de loita para reclamar unhas condicións laborais e salariais dignas e rachar co bloqueo da patronal estatal, ASPEL, á negociación colectiva.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, denunciaba durante unha protesta do sector en Vigo que, tras 16 xuntanzas, foi imposíbel un acordo no convenio de Pontevedra “porque a patronal se nega a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada”, ademais de insistir nunha suba dos salarios “de risa”.
Avanzou que, de non chegar a acordo para pactar un novo convenio colectivo na mediación do AGA prevista a partir do 17 de xuño, “teremos un outono quente que incluirá convocatoria de folga”.
Na Coruña, a firme disposición do persoal a loitar forzou a patronal a recuar nas súas pretensións e recoñecer o incremento salarial do 9,8% pendente dende xaneiro, da cláusula de revisión recollida no anterior convenio.
Unha primeira vitoria sindical, sinala Paulo Rubido, representante da CIG, “resultado de combinar a mobilización e a actuación xudicial” coa presentación dunha demanda de conflito colectivo. Mais lembrou que o conflito laboral continúa aberto “porque falta por negociar o novo convenio colectivo”, polo que prevé unha dura loita á volta do verán.