O sector da limpeza da provincia de Pontevedra volve á rúa por unhas condicións laborais dignas
Máis dun cento de traballadoras/es da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra desenvolveron hoxe unha mobilización diante de Limpiezas Cíes en Coruxo convocadas/es pola CIG, CCOO e UGT para reclamar unhas condicións laborais dignas e denunciar o bloqueo das negociación do convenio colectivo por parte da patronal.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, sinalou que o persoal do sector vese obrigado a saír á rúa unha vez máis (tras as protestas e a xornada de folga convocada con anterioridade) ante o inmobilismo dun empresariado que insiste nunha suba salarial “de risa” e que non ten “nin o detalle” de compensar “todo o que pasaron as compañeiras/os durante a pandemia”.
Fernández lembrou que o convenio leva caducado dende o 31 de decembro de 2022, coa conseguinte perda de poder adquisitivo, e que as negociacións para renovalo comezaron en febreiro de 2023. “Pero tras 16 xuntanzas non hai acordo porque a patronal négase a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada”.
De xeito que o mes pasado romperon as negociacións e a parte social solicitou unha mediación ao AGA hai semana e media, “pero seguimos sen resposta”. Por iso decidiu comezar hoxe cun calendario de mobilizacións que continuará o vindeiro mércores 22 e que podería rematar cunha convocatoria de folga no sector.
A responsábel sindical indicou que esta situación estase a repetir tamén nas provincias da Coruña e de Ourense, e antes na de Lugo. “O principal atranco é a actitude das Confederacións de Empresarios de cada provincia e da patronal estatal ASPEL”. E detallou que as reivindicacións das traballadoras/es pasan por un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial a IPC para non perder poder adquisitivo. Mentres que a parte empresarial ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial.
Finalmente, dende as organizacións sindicais convocantes da mobilización explicaron que se con anterioridade desenvolveron propostas diante da patronal estatal “agora vimos a esta empresa porque fai parte da patronal provincial”.