O sector da limpeza da provincia de Pontevedra volve á rúa ao berro de “convenio digo, convenio xa!”
As traballadoras/es do sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra volveron reclamar hoxe na rúa unha mellora das condicións laborais ao berro de “convenio digno, convenio xa!”. Nas mobilizacións que se desenvolveron diante da sede da empresa Clece en Vigo ao mediodía e do hospital do Salnés ás 11:00 horas tamén lle trasladaron toda a súa solidariedade ás compañeiras/os de Lugo que se atopan folga indefinida pola negativa da patronal a incrementar uns salarios que están por debaixo do SMI.
A CIG, CCOO e UGT optaron por convocar mobilizacións unha vez máis ante a parálise das negociacións e tras as 10 xuntanzas celebradas coas patronais estatal Aspel e a provincial Aelpo, que ofrecen unicamente unha suba de soldos do 2,66% sen carácter retroactivo.
Unha vez rematada sen acordo a última reunión da mesa negociadora, que tivo lugar o pasado 6 de novembro, a parte social decidiu convocar asembleas informativas en Vigo e Pontevedra, nas que se apostou por continuar coas mobilizacións para sacar adiante un convenio que afecta a máis de 9000 traballadoras/es na provincia.
Dende a CIG-Servizos lembran que o convenio de limpeza de Pontevedra é dos mellores de Galiza e do conxunto do Estado español, tendo en conta que contempla unha xornada de 38,30 horas semanais e catro pagas extraordinarias, entre outras melloras. Por iso o persoal do sector non está disposto a seguir perdendo poder adquisitivo, “sobre todo cando está a padecer as consecuencias da crise, sen poder chegar a fin de mes e tendo que pagar máis cara a cesta da compra, as hipotecas, os alugueres e o resto de necesidades básicas”.
En consecuencia, decidiu levar a cabo estas concentracións “non só para defender o convenio, senón tamén para amosarlle o seu apoio ás compañeiras/as de Lugo que se atopan en folga indefinida dende o pasado 16 de outubro por culpa da mesma patronal, que non quere incrementar uns salarios que están por debaixo do SMI”.