O sector da limpeza da provincia da Coruña responde con carbón ás propostas da patronal para o novo convenio

CIG, CCOO e UGT anuncian a mobilización do sector e a “máis que probable convocatoria de folga”
A Coruña - 07 Xan 2021

Os Reis Magos encabezaban esta martes a comitiva que se concentrou ás portas de EULEN, portavoz da patronal do sector de limpeza da provincia da Coruña, para manifestar o rexeitamento das traballadoras e traballadores e das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT ás propostas presentadas na mesa de negociación do convenio. As súas maxestades fixeron entrega de carbón como agasallo e dun escrito onde acusan á patronal de ter vulnerado o principio de boa fe negociadora.

 

O agasallo de carbón respondía á proposta da patronal de incremento salarial para o ano 2020. Proposta que “esqueceron” incluír na resposta enviada á parte social, malia teren quedado comprometidos a facela. “Debe ser que a vostedes mesmos debeulles dar vergoña poñer por escrito 2020, 0%”, sinalan as organizacións sindicais no escrito entregado a EULEN no decurso do acto.

CIG, CCOO e UGT interpretan este “esquecemento” como “unha burla, unha tomadura de pelo e, sobre todo, unha vulneración do principio de boa fe negociadora”.

Lembran que cando se constituíu a Mesa de Negociación do Convenio Provincial, o pasado 27 de setembro de 2020 “presupoñiamos que esta negociación debía basearse na boa fe das partes” e subliñan que “polo menos así o entendemos nós”. Explican ademais que “por boa fe enténdese non enganar nin xogar con mentiras e falsidades nas propostas que se fagan na mesa de negociación”.

Sen incremento salarial

 

As propostas patronais redúcense á eliminación do dereito á xubilación parcial no sector e a supresión do dereito das e dos traballadores a tempo parcial a ampliar xornadas cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo e na empresa. Xunto a isto ofrecían un incremento salarial para 2020 do 0% e para 2021 do 0,8%.

Fronte a isto CIG, UGT e CCOO propoñían pactar primeiro os salarios do ano 2020, para despois continuar co resto da negociación do convenio, proposta que inicialmente rexeitou a patronal.

As centrais sindicais aseguran que están “fartas” da actitude da patronal non só neste convenio, senón tamén nos anteriores, porque “non respectan as regras de xogo, nin actúan cunha mínima lealdade na mesa de negociación” e, sobre todo, “non lle teñen respecto ningún ás traballadoras e traballadores”.

Grandes beneficiados da pandemia

 

Denuncian ademais que a patronal non pode argumentar a súa proposta coa crise provocada pola COVID, porque “son uns dos grandes beneficiados, polo incremento de horas e facturación coas desinfeccións e limpezas extra”, mentres ao persoal “que é quen está realmente a poñer a cara e a saúde nesas desinfeccións, o que pretenden é quitarlle dereitos e conxelarlle o salario”.

Mobilización do sector

Diante desta situación as centrais sindicais convocaron asembleas ao longo do mes de decembro para informar desta situación e, nomeadamente, da proposta salarial. Como resultado destas asembleas, as traballadoras e traballadores acordaron rexeitar “completamente a proposta de suba do 0% para o ano 2020 e tamén a do 0,8% para o ano 2021”.

As asembleas manifestaron ademais o seu rexeitamento á vulneración do principio de boa fe negociadora e acordaron manter a reivindicación dunha suba salarial para 2020 que non sexa do 0%.

As centrais sindicais adiantan ademais a súa intención de mobilizar o sector “incluíndo a máis que probable convocatoria de folga e conclúen a súa comunicación á patronal cun “no caso de que queiran reflexionar sobre o acontecido no que levamos de negociación, xa saben onde e como localizarnos”.