O sector da conserva, abocado ao conflito tras a proposta de convenio regresiva da patronal

A CIG defende un sistema de clasificación profesional “claro e transparente” baseado nunha valoración de postos que remate coa discrecionalidade
O Salnés - 17 Dec 2025

Os tres sindicatos con representación na mesa de negociación do convenio estatal da conserva de peixe deron por rotas as conversas este luns tras a proposta regresiva da patronal, que insiste en mudar o sistema da clasificación profesional “para que todo quede como está” e pretende unha suba salarial real do 0,0%. A CIG reclama unha clasificación profesional “claro e transparente” baseada nunha valoración de postos de traballo que impida a discrecionalidade e as decisións de encadramento arbitrarias por parte das empresas e demanda un incremento de soldos do 5%.

Pola súa banda, o empresariado propón para 2025 unha suba salarial en táboas do IPC interanual de decembro, máis un 1,5% a conta. A actualización de táboas sería en xaneiro de 2026 e os atrasos cobraríanse despois da publicación do convenio (uns 400 euros de media por persoa traballadora). 

O empresariado pretende unha suba salarial real do 0,0% e non entra a debater sobre redución de xornada, licenzas e outros dereitos

Na última xuntanza da mesa negociadora tampouco se produciron avances noutras materias, xa que o empresariado non entra a debater sobre a redución de xornada, licenzas nin outros dereitos. En consecuencia, a CIG, CCOO e UGT manterán unha xuntanza telemática este xoves 18 para abordar a convocatoria dun calendario de mobilizacións.

Dende a central nacionalista insisten na necesidade da continuar co traballo iniciado no anterior convenio para dignificar dunha vez por todas as condicións laborais do sector. Para isto, entre as súas propostas figura un novo sistema de clasificación profesional “claro e transparente”, baseado nunha valoración de postos de traballo que non dea pé a discrecionalidades nin a decisións de encadramento arbitrarias por parte da patronal. “Para iso é preciso definir claramente cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor)”.

Así como complementos obxectivos e regulados no convenio: quendas, frío, perigosidade, polivalencia, etc. “É unha débeda histórica deste sector que se recoñeza ao persoal de fabricación certas condicións e coñecementos específicos”.

A central reclama tamén definir claramente en que nivel se sitúa cada unha das actuais categorías e asignarlle ao persoal cada nivel en función da súa categoría actual e do traballo que realmente realiza. E establecer unha subida de soldos lineal en todos os niveis asegurando uns salarios dignos para o conxunto do persoal. “Nós defendemos un modelo común, transparente e con dereitos, no que ninguén cobre menos por un traballo de igual valor”.

Redución da xornada

Outras das pretensións da central sindical pasan por fixar a promoción automática tras dous anos nun posto de traballo, “xa que aínda hai patronais que se resisten a mellorar as categorías laborais ás persoas traballadoras e teñen conxelada a aplicación e subida de auxiliares para oficiais”. Por unha suba salarial do 5% en todos os conceptos retributivos por cada ano de convenio (2025, 2026 e 2027). E pola mellora de todas as licenzas e permisos retribuídos e que estes se computen en días laborais.

Mais tamén por reducir a xornada anual máxima: 1715 horas para 2025, 1700 para 2026 e 1685 para 2027; por considerar o tempo de descanso do bocadillo como tempo efectivo de traballo; e por fixar o período vacacional en 31 días laborais.