O Secretariado de Mulleres da CSPLP define as liñas prioritarias de traballo para os próximos meses
O pasado sábado tivo lugar en Santiago de Compostela o Encontro do Secretariado de Mulleres da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP) no que se puxeron en común as principais problemáticas e se definiron as liñas de actuación a desenvolver no inmediato. A constitución deste organismos foi acordada no IX Congreso da CSPLP celebrado en Cabo Verde en agosto de 2023, e para a CIG constitúe un orgullo ser a anfitrioa da súa primeira reunión.
Neste encontro, desenvolvido no local da CIG en Compostela, participaron 21 representantes dos sindicatos que compoñen a Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa, e serviu para definir o plano de traballo para o período 2024-2025.
Como principais liñas de actividade, o Secretariado das Mulleres marcouse darlle un impulso aos convenios 182, 189 e 190 da OIT, con medidas que garantan avanzar nos seus obxectivos, e neste sentido desenvolver unha acción institucional conxunta e traballar para lograr a asunción do convenio 190 (para a eliminación da violencia contra as mulleres e o acoso sexual nos centros de traballo) por parte daqueles países da que aínda non o ratificaron.
De xeito paralelo, deseñar unha campaña conxunta sobre a aplicación urxente de políticas para acadar un desenvolvemento sustentábel a través dunha transición xusta, que contemple a necesaria perspectiva de xénero para evitar que as mulleres traballadoras e os países economicamente menos desenvolvidos fiquen á marxe.
Tamén se acordou preparar unha declaración pública das mulleres da CSPLP con motivo do 8 de Marzo, a fin de recuperar o contido de clase desta data, visibilizar a existencia do propio Secretariado de mulleres da CSPLP nos respectivos países, e reafirmar a sororidade internacionalista das mulleres traballadoras.
Pronunciamento do Secretariado
Ao longo da mañá, as responsábeis das mulleres das principais centrais sindicais de Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, S. Tomé e Príncipe, Guiné Bissau e Timor Leste, coa CIG como anfitrioa, abordaron as problemáticas comúns e analizaron as situacións de desigualdade que seguen as padecer as mulleres.
As conclusións deste debate plasmáronse nun manifesto no que se denuncia que as mulleres seguen sendo obxecto de discriminación e violencia. Situacións que sofren de forma insoportábel as mulleres e crianzas que viven en países en conflito como as palestinas e saharauís. Diante disto, o Secretariado reafirma "a necesidade de levantar a voz en solidariedade coas mulleres da Palestina", onde case un millón do total de 2,2 millóns de habitantes da Gaza forzadas a desprazarse das súas casas, son mulleres.
A preocupación pola defensa da Terra, as consecuencias do cambio climático, a urxencia de mudar o modelo de desenvolvemento, atendendo ao dereito de autodeterminación e á soberanía dos pobos e nacións, e a preparación de alternativas para a participación das mulleres nas novas formas de produción e nas novas profesións ligadas á economía sustentábel foron outros dos temas abordados.
No manifesto conxunto recóllese a urxencia de mudar o actual modelo de desenvolvemento, capitalista e patriarcal, "para o que todo se transforma en mercadoría, a natureza e as persoas". Cómpre avanzar na transición para un modelo de produción sustentábel, modificar as estruturas que impiden as mulleres estar en condicións de igualdade cos homes, e pór o vida no centro "e non o lucro".