O Santander non convoca aos sindicatos do Popular para falar da adxudicación
A Dirección do Banco Santander convocou aos sindicatos do Santander para abordar “negociacións pendentes”, incluíndo no orde do día o punto “Adxudicación do Popular”. Ante a inclusión desta cuestión a CIG-Banca solicitou que puidese asistir á reunión unha persoa en representación da CIG do Grupo Popular, pero non foi autorizado.
A CIG-Banca denuncia que o Banco Santander non conta coa representación legal dos traballadores/as do Popular e que a información que están proporcionando é contraditoria. Considera que están preparando “ás agochadas” o Plan de Integración/Reestruturación. “Un erro, xa que por principio, a falta de diálogo só pode levar á confrontación e ao conflito”, advirte.
Respecto desas contradicións, lembra que o pasado 28 de xuño os máximos responsables de persoal do Santander dixeron que este Banco sempre integrou todas as entidades. “Pero tamén dixeron que a situación actual podería manterse durante meses ou anos coma o Banesto. Logo dixeron que a integración pode darse en setembro, decembro, ou agardar á vindeira xunta de accionistas, coma se non puidesen convocar unha extraordinaria”.
Continuidade da marca
Lembra tamén que desde a dirección do Santander recoñeceron que o Pastor é unha marca moi antiga en Galiza. Porén, interpelados polo representante da CIG, que lles indicou que segundo o Presidente da Xunta de Galicia había un compromiso por parte do Banco de estudar a posible continuidade da marca, “dixeron descoñecelo”.
Para a CIG-Banca “que as persoas que planifican a integración non coñezan ese ‘compromiso’ anunciado por Feijoo lévanos a pensar que estamos ante unha mentira”.
Tamén afirmaron que contan con todas as autorizacións, agás a de Competencia que está pendente. Isto, confirma, para a CIG-Banca, as súas previsións: “teñen que presentar un Plan de Integración/Reestruturación en Bruxelas”.
Este Plan debe elaboralo o Banco Santander e remitilo ás autoridades españolas (Banco de España e FROB), que a súa vez deben remitilo á Comisión da Competencia. “É a primeira vez que se utiliza o mecanismo europeo de resolución, polo cal non sabemos como actuará Competencia, pero até o de agora os Plans que autorizaba establecían o número de oficinas a pechar, os despedimentos previstos e mesmo o custe medio dos despedimentos. Logo os bancos presentaban un ERE como un requisito imposto por Europa”.
En todo caso, a CIG-Banca entende que calquera solución non xudicial para os/as pequenos/as accionistas afectados/as, debería incluírse no Plan se se pretende que poda ser asumido dalgún xeito con fondos europeos.