O Sahel: Francia nun túnel
O desencadeamento dunha crise social e política de amplas proporcións, ao mesmo tempo que unha complexa aventura militar chea de incertezas, que corre o risco de producir un efecto dominó na aceleración dos procesos de liberación, deberá ser coidadosamente avaliado polo Elíseo. Níxer, con todo o Sahel, pódese converter na última páxina do neocolonialismo francés
No medio de ameazas e tensións, o ultimato que a organización CEDEAO ofrecera a Níxer expirou. O Occidente colectivo clama contra o “golpe” pero apoia o deposto presidente Bazoum, que gañou as eleccións mediante fraude.
Bazoum é o home de Francia, xa que sempre tivo como prioridade os intereses de París no seu país e non os dos nixerinos, reprimindo a oposición e chegando mesmo a dar hospitalidade ás tropas francesas expulsadas de Malí.
O contaxio aos demais países da rexión, Senegal en primeiro lugar, é o maior temor occidental e por iso a CEDEAO (Comunidade Económica de África Occidental), dócil instrumento africano da devoción occidental, semella até o momento decidida a preparar unha intervención militar contra Níxer.
Dificilmente pode facerse pasar por unha resposta democrática o derrocamento dun goberno electo, máis ben é evidente que é Occidente quen determina que golpes son posíbeis e cales non, cales apoiar e cales combater. Porque en Malí, como en Guinea, como en Burkina Faso e en Níxer, o elemento distintivo dos levantamentos militares é só un: contan co apoio das respectivas poboacións, o que fai do “golpe” un pronunciamento militar que recolle as demandas populares, que varre as elites en favor dos últimos.
París sente o dedo no gatillo e avalía as cadeas de erros cometidos polos continxentes occidentais no Sahel. Mais o que complica o seu deseño dunha restauración violenta é un panorama xeral problemático, no que só os inimigos aparecen claros e insidiosos.
Os Estados Unidos non teñen ningunha intención de emprender unha guerra en África, e por varias razóns. O conflito global que Washington lidera contra a emerxencia dun deseño multipolar ten a China e Rusia como principais adversarios, mais, a diferenza de Francia, a curto prazo África ten si unha importancia estratéxica para os EUA, pero non vital.
Non é América Latina, nin tampouco Europa ou Asia. Nas condicións actuais dos EUA, cuxa recuperación económica se enxerga leve, enlamarse nunha guerra da que non se obterían beneficios estratéxicos concretos non é sostíbel política, militar e economicamente. Non por casualidade desmentiu oficialmente a versión francesa do papel ruso na destitución de Bazoum, afirmando que non hai responsabilidade do Kremlin no asunto de Níxer. Evidentemente, como comandante en xefe da OTAN, non pode deixar só a París, o que lle lembra que a guerra para salvagardar o imperio ten varias frontes, e probabelmente deixará a París, a capital máis implicada, a última palabra. Pola súa parte, Washington sabe que o compromiso co bando do réxime nazi ucraíno xa tensou dabondo as arcas estadounidenses e as súas capacidades militares como para se comprometer a fondo noutra guerra. Así que apoia a Francia, por comunalidade atlantista e tamén para evitar que París se bote atrás en Ucraína, pero sen implicación directa.
Gran Bretaña. Se Washington non lle pide que interveña no seu lugar, fica á marxe. Non ten intención de entrar nun conflito no que non tería nada que gañar, por suposto, a menos que Nixeria se expoña ao risco dun levantamento progresista, o que causaría bastantes dores de cabeza en Londres.
Alemaña. Asumiu un papel de liderado no apoio militar e de intelixencia a Ucraína e non pode volver entrar no taboleiro africano, onde a súa historia nazi exixe agora extrema cautela. Non hai ningún "Afrika korps" no horizonte: Berlín se cadra preferiría ver a París debilitado que á cabeza dunha iniciativa político-militar europea onde se debería sumar por obriga e non por interese.
Italia. Móstrase decididamente contraria a calquera tipo de iniciativa militar. Defende sen concesións as decisións de Estados Unidos e non hai desviación posíbel do camiño que sinala Washington. As tensións entre Roma e París, en materia de inmigración, non levan cara a unha xestión compartida en Europa e a Roma gústalle devolver a Francia o que recibiu en Libia.
Toda hipótese da intervención ve necesaria a formación dun "casus belli", e ao non poder alegar o afán de saqueo de Níxer, un escenario militar necesita unha condición política, é dicir, que as tropas francesas sexan chamadas ao rescate por outros países africanos. A desinformación encargarase de proporcionar noticias alarmantes e atroces sobre vagas violacións dos dereitos humanos e sobre o propio destino persoal de Bouzum que tratarán de xustificar a intervención. Despois, encargarase de formar un goberno no exilio con persoeiros do réxime deposto, xusto os que acaban de ser liberados nun asalto de comandos franceses de hai algúns días a unha casa onde estaban retidos algúns da vella xunta.
En plan operativo o elemento máis complexo concirne aos dous países de certa importancia militar que deberían facilitar o camiño a Francia: O Chad e Nixeria. Pero ambos están ensarillados en problemas internos de non pouca importancia.
Nixeria, en particular, parece incapaz de facer fronte á guerrilla de Boko Haram e á do Estado Islámico de África, así como ao crime organizado e non ser capaz de acabar con grupos terroristas duns poucos centos de persoas non é precisamente un gran historial para se enfrontar a tropas regulares de tres países. A isto engádese unha realidade económica moi difícil entre inflación, a débeda e a falta de crecemento nun dos principais países produtores de petróleo do mundo.
O presidente, Bona Tinubu, fráxil e corrupto, xa condenado nos Estados Unidos por narcotráfico, está considerado como unha das peores figuras da historia política do país africano e atópase sumido nunha profunda crise política e carece da autoridade necesaria para lle facer fronte. O Observatorio Nixerino de Resposta Rápida ás Crises (OSPRE) pronunciouse tallantemente en contra de calquera inxerencia en Níxer, do mesmo xeito que o Consello de Partidos Políticos (que se declara amigo da xunta de Niamey) e os sindicatos. Tendo en conta o apoio popular á xunta e o crecente resentimento contra os franceses, declararon abertamente a súa oposición a calquera intervención que faga que Níxer pareza un invasor e non un libertador. O temor é provocar un incendio que se estendería a miles de quilómetros e a Nixeria.
O Chad, pola súa banda, aínda que moi vinculado a Francia, ten no seu presidente Idriss Deby (instalado por un golpe de estado en 2021 e, por tanto, pouco apto e presentábel para unha “cruzada de democracia” por razóns obvias) un interlocutor problemático para Washington e Bruxelas, despois de que os cachasen facendo plans para unha "revolución de cor" da que culparan a Rusia nunha operación de falsidade mediática. Deby non mordeu o anzol e, en lugar de expulsar o embaixador ruso, expulsou o alemán. O que fai pensar detidamente nun NON pola súa posíbel utilización é o feito de que hai uns días Deby visitou Níxer e se reuniu coa xunta gobernamental, á que asegurou que "nunca e por ningún motivo o Chad poñerá en marcha operacións militares contra Níxer, xa que o novo goberno é querido polo seu pobo".
Senegal, estritamente francés, ten unha situación interna moi delicada e a detención do querido líder da oposición, Ousmane Sonkò, está a provocar fortes repercusións nos equilibrios internos, que aconsellan prudencia á hora de ter conflitos cun país cuxos dirixentes políticos están ben considerados e non ameazan de ningún xeito a Dakar. Unha intervención militar exporía o goberno a un risco de convulsión interna e proxectaría unha imaxe do país como avanzada francesa contra o África libre.
En resumo, trátase dun panorama complexo que debería conter a intervención militar. París está entre non querer ceder e non poder intervir, se non quere que toda a construción ideolóxica e mediática de carácter rusófobo sobre a intervención en Ucraína se derrube como un miserábel castelo de naipes.
Todo isto non significa en absoluto que os plans de intervención militar deban considerarse secundarios, senón todo o contrario. Nalgúns aspectos, a complexidade e o risco poderían ser incluso un acelerador da iniciativa militar francesa. París non se pode permitir abandonar África co rabo entre as pernas porque -máis que dunha cuestión de imaxe- se trata dunha cuestión de supervivencia do seu modelo.
Mais as revoltas dos últimos anos nas banlieues, o ascenso dunha terceira e cuarta xeración de inmigrantes procedentes do norte de África, case todos de relixión islámica, que foi capaz de poñer en xaque o país nos últimos meses, exhibiu un rexeitamento á identidade política francesa que no caso dunha guerra contra Níxer se podería converter nunha auténtica "fronte interna", moi difícil de atallar para un Goberno carente de toda autoridade como o de Macron.
O desencadeamento dunha crise social e política de amplas proporcións, ao mesmo tempo que unha complexa aventura militar chea de incertezas, que corre o risco de producir un efecto dominó na aceleración dos procesos de liberación, deberá ser coidadosamente avaliado polo Elíseo. Níxer, con todo o Sahel, pódese converter na última páxina do neocolonialismo francés. A grandeur, máis que unha ambición, corre o risco de se converter nunha tumba.
[Artigo tirado do sitio web nicaraguano El 19, do 12 de agosto de 2023]