O Sahara Occidental e Marrocos: guerra híbrida e lawfare

Luis Mangrane - 14 Xun 2021

Marrocos pretende invisibilizar a guerra do Sáhara Occidental, negando incluso as propias baixas, aínda que resulta evidente que ambos os bandos están tendo perdas e custos importantes. Durante a cobertura desta crise diplomática si que se desviou a atención sobre a guerra. Que Marrocos intentou negar as consecuencias da guerra fai parte da historia

 Durante varias semanas o internamento de Brahim Ghali nun hospital de Logroño para ser tratado de coronavirus estivo no centro dunha crise mediática, política e migratoria sen precedentes entre Marrocos e o Estado español, aparentemente provocada por esta acción de axuda humanitaria.

 A filtración da presenza de Ghali no Estado español veu seguida dunha serie de noticias na prensa en que o líder da Fronte Polisario e Presidente da República Árabe Saharauí Democrática parecía a encarnación mesma do coñecido home do saco; durante este tempo os medios que tradicionalmente se sitúan do lado das teses marroquís no contencioso do Sáhara Occidental fixéronse eco de afirmacións de tipo calumnioso, preparando a reactivación de dúas causas xudiciais contra o mandatario saharauí, impulsada tras coñecerse a súa presenza no Estado español.

 A reactivación das causas contra Ghali tras a que se atopa a longa man de Marrocos non é allea á guerra entre o Reino Alauí e a Fronte Polisario e constitúe un claro exemplo de lawfare, ese termo anglosaxón que serve para designar a utilización do dereito para a persecución dos inimigos políticos.

 No libro de Arantxa Tirado El lawfare. Golpes de Estado en nombre de la Ley, a autora lémbranos que “nun contexto en que o uso da forza militar convencional, sobre o terreo, ten cada vez peor prensa. O uso da lei, xunto ao das comunicacións e a cibernética son elementos cada vez máis presentes nos conflitos e ameazas híbridas”. Tirado sinala que o lawfare é “unha poderosa arma de guerra que ten a virtude de se camuflar na legalidade para disimular os seus obxectivos ilexítimos”.

 As querelas coas que se pretendeu xudicializar o máximo líder da Fronte Polisario son a resposta á querela que interpuxo en 2006 a Asociación Pro Dereitos Humanos de España e outras entidades previamente contra altos cargos militares e policiais marroquís acusados de graves delitos lesa humanidade e xenocidio contra o pobo saharauí. O avogado oscense Manuel Ollé, quen dirixe este proceso xudicial contra responsábeis marroquís e á súa vez exerce a defensa de Ghali, nun recente artigo destacou que Marrocos mente e pretende converter a Ghali nun criminal inventando para iso dúas querelas disparatadas. Unha reacción ante o avanzado estado de tramitación da querela contra eses once cidadáns alauitas, procesados na Audiencia Nacional e suxeitos a ordes internacionais de detención con fins de extradición, como responsábeis de horrendos crimes cometido contra o pobo saharauí.

 A denominada Asociación Saharauí para a Defensa dos Dereitos Humanos (ASADEH), promotora dunha destas querelas, está presidida por Ramdane Messaoud, quen para o xornalista marroquí Ali Lmrabet, exiliado en Barcelona, é un axente da intelixencia marroquí. En definitiva, estariamos ante a aplicación dun dos principios da propaganda, establecidos por Joseph Goebbels, nomeadamente o da transposición: cargar sobre o adversario os propios erros ou defectos, respondendo o ataque con ataque.

 En 2007, ASADEH, criticaba a admisión a trámite desa querela contra autoridades marroquís como "irresponsábel" ao sentar "un perigoso precedente" aínda que non tardaron en acudir á Audiencia Nacional con base nos mesmos principios de Xustiza Universal que as autoridades marroquís tentan burlar evitando a súa citación e declaración ante os Tribunais españois.

 Finalmente, o Xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz deixou en liberdade a Ghali, sen medidas cautelares, despois de escoitar declaración voluntaria, afirmando que «o informe da acusación non forneceu elementos sequera indiciarios», xa que as testemuñas preguntadas na causa non presentaron probas para corroborar que Ghali cometa os graves delitos polos que é investigado, entre os que están xenocidio, lesa humanidade e torturas nos campamentos de refuxiados saharauís no Tinduf (Alxeria)”.

Crise migratoria en Ceuta

 Esta crise diplomática entre o Estado español e Marrocos tivo o seu episodio máis álxido (de momento) coa entrada duns 10.000 marroquís e migrantes subsaharianos en Ceuta, ante a apertura das fronteiras por parte da policía marroquí, incluíndo o engano a menores de idade. O analista Andrew Korybko afirma que “a guerra híbrida é o caos administrado” e as dantescas escenas de nenos, incluídos bebes, no mar, obedecen a esa lóxica. Uns acontecementos que se tentaron atribuír ao xesto humanitario do Goberno español para con Ghali, até que a propia prensa marroquí recoñeceu que o fondo da crise é a postura do Estado español respecto do Sáhara Occidental.

 O pretendido malestar por acoller o líder do Polisario, tan aireado polos propagandistas marroquís, pretendía distraer e desviar a atención do importante (a cuestión da soberanía do Sáhara Occidental), nun claro exemplo dunha das estratexias de manipulación mediática descritas por Sylvain Timsit. O enfado disimulado é non conseguir que ningún país europeo e menos o Estado español, potencia administradora do Sahara Occidental, realicen un pronunciamento semellante ao realizado por Trump durante a fase final do seu mandato recoñecendo a marroquinidade do Sahara. A histérica reacción marroquí utilizando a súa propia poboación, incluída a infantil, como ferramenta de presión foi demasiado mesmo para Marrocos, a quen non lle sentou ben declaracións de representantes da Unión Europea como o vicepresidente da Comisión Europea Margaritis Schinas quen afirmou que Europa non se deixará “intimidar” ou "chantaxear por ninguén" en materia migratoria en referencia á crise desatada por Marrocos. O posterior pronunciamento do Parlamento Europeo condenando a actuación de Marrocos por usar a migración como arma política é outro revés para a conduta marroquí.

Guerra no Sahara Occidental

 Marrocos pretende invisibilizar a guerra do Sáhara Occidental, negando incluso as propias baixas, aínda que resulta evidente que ambos os bandos están tendo perdas e custos importantes. Durante a cobertura desta crise diplomática si que se desviou a atención sobre a guerra. Que Marrocos intentou negar as consecuencias da guerra fai parte da historia. Durante a etapa de 1975-1991, chegou mesmo a abandonar á súa sorte os presos de guerra marroquís que despois do cesar do fogo permanecían nos campamentos de refuxiados saharauís ata que a Cruz Vermella Internacional tivo que intervir para trasladalos a Marrocos ante o seu desinterese en retornalos ao Reino alauí.

 Que precisamente durante o annus horribilis de coronavirus Marrocos proseguise a súa carreira armamentística, incluíndo a compra ao Estado español dunha fragata á empresa pública Navantia por 150 millóns de euros, evidencia a orde de preferencias das autoridades marroquís e a irresponsabilidade das españolas ao vender armas a un país que ocupa e somete a dominación colonial un territorio como é o Sáhara Occidental.

 É neste contexto de guerra híbrida en que se entenden e cobran sentido as querelas contra Ghali, os ataques á poboación civil saharauí por parte das autoridades marroquís, o silenciamento e desviación da guerra no Sáhara Occidental, que tan mala prensa teñen para os vendedores de armas e os políticos que autorizan tales exportacións, incluso a migración usada como elemento de presión ou chantaxe.

 Esperemos que esta nova fase da guerra do Sáhara Occidental non se prolongue nin teña o custo da etapa anterior, que o Reino de Marrocos non prexudique e empobreza máis a súa poboación, persistindo na aventura de conseguir a anexión do Sahara Occidental pola forza (prohibida polo Dereito Internacional), e que non se comporte como un estado matón cos seus veciños e finalmente que o Estado español e a Unión Europea, que pretenden respectar os Dereitos Humanos, cesen todo fornecemento de asistencia militar para facer parte da solución e non deste problema. En definitiva, que se permita ao pobo saharauí exercer pacificamente un dereito á autodeterminación que ten recoñecido internacionalmente e que o propio Reino de Marrocos aceptou no pasado.

 

[Artigo tirado do sitio web Ara.info, do 11 de xuño de 2021]