O SAF de Salceda paga salarios de até case 1000 euros por debaixo do convenio
As traballadoras do Servizo de Axudo no Fogar (SAF) de Salceda de Caselas levan 14 meses denunciando diante do Concello que están a percibir salarios por debaixo do que establece o convenio colectivo, xa que o incremento acumulado do IPC e o feito de que o contrato fose licitado a prezo de custe provoca que estean a ingresar até case 1000 euros menos ao ano. Ante a falta de resposta, decidiron pasar á acción e interviñeron no pleno para explicar a súa situación, ademais de mobilizarse nun acto municipal coincidindo co Día Internacional das Mulleres Traballadoras.
Dende a CIG que lembran que esta problemática que padecen as empregadas do SAF ten a súa orixe en 2020, cando o Concello xunto coa publicación dos pregos de condicións do concurso emite un estudo económico que fixaba o prezo do servizo en 17,99 €/hora e no que se concluía que o 90% do custe do servizo antes de beneficio corresponde a gastos de persoal. “Mais finalmente foi licitado por catro anos a 16,70 €/hora, apenas dúas centésimas por enriba do custe de persoal”.
Ademais, nese estudo económico estimábase un crecemento do IPC do 1,5%, “pero a realidade económica derivada da crise da inflación provocou un incremento do IPC acumulado nestes tres anos do 15,4% , unha cantidade imprevista e inasumíbel para un contrato que foi a licitado a prezo de custe”.
A maiores, as auxiliares do SAF de Salceda padecen unhas condicións de traballo caracterizadas pola falta de descanso semanal e diario, escaseza de medidas de seguridade e hixiene, xornadas partidas até en tres períodos, abuso da contratación parcial, flexibilidade e dispoñibilidade absolutas, coche propio a disposición do Concello, etc. “E todo por un soldo medio de apenas 800,3 euros netos, polo que nos atopamos con nais de familia que teñen traballo pero non salario, con traballadoras municipais que non alcanzan a ser sustento da súa familia”, censuran.
Compromiso da Alcaldía
Por iso as afectadas, co apoio da CIG, levan 14 meses na procura dunha solución, “sentando até en cinco ocasións na mesa á empresa, aos distintos gobernos e a varias concelleiras, ofrecendo acordos, visitando despachos, e até mantendo xuntanzas en bares”, tal e como sinalou a traballadora encargada de intervir no pleno en representación das súas 29 compañeiras.
“A Alcaldía comprometérase a que unha vez aprobado o incremento do IBI poderíase abordar a actualización do prezo do SAF que permitiría o cobro de atrasos; pero todo segue igual, polo que reclamamos medidas urxentes como a actualización do prezo ou a apertura dun expediente á empresa, se é necesario, e a resolución do contrato, así como o inicio inmediato dos trámites dunha nova licitación”.
Finalmente, anuncian que até que isto non se produza seguirán acudindo a todos os plenos e desenvolvendo mobilizacións, como a que tivo lugar o pasado 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, coincidindo cun acto organizado polo Concello.