O SAF de Ponteareas desenvolverá protestas diarias até que se actualicen os salarios
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas desenvolveron hoxe a primeira das protestas que terán lugar a diario diante do consistorio a partir das 12:30 horas até que a empresa concesionaria, Aralia Servizos, lles actualice os salarios conforme ao IPC e lles abone os complementos salariais segundo convenio.
Dende a CIG lembran que o cadro de persoal do SAF mantivo un conflito en 2022 e 2023 coa anterior adxudicataria por este motivo, mobilizacións que remataron coa rescisión do contrato con Samain, a sinatura dun pacto de centro de traballo no que se lle recoñeceu un complemento de transporte e complementos específicos de sábado e domingo e a publicación dunha nova licitación por parte do Goberno saínte, do BNG.
As traballadoras están fartas de seren maltratadas polas empresas adxudicatarias e pola Administración
“Mais dende a incorporación da nova adxudicataria, Aralia Servizos, en setembro de 2023 as traballadoras non teñen cobrado nin un só mes correctamente. O Concello foi informado formalmente deste e doutros incumprimentos nunha reunión mantida cos responsábeis do servizo o pasado mes de xaneiro, e mediante escrito dirixido á responsable de Servizos Sociais, rexistrado o 3 de abril”.
Días despois as traballadoras celebraron unha asemblea para abordar a situación, na que decidiron por unanimidade que fronte aos incumprimentos da empresa e á inoperancia do Goberno local ían levar a cabo concentracións diarias até ter cobrado correctamente os seus salarios e os atrasos dende o mes de setembro.
“O cadro de persoal está farto de ser maltratado polas empresas adxudicatarias e pola Administración. Non hai que esquecer que aínda se están a celebrar xuízos porque teñen cantidades sen cobrar da empresa Samain, e todo apunta que con esta nova adxudicataria a situación vai ser a mesma”.
Finalmente, na CIG fan fincapé no feito de que tratándose de traballadoras dun servizo municipal de atención a persoas dependentes “non se entende que teñan que ser obrigadas ano tras ano a acudir aos xulgados para cobrar a miseria de salario que por dereito lles pertence”. Por iso inciden en que as afectadas non van cesar nas mobilizacións “até que as súas condicións laborais cumpran coa lexislación vixente, xa de por si precaria”.