O rural rebelde e a unidade obreiro-campesiña

Manuel Mera - 21 Nov 2022

En xullo de 1922 realizouse en Tui un Congreso Agrario de toda Galiza, organizado pola Federación Provincial Agraria de Ourense á que asistiron centos de asociacións representando a uns 50.000 labregos/as. Naquel intre o rural galego fervía

 Todos os anos se celebra en Sobredo (Guillarei-Tui) o acto de homenaxe que lembra os/as mártires desta aldea, cando no ano 1922, hai un século, morreron por tiros da Garda Civil tres labregos, dous homes e unha muller, e foron feridos/as outros dez. Esta represión contra as xentes do rural era daquela unha constante, do que hai moitas testemuñas no século XIX e principios do XX. Deste último período destacan a represión en Oseira (1909, Cea), Nebra (1916, Porto do Son), Sofán (1919, Carballo), etc.

 Polo tanto, contra a opinión que hoxe se puidese ter do mundo rural galego como economicamente atrasado e un verxel carente de conflitividade social, agás por cuestións moi específicas e individualizadas, en comparanza coa mobilización ligada ás cidades e grandes vilas, ou a outras nacións do Estado español, esta é unha fotografía incorrecta da realidade. Unha valoración que esquece que antes do proceso que baleirou de xente o rural, e da durísima represión da ditadura franquista, os labregos/as tiveron un papel destacado nas loitas reivindicativas e defensivas diante dos múltiples atropelos. Ou outro aspecto que non se pode ignorar é a alianza co movemento obreiro en moitas destas loitas, por exemplo en Sobredo, mais tamén en Nebra.

 En xullo de 1922 realizouse en Tui un Congreso Agrario de toda Galiza, organizado pola Federación Provincial Agraria de Ourense á que asistiron centos de asociacións representando a uns 50.000 labregos/as. No xornal A Nosa Terra (ANT) destacábase que se fundou a “Central Regional Agraria Gallega”, e o derradeiro día realizouse un mitin ao que asistiron milleiros de persoas. Asemade agasallouse o presidente deste Congreso, Basilio Álvarez, cun banquete por “ser a alma mater do actual renacer agrario”. ANT criticaba duramente que Asemblea Agraria da Coruña, realizada no ano 1919, caese en mans de caciques, e aclaraba que, aínda que a esta última realizada en Tui se lle chamase asemblea rexional no futuro había que denominala nacional. O vicepresidente desta asemblea foi Dionisio Quintillán. Días despois realizouse un mitin en Ourense onde falaron Melquiades Álvarez e Basilio Álvarez.

segundo un xornal de Pontevedra do 17 de febreiro: “A anarquía social que hoxe reina nas provincias de Ourense, Pontevedra e unha parte de Lugo, é tan grande, que sen temor a nos trabucar, pódese dicir que isto non é máis que un paso para implantación do réxime soviético, en prazo non moi lonxano, triste é dicilo!”. Como se ve, a Revolución Rusa causaba preocupación tamén neste extremo de Europa.

 No mes de novembro de 1922 foron detidos directivos da “Sociedad Agraria de Ribadelouro” e da “Federación Local de Trabajadores” de Tui, esixíndolles o xuíz para os deixar en liberdade unha fianza de 85.000 pesetas, cinco mil por cada un dos directivos (unha barbaridade naquela época). Días despois sumáronse ao paro en solidariedade os obreiros do concello. Dúas semanas despois, o 25 de novembro, o Gobernador Civil suspendía o funcionamento de varias sociedades agrarias do concello. Ao día seguinte os xornais indican que continuaban os embargos, e que eran en total uns corenta. En todo este período informan tamén da entrada e saída da prisión de numerosas persoas relacionadas co conflito.

 Neste contexto algúns campesiños de Tui negáronse a pagar por inxustas as rendas dos foros; o día en que se pretendía executar embargo do por orde xudicial, reuníronse lugar para impedilo uns 2.000 veciños e veciñas. Os titulares dos xornais falaban ao día seguinte de “veciñanza amotinada”. Os efectivos que acompañaban os representantes do xulgado eran dez parellas de infantería da Garda Civil e outras tres de cabaleira. O xornal La Zarpa, do 30 de novembro, co subtitulo de “o caciquismo escribe na Galiza outra páxina de sangue” eleva o número de mortos/as a catro, ao engadir o deceso dun dos feridos graves; e un total de 14 feridas/os. A protesta labrega foi duramente reprimida co saldo de persoas mortas e feridas as que se facía mención ao principio deste artigo, e un gran número de detencións. O día 2 de decembro os obreiros da localidade en paro (por solidariedade) acordan volver ao traballo, e o día 5 iría á folga toda a provincia de Pontevedra para denunciar á represión en Sobredo e en apoio coa loita labrega, esixindo que se solucionase axiña a cuestión dos foros. Os xornais destacaban que o paro fora total en Vigo. Unha demostración máis da unidade obreiro-campesiña.

 Sobre estes feitos Basilio Álvarez, ese crego axitador que apoiaba a causa labrega, afirmou en La Zarpa: “xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”. En resumo que o rural reivindicativo ten unha longa historia, ligada en moitos casos á mobilización da clase obreira. Había moito en común, desde os obxectivos, até na maior parte dos casos a orixe ou estreita vinculación co mundo rural. O sucedido en Sobredo é un exemplo.

 Ramón Cabanillas dedicou un poema do seu libro Da Terra Asoballada a estes combativos e tráxicos acontecementos:

¡Galicia encadeada cos ferros de Castela

por fillos treizoeiros e por caciques-lobos,

no teu ceo azuado hai unha nova estrela!

¡ardente e sanguiñenta, agoira tempos novos!

 

¡Irmáns! ¡Erguede o berro

de amor e santidade!

¡Galicia e Liberdade

do traballo e do Chan!

 

[Galiza, 21 de novembro de 2022]

https://obloguedemera.wordpress.com/