O rumbo perdido da Unión Europea
A UE envolve Ucraína na fantasía dun Estado democrático afín que loita pola súa independencia contra un «gran irmán» prepotente. Isto non ten sentido. Ucraína está dividida étnica, lingüística, cultural e ideoloxicamente. Está en plena guerra civil. Leva décadas en guerra civil
A UE, con moito ruído e poucas noces, anunciou esta semana o noveno paquete de sancións a Rusia. Que pasa coas sancións que a UE non «entende»? Rusia sobreviviu comodamente ás sancións financeiras occidentais –incluso o ferventemente anti-Putin The Economist está de acordo. Quizais sexan as sancións tecnolóxicas as que acaben «esganando Rusia», di. Boa sorte coa espera! Quen acaba esganando a quen?
A UE segue ocupada tentando («legalmente») anexionar todos e cada un dos activos rusos en Europa. E que obxectivos rusos atopou a UE para sancionar? Ben, non foi unha caza doada, posto que xa se sancionaron moitas cousas. Así que a atención céntrase en facer ilegal calquera última voz rusa que aínda exista en Europa.
Si, os europeos estamos tan desorientados pola choiva de desinformación estatal e polas mentiras escandalosas e evidentes, que moitos empezaron a se cuestionar a súa propia cordura e a dos que os rodean. Na súa perplexidade, chegaron a ver a «mensaxe» das interminábeis sancións como «perfectamente racional». Foron hipnotizados en «Ou estás ‘coa narrativa’ ou ‘contra ela’».
Así pois, claramente, todo o discurso ruso dentro de Europa debe ser eliminado: «A cuestión é», dixo Alice, «se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes». «A cuestión é», dixo Humpty Dumpty, «quen é o amo. Iso é todo». (A través do espello, de Lewis Carroll)
A semana pasada, o Consello Xeral da UE declarou que lle «preocupa que Turquía manteña unha estreita relación con Rusia, a pesar da guerra en Ucraína e as duras sancións occidentais contra Moscova». O profundamento dos lazos económicos entre Turquía e Rusia é «motivo de gran preocupación», dixo o xefe da política exterior da UE, Borrell, nunha carta ao Parlamento Europeo. Tamén era «motivo de preocupación» a política continuada de Turquía de «non se sumar ás medidas restritivas da UE contra Rusia», dicía a carta. É importante que Turquía non ofereza a Rusia ningunha solución ás sancións, advertiu Borrell. Ao que o Presidente Erdogan retrucou: «É unha declaración fea». Borrell non pode definir e formalizar as nosas relacións con Rusia. Non ten nin a cualificación nin a capacidade para tomar tales decisións. Quen é el para avaliar as nosas relacións con Rusia en materia de sancións?» Posteriormente, o 12 de decembro, Borrell anunciou que a UE acordará un paquete de sancións «moi duras» contra Irán: «Imos aprobar un paquete de sancións moi duro. Tomaremos todas as medidas que poidamos para apoiar as mulleres novas e os manifestantes pacíficos. E tentaremos acordar máis sancións contra Irán polo fornecemento de drons a Rusia».
En poucas palabras, a UE dobra a aposta, é máis, triplícaa: aumenta as súas sancións contra calquera que «non estea coa narrativa».
É abraiante (ou se cadra «non») que a UE non estea a ler ben as runas sobre Ucraína, en termos da loita sobre a política ucraína que ten lugar en Washington. En poucas palabras: a elite realista dos Estados Unidos, xunto con Henry Kissinger –un «falcón» que ás veces se fai pasar por realista- enfróntase á elite rusófoba, insinuando que esta última desexa unha guerra maior (que Estados Unidos non faría ben en librar).
Aínda que esa posición non sorprendería a maioría dos lectores, Kissinger -ao dicir que desmembrar Rusia ou destruír a súa capacidade de dirixir unha política estratéxica é un «non-non»- ispe implicitamente a camada neoconservadora ao formular os seus obxectivos encubertos na conciencia obxectiva (esta última sempre negou que o seu obxectivo sexa desmembrar Rusia en estados intranscendentes e logo apoderarse dos seus recursos). Kissinger polo menos «aborda» o tema.
Até o de agora, estas manobras entre as elites estadounidenses teñen máis que ver coa preparación do terreo nos grupos de debate sobre política exterior de Estados Unidos que co nacemento dunha nova política. (Quizais sexa demasiado cedo para iso?).
A UE, porén, quere «marcar o seu territorio», mais non pensa ben as cousas. Olaf Scholz, pola boca pequena, fala dun cesamento do fogo e a retirada completa das tropas rusas de Ucraína. O primeiro ministro británico, con todo, botou auga fría sobre calquera cesamento do fogo: Occidente debería considerar que calquera chamamento ruso a un cesamento do fogo na súa guerra contra Ucraína «carece completamente de sentido» nas circunstancias actuais, dixo o luns Rishi Sunak.
Ben, mesmo se houbese unha retirada ás posicións do 24 de febreiro de 2022 (esa é a proposta de Kissinger), iso simplemente non funcionaría como base para un cesamento do fogo, senón que pon de manifesto a inxenuidade do «pensamento» da UE.
A UE envolve Ucraína na fantasía dun Estado democrático afín que loita pola súa independencia contra un «gran irmán» prepotente. Isto non ten sentido. Ucraína está dividida étnica, lingüística, cultural e ideoloxicamente. Está en plena guerra civil. Leva décadas en guerra civil. Con ducias de miles de mortos.
Pretender simplemente que este feito fundamental non afectou a ningún marco de cesamento do fogo é ridículo. As liñas de asedio dos nacionalistas armados están situadas ao alcance dos foguetes das cidades civís do norte (culturalmente rusas) (como Donetsk) que os nacionalistas radicais desexan conquistar e someter.
Tal cesamento do fogo sería análogo á reinserción das forzas católicas do Exército Republicano Irlandés (IRA) ante os narices dos paramilitares protestantes de Irlanda do Norte. Acredita alguén en que Londres sería capaz de abandonar sen máis os protestantes ante semellante perspectiva? Pois ben, Moscova tampouco non pode permitir que os rusos étnicos (sobre todo en terras que forman parte de Rusia desde hai séculos) se deixen levar polo vento dun cesamento do fogo no que todo volva ser «como antes» (é dicir, cando as forzas nacionalistas trataban á cidade de Donetsk coma se fose un tímido coco).
Hai que lle recoñecer a Kissinger o seu mérito, pois admite a inverosimilitude do cesamento do fogo ao se referir á posíbel partición de Ucraína (a través de referendos), converténdose nunha necesidade, se a súa proposta de cesamento do fogo resultase imposíbel.
A UE está moi lonxe de pensar así. Máis ben, a UE atrincheirouse nunha «trincheira Bakhmut» coa súa Ucraína «debe gañar», e «debemos apoiar a Ucraína durante «o tempo que faga falta». A UE actúa coma se crese ter o control; é dicir, que a UE decidirá se se lle vai «conceder un cesamento do fogo» a Rusia… ou non.
O máis probábel é que a UE sexa un espectador que observa os acontecementos desde fóra. Non sentará á mesa. E poida que nunca haxa un «cesamento do fogo» formal. Aos diplomáticos gústalles demasiado dicir que os conflitos nunca se resolven por medios militares, pero iso é totalmente falso. Adoito é necesaria unha demostración de forza militar, precisamente para catalizar e provocar un cambio tectónico.
Ou, sinxelamente, o resultado pode xurdir de «dentro para fóra», é dicir, dun reaxuste de liderado de abaixo arriba, ou de fóra para dentro, que se produza dentro de Kiev ou no exército ucraíno, á marxe de calquera implicación directa da UE ou Estados Unidos. Esta posibilidade non se debe pasar por alto.
As consecuencias para as elevadas pretensións da UE de intervir nos acontecementos de Ucraína non son triviais, senón de orde estratéxica. A máis inmediata é que o apoio fanático da UE a Kiev afastou cada vez máis a Ucraína etnicamente «antirrusa» de calquera posibilidade de servir como Estado neutral ou tampón.
O mesmo para calquera papel da UE. Queimou calquera ponte como mediadora. Por que ían confiar os ucraínos etnicamente rusos na UE (cando o Kremlin non o fai)? O avivamento -por parte de «activistas» ucraínos, dentro da clase dirixente da UE e ao máis alto nivel da UE- de sentimentos tóxicos antirrusos estabeleceu inevitabelmente unha amarga liña de fractura en Ucraína.
Porén, non se limita unicamente a Ucraína: está a fracturar Europa e creando unha liña de fractura estratéxica entre a UE e o resto do mundo.
O presidente Macron dixo esta semana que ve «resentimento» nos ollos do presidente Putin. «Unha especie de resentimento» dirixido contra o mundo occidental, incluídas a UE e os Estados Unidos, e que está alimentado pola «sensación de que a nosa perspectiva era destruír a Rusia».
E ten razón. Así e todo, o resentimento non se limita aos rusos que chegaron a desprezar a Europa, senón que en todo o mundo bole o resentimento por todas as vidas destruídas que deixou ao seu paso o proxecto hexemónico occidental. Incluso un embaixador francés de alto rango describe agora a orde baseada en normas como unha inxusta «orde occidental» baseada na «hexemonía». A entrevista de Angela Merkel á revista Zeit confirma ao resto do mundo que a autonomía estratéxica da UE sempre foi unha mentira. Ela admite que a súa defensa do cesamento do fogo de Minsk de 2014 foi un engano. Foi un intento de dar tempo a Kiev para reforzar o seu exército, e tivo éxito nese sentido, dixo Merkel: «[Ucraína] utilizou este tempo para se fortalecer [militarmente], como se pode ver hoxe. A Ucraína de 2014/15 non é a Ucraína de hoxe».
A UE postúlase como un actor estratéxico; unha potencia política por dereito propio; un coloso do mercado; un monopsonio [estrutura de mercado cun único demandante] con poder para impor a súa vontade a quen comercie con ela. En poucas palabras: a UE insiste (e cre) que posúe un alcance político significativo. Mais non ten poder político nin militar per se (é vasala de Estados Unidos). Máis ben, a súa influencia derívase da súa magnitude económica, que desperdiciou facéndose dano a si mesma.
[Artigo tirado do sitio web El Viejo Topo, do 30 de decembro de 2022]