O rexistro retributivo de Stellantis, a xuízo tras ser demando pola CIG por incumprir a normativa en materia de igualdade
O Xulgado do Social número 2 de Vigo acolle este mércores día 6 a partir das 11:15 horas un xuízo contra Stellantis a raíz da demanda presentada pola CIG contra o rexistro retributivo presentado pola empresa tanto este ano como en 2021, ao entender que incumpre a normativa básica en materia de igualdade retributiva.
Dende a central sindical lembran que a nova normativa contempla varias ferramentas para lograr a igualdade retributiva, sendo unha delas o propio rexistro retributivo, que afonda no principio de transparencia retributiva para que se poidan detectar as eivas ou carencias que poidan existir dentro das empresas e marcar liñas de actuación específicas “que fagan que a fenda salarial desapareza primeiro do mundo do traballo e logo a nivel social”.
Na CIG consideran que a eliminación de calquera tipo de discriminación por razón de xénero no ámbito laboral non só é unha cuestión indispensábel senón tamén urxente, “e temos un compromiso claro de traballar activamente dende o sindicalismo na eliminación de calquera tipo de discriminación e na promoción da igualdade”, en palabras de Ester Mariño, técnica Igualdade da CIG e secretaria das Mulleres da CIG de Vigo.
Stellantis non é a única empresa que fai un paripé e presenta un documento con moitas carencias legais para cumprir con esta obriga normativa
Neste senso, incide en que Stellantis non é a única empresa que fai un “paripé” e presenta un documento con moitas carencias legais para cumprir con esta obriga normativa, “xa que nos estamos atopando con esta mesma problemática en moitas compañías, tanto a nivel de rexistro retributivo como de negociación de plans de igualdade”. Mariño lamenta que as empresas non tomen en serio este tipo de ferramentas de promoción da igualdade, “senón que intentan cubrir simplemente o trámite legal sen negociación e mediante un proceso escurantista no que moitas veces ocultan información”.
Con este tipo de demandas a central sindical quere deixar claro que está vixilante e que vai denunciar os incumprimentos normativos nos xulgados, na autoridade laboral e diante da propia sociedade. “É urxente que este tema se converta nunha cuestión de primeira orde e se tome coa seriedade que require”.
No que ten que ver con esta demanda en particular, dende a CIG censuran o escurantismo da empresa, que non consultou á representación legal das persoas traballadoras antes de levar a cabo o rexistro retributivo, algo ao que está obrigada segundo o artigo 28 do Estatuto do Traballo. “Stellantis o único que fai é elaborar o documento de rexistro e presentalo, sen que a representación do persoal teña ningunha capacidade de decisión de como se van presentar ou recoller este tipo de datos”.
Diferencias salariais superiores ao 25%
Ao mesmo tempo, sinalan que a compañía calcula a fenda salarial en base ao salario/hora, polo que as fendas salariais que se derivan dos contratos a tempo parcial, do uso de dereitos de conciliación ou da temporalidade quedan fóra. “Pero aínda é máis grave o feito de que faga unha distinción entre persoas digamos considerábeis e outras que considera descartábeis, que son eliminadas do rexistro”. Estas persoas son as que teñen contratos temporais de menos de 90 horas, entre as que hai unha elevada porcentaxe de mulleres, polo que deste xeito rebaixan a fenda salarial.
Con todo, e pese a este intento de ocultar a realidade, nesta empresa, como en moitas outras, existen diferencias salariais entre un sexo e o outro superiores ao 25% en moitos conceptos, sobre todo en categorías, que a dirección nin xustifica nin achega os motivos a pesar de que está obrigada por lei ao superar esta porcentaxe.
En consecuencia, a central sindical presentou as alegacións pertinentes, “pero a de acción da empresa obrigounos a presentar unha demanda no xulgado, que xa adiantamos que non vai ser a única porque Stellantis non é a única empresa que fai este tipo de “chapuzas” para salvar estes trámites legais”. Finalmente, adiantan que seguirán coas denuncias públicas e nos xulgados, sen descartar a convocatoria de mobilizacións se as empresas non comezan a tomarse en serio a eliminación de calquera tipo de discriminación, sobre todo en ámbitos tan masculinizados como o sector da automoción.