
O rexistro da xornada laboral xa é obrigatorio

No mes de xuño do ano 2017 a CIG remitiulles a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados/as e do Parlamento galego unha proposición de lei para que o rexistro diario da xornada laboral fose obrigatorio. Poucos días despois o PSOE fixo súa a proposta da nosa central sindical, aínda que introducíndolle algúns recortes.
A precarización das condicións de traballo en materia de xornada, o abuso na contratación a tempo parcial, as horas extraordinarias non remuneradas ou a flexibilidade horaria que permite a actual lexislación laboral deu lugar a numerosos litixios nos que se cuestionou se as empresas están ou non obrigadas a levar un rexistro diario da xornada de traballo.
Para a CIG trátase dunha cuestión transcendente non só por afectar aos medios de proba dos que dispoñen as persoas traballadoras para acreditar a realización de horas extra en caso de discrepancias na súa realización e abono, senón porque incide nas obrigas de cotización en materia de Seguridade Social, con importantes consecuencias tanto para os dereitos dos traballadores/as como para as arcas públicas.
Foi por iso que en xuño de 2017 a CIG remitiulles a todos os grupos do Congreso dos Deputados/as e do Parlamento de Galiza unha proposición de lei para que o rexistro de xornada fose obrigatorio. Días despois, a deputada do PSOE por Ourense (inspectora de traballo en excedencia) presentou unha iniciativa nos mesmos termos, aínda que recortando a proposta da CIG.
A entrada en vigor o pasado 12 de maio do Decreto-Lei 8/2019 no que se aproba a obriga do rexistro diario da xornada, chega tarde e é insuficiente. Tarde porque neste tempo fixéronse milleiros de horas extras que se realizaron sen control algún. Horas que son unha fraude á Seguridade Social, porque as empresas non llas pagan ao seu persoal, nin cotizan por elas. É tamén unha fraude para os traballadores/as, xa que ademais de non cobralas ven imposibilitada a conciliación da súa vida laboral e persoal.
No sector bancario, en servizos, no comercio, en grandes superficies ou en supermercados, entre outros, o persoal sofre unha desregulación horaria ou extensión ilegal da xornada máis propia do século XIX.
As horas extraordinarias non retribuídas supoñen que a clase traballadora lle entrega gratis ao capital a súa forza de traballo. As empresas melloran desta maneira a súa conta de resultados, pero sen que acrediten máis competitividade ou unha xestión máis eficiente. Este novo capitalismo que xurde coa crise é un capitalismo parasitario, incapaz de xerar riqueza e crecemento económico, e que está instalado na confiscación da renda e da riqueza da clase traballadora.
Unha lei insuficiente
Para a CIG, a que se vén de aprobar é unha lei insuficiente porque deixa para a negociación colectiva, empresarial ou de sector as formulas de implementación do rexistro de xornada en atención ás necesidades, características e circunstancias organizativas de cada actividade. Isto sucede nunha situación de parálise dun bo número de convenios de sector en Galiza, onde a maioría das empresas son pequenas e carecen de representación sindical. Tamén o é porque non regula de forma clara a xestión dos descansos entre xornada, ademais de non obrigar a empresa a dar copia por escrito aos representantes dos traballadores/as.
En consecuencia, contar cunha representación sindical forte será imprescindíbel para poder acabar co abuso nas horas extraordinarias e nas horas de traballo non retribuído, polo que a presenza da CIG nas empresas faise máis necesaria ca nunca para garantir o control da xornada non só das persoas traballadoras da compañía principal, senón tamén das subcontratas e das ETT, cuxos cadros de persoal sofren a explotación laboral de forma máis dura.