
O rexeitamento estadounidense-israelí do plan árabe para Gaza é o momento da verdade

Durante décadas, a causa palestina foi a última medida de lexitimidade no mundo árabe. Abandonala é desfacer o que queda de credibilidade política. E aínda que estes gobernantes crean que o tempo anubra o recordo da traizón, esquecen que a ira é paciente e a historia desapiadada
Hai uns días os reis e presidentes árabes reuníronse no Cairo, convocados polo peso da historia, arrastrados a un teatro no que podían decidirse os seus destinos, non só para Palestina, senón para a propia lexitimidade dos seus gobernos.
Non era a diplomacia de sempre. Non se trataba dunha cimeira máis chea de declaracións ocas e promesas pousadas. Foi un axuste de contas, un momento no que o mundo árabe se mirou no espello e se preguntou: Temos aínda o poder de nos negar ou domesticáronnos até o punto de non poder salvarnos?
No centro da cimeira había un plan tan monstruoso que case desafía a imaxinación: o desprazamento forzoso dos palestinos de Gaza, un acto final de borrado que pretende transformar o territorio nunha «Riviera» desinfectada e domesticada onde as pegadas dos seus verdadeiros propietarios se borren da area.
A visión naceu nas salas de guerra de Tel Aviv e foi bendicida nos corredores de Washington, unha audaz manobra para moldear as ruínas de Gaza e convertela nun apéndice pacificado do Estado israelí. Pero para facer realidade esta fantasía necesítase unha última condición: o consentimento árabe.
O Cairo converteuse así no escenario onde a historia sería traizoada ou desafiada. A cuestión non era simplemente se os líderes árabes rexeitarían o desprazamento dos palestinos -algúns tiñan que facelo, porque os seus propios tronos tremerían baixo o peso de semellante catástrofe-.
A verdadeira proba era se tamén ían rexeitar a exixencia máis insidiosa que axexaba baixo a superficie: o chamado plan do «día despois», a visión estadounidense-israelí coidadosamente deseñada para a Gaza da posguerra, na que a resistencia non só era sometida senón borrada, na que a propia noción de soberanía palestina quedaba permanentemente extinguida.
A contraproposta
O camiño cara ao Cairo estivo marcado pola tensión e a fractura. Días antes celebrouse en Riad unha cimeira de menor envergadura, unha selecta reunión de líderes do Golfo, xunto con Xordania e Exipto, envolvida na retórica da «irmandade».
Con todo, tras este veo de camaradaría escondíase un acto deliberado de exclusión: Alxeria, un Estado con peso e historia, foi deixada de lado. O presidente Abdelmadjid Tebboune, ao decatarse da farsa, negouse a asistir á cimeira do Cairo e enviou o seu ministro de Asuntos Exteriores no seu lugar.
Igualmente rechamante foi a ausencia de Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos (EUA), aínda que as súas razóns diferiron por completo. A súa condición para participar na reconstrución de Gaza era inequívoca: a completa neutralización política e militar de Hamás.
Os EAU foron un paso máis aló, sinalando o seu aliñamento coa visión de Trump a través do seu embaixador en Washington: un rexeitamento rotundo a calquera alternativa árabe ao plan israelí-estadounidense.
E así, antes mesmo de que comezase a cimeira principal, as divisións quedaron ao descuberto. A fronte árabe, fráxil e fragmentada, quedou exposta na súa impotencia.
Mentres os gobernantes árabes vacilan, dubidan e calculan, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu móvese coa precisión dun home que sabe que os seus opoñentes son demasiado débiles para o deter. Non esperou polos resultados da cimeira para tensar a corda ao redor de Gaza, asfixiándoa cun bloqueo intensificado e brandindo o espectro dunha nova devastación.
A súa mensaxe aos dirixentes árabes foi tan directa como humillante: as palabras non vos salvarán. As declaracións non alterarán os feitos sobre o terreo. Ou aliñádesvos cos ditados de Washington e Tel Aviv ou converterédesvos en irrelevantes.
A cimeira árabe, baixo o peso destas presións, adoptou agora un plan en tres fases para a reconstrución de Gaza. A primeira fase abrangue seis meses e céntrase na limpeza de cascallos e refugallos.
A segunda consiste en construír infraestruturas en Rafah e as rexións do sur da Franxa. A terceira esténdese á reconstrución das zonas central e setentrional.
Esta é a contraproposta do mundo árabe ao programa de desprazamentos forzosos: unha visión que pretende estabilizar Gaza sen desarraigar a súa poboación.
Porén, máis aló da mecánica da reconstrución, aparece unha cuestión moito máis espiñenta: quen gobernará Gaza mentres tanto? A resposta da cimeira é un comité administrativo temporal, encargado de manter a orde e a estabilidade até que a Autoridade Palestina poida asumir o control total.
Mais a verdadeira cuestión non é só de goberno, senón de soberanía. Serán capaces os Estados árabes de resistir o implacábel pulo da axenda estadounidense-israelí, que pretende moldear non só a xeografía de Gaza, senón a súa propia identidade e dirección política?
Velaí a gran contradición do cume. Oficialmente, a postura árabe foi de rexeitamento. Exipto, Xordania e Arabia Saudita trazaron unha liña na area, rexeitando o desprazamento masivo de palestinos.
Pero isto non foi un acto de claridade moral, senón de autopreservación. Estes réximes entenden que a expulsión forzosa de palestinos non é só unha ameaza para Palestina; é un desafío directo á súa propia estabilidade. Unha nova vaga de refuxiados, unha nova ferida aberta no corazón da rexión, podería desestabilizar os seus propios e fráxiles equilibrios de poder. A súa oposición non se basea en principios, senón na supervivencia.
E baixo este aparente desafío estase a xestar unha traizón máis profunda. Porque aínda que os líderes árabes se poidan negar ao desprazamento, son moito máis maleábeis cando se trata do plan do «día despois»: a asfixia lenta e calculada da soberanía palestina, a destrución de Gaza mediante a reconstrución imposta, non pola forza, senón mediante a reestruturación artificial dos seus alicerces políticos e económicos.
Esta é a máxima ambición israelí-estadounidense: converter Gaza dun lugar de resistencia nunha entidade amurallada, pacificada e neutralizada, onde a idea de liberdade quede lentamente enterrada baixo capas de normalidade imposta.
Se a contraproposta da cimeira árabe pretendía afirmar a capacidade rexional sobre o futuro de Gaza, a resposta estadounidense-israelí deixou poucas dúbidas sobre quen segue levando as rendas.
Washington apresurouse a cualificar o plan de pouco realista, e o portavoz do Consello de Seguridade Nacional, Brian Hughes, declarou que «non se axustaba á realidade sobre o terreo».
A Casa Branca, en efecto, reforzou a posición de Netanyahu: A reconstrución de Gaza non se pode levar a cabo nos termos árabes, e calquera esforzo de reconstrución debe aliñarse co marco máis amplo estadounidense-israelí.
Israel, pola súa banda, reafirmou o seu compromiso coa visión de Trump, un plan que, en esencia, pretende deseñar unha Gaza sen palestinos, xa sexa mediante o desprazamento forzoso ou facendo que a vida no territorio sexa o suficientemente insostíbel como para levar os seus habitantes a outro lugar.
E dado que tanto os Estados Unidos como Israel rexeitan de plano o plan árabe, a marxe de manobra reduciuse até ser practicamente inexistente. A mensaxe para os réximes árabes é contundente: os seus esforzos por deseñar un escenario de posguerra segundo os seus propios termos son, no mellor dos casos, irrelevantes, e no peor, unha molestia que hai que deixar de lado.
O xuízo da historia
Durante 15 meses, Israel librou unha guerra de ferocidade desapiadada en Gaza e, con todo, malia os ríos de sangue e as montañas de cascallos, non logrou alcanzar os seus obxectivos centrais. Non puido desmantelar a resistencia palestina. Non puido impor a súa vontade pola forza.
Pero se algo demostrou a historia é que Israel non se rende, senón que se adapta. O que non pode tomar con mísiles, asegúrao con diplomacia. O que non pode impor coa guerra, extráeo con negociacións. E o que non pode impor só, obriga os réximes árabes a impolo no seu nome.
Os réximes árabes foron postos a proba, e o veredicto é claro. Non se lles pediu que fixesen a guerra, simplemente que se mantivesen a bordo dun proxecto deseñado para borrar a soberanía palestina; porén, cando chegou o momento, vacilaron.
Rexeitaron o desprazamento con palabras mentres deixaban a porta aberta a que Gaza fose reconstruída baixo os ditados estranxeiros, condenando unha forma de borrado mentres concedían outra. Non se renderon abertamente, pero tampouco resistiron. No seu lugar, perfeccionaron a arte da submisión, velada na retórica do desafío.
Porque estes réximes non son actores soberanos. Non gobernan, senón que orbitan. A súa supervivencia depende do patrocinio estranxeiro, as súas políticas deséñanse en capitais afastadas. Algúns albergan bases militares estadounidenses, outros mantéñense grazas á axuda financeira occidental, e a maioría non gobernan pola vontade do seu pobo, senón pola maquinaria de represión que os mantén no poder.
Non son libres para actuar, só para obedecer.
Así pois, a cimeira segue a trillada coreografía da duplicidade: un estrondoso rexeitamento performativo do desprazamento que enmascara unha silenciosa aquiescencia coa axenda israelí-estadounidense máis ampla. Un espectáculo de desafío que oculta a constante erosión da soberanía palestina.
Porén, ao seguiren este camiño, os réximes árabes non só traizoan a Palestina. Traizóanse a si mesmos. Lánzanse a unha perigosa confrontación, non só co pobo palestino, senón co seu propio.
Durante décadas, a causa palestina foi a última medida de lexitimidade no mundo árabe. Abandonala é desfacer o que queda de credibilidade política. E aínda que estes gobernantes crean que o tempo anubra o recordo da traizón, esquecen que a ira é paciente e a historia desapiadada.
O tempo non absolve. O pobo non esquece. E o libro de contas da covardía está escrito cunha tinta que nunca se borra.
_____________________________________________________________________________
Texto orixinal: Middle East Eye,
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 7 de marzo de 2025]