O resultado das eleccións en Stradivarius avala o traballo sindical dos últimos 12 anos: 9 delegadas dun comité de 9

Por primeira vez a CIG foi candidatura única nas eleccións ao comité provincial da Coruña
A Coruña - 14 Nov 2018

A CIG gañou onte as eleccións ao comité de Stradivarius na provincia da Coruña, onde conseguiu a totalidade da representación sindical: 9 delegadas nun comité de 9. Dende que hai 12 anos a central nacionalista conseguira presentar candidatura na empresa, esta é a primeira ocasión na que concorre ao proceso como lista única. Este feito, unido á elevada participación nas eleccións, avalan o traballo sindical realizado nestes anos polas compañeiras da CIG e danlle azos para continuar na loita pola defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Stradivarius.

"Fáltannos moitas cousas aínda por facer e agora seremos máis fortes grazas a contar cunhas compañeiras concienciadas, informadas e moi combativas. Estamos moi orgullosas", valoraron as delegadas tras rematar as votacións, nas que a CIG foi a única candidatura presentada ao comité provincial.

O resultados da votacións foi o que segue:

 

VOTOS

CIG

Brancos

Nulos

Colexio especialistas

59

2

1

Colexio técnicos

14

4

3

Candidatura única

Lucía Domínguez, que encabeza a candidatura, explica que nas anteriores eleccións a empresa montou listas "a través dalgún sindicato que prestou de maneira miserábel as súas siglas". Unha circunstancia que se deu "de maneira especialmente traumática" hai catro anos. A consecuencia desta manobra derivaba en que as traballadoras elixidas nestas listas -ás que se presentaban sen interese real pola actividade sindical- acababan por non participar no comité. "Levamos 12 anos soas con varios postos baleiros no comité, impedíndose así o acceso ao órgano unitario de representación de compañeiras que si tiñan ganas de traballar e axudar. Porén, desta volta ninguén se prestou ao xogo da empresa", subliña.

Neste senso, destaca que con este xiro "pasamos de ter un comité de cinco, ocupado por dúas persoas que desaparecían aos dous meses das eleccións e no que só traballabamos tres persoas, a ser un comité de nove -polo incremento do cadro de persoal-, no que as nove delegadas imos traballar", afirma contundente.

Melloras nas condicións económicas e laborais

Sobre a acción realizada nestes últimos catro anos, Domínguez destaca os acordos acadados tanto con Stradivarius como co grupo Inditex para a mellora das condicións económicas, os calendarios, as licencias, os descansos, as categorías, garantías de consolidación das horas indefinidas, etc.

Pasamos de ser un comité de cinco, ocupado por dúas persoas que desaparecían aos poucos meses das eleccións e no que só traballabamos tres persoas, a ser un comité de nove no que todas imos traballar"

Cuestións que en moitas ocasións tiveron que ser denunciadas diante da Inspección de Traballo ou mesmo xudicializadas, como no caso dos incumprimentos da lexislación  en materia de prevención de riscos, licencias por enfermidade por parentes até segundo grao ou para o recoñecemento, a efectos salariais, da antigüidade real.

Tamén pon o acento na loita contra o empeoramento das condicións laborais que supuña o peche de dúas das tendas na cidade da Coruña, logrando, tras varias mobilizacións, que se respectaran os dereitos das traballadoras que foron trasladadas.

Retos dos próximos anos

De cara aos próximos anos, as delegadas explican que, ademais de "defender o que temos" ante a ofensiva da empresa para retirar dereitos conquistados e incumprir os acordos asinados; unha das grandes batallas que ten que afrontar o comercio, e na que as delegadas de Stradivarius estarán moi activas, é a reconversión oculta e latente que supón para o sector o proceso de virtualización das vendas, e que no futuro terá impacto tanto no emprego como nos salarios.

Xunto a isto, o novo comité tamén pulará pola mellora dos almacéns e das áreas de descanso, mellorar os calendarios laborais ou ampliar a consolidación das horas indefinidas, pero "sempre a través de asembleas e promovendo a participación e a toma de decisión por parte das traballadoras, porque esa é a nosa sinal de identidade e só así poderemos seguir avanzando na conquista dos nosos dereitos".