O Relatorio de Acción Sindical sae adiante con 408 votos a favor, 2 en contra e 6 abstencións
A sesión da tarde do VIII Congreso Confederal arrancaba co debate e a votación do Relatorio de Acción Sindical no que se marcas as principais liñas de actuación do sindicato para os vindeiros catro anos, cun obxectivo central: avanzar nunha saída galega xusta da crise. O documento, aprobado con 406 votos a favor, 2 en contra e 6 abstencións, contempla un ambicioso plan de medidas alternativas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno en Galiza, coas que superar as políticas neoliberais que nos viñeron aplicando e que esixen a combinación de actuacións de urxencia con propostas a longo prazo e de carácter estratéxico.
Imaxes debate e votación do Relatorio de Acción Sindical e presentación de candidaturas
Deste xeito, a CIG daralle continuidade á campaña iniciada en outubro de 2020 coa presentación do documento de propostas para que a crise derivada da pandemia de Covid-19, agravada en Galiza pola fonda crise industrial, social e demográfica na que xa estabamos previamente, non supoña un novo saqueo á clase traballadora e ás maiorías sociais.
Derrogar as reformas para avanzar en dereitos
Nun momento no que a pandemia intensificou e acelerou a dixitalización dos procesos produtivos e a descarbonización da economía, así como a extensión do teletraballo, cómpre impulsarmos a loita para forzar o goberno español (autodenominado o máis progresista da historia) a derrogar todas as lesivas reformas nacidas da crise financeira de 2008. Máis tendo en conta que xa se nos anuncia un paquete de recortes do gasto público e novas reformas para acceder aos fondos de reconstrución da UE, e que a acción do PP na Xunta contribúe de forma intensa á destrución dos nosos sectores produtivos e industriais e a consolidar o modelo de colonización e dependencia de Galiza.
Neste contexto o denominado diálogo social practicado polos sindicatos españois está axudando a validar as distintas reformas laborais, a afondar na centralización da negociación colectiva e a desmobilizar a clase traballadora galega, fortalecendo así as posicións patronais e axudando ao lavado de cara dos gobernos que manteñen os recortes de dereitos e liberdades e propugnan políticas abertamente contrarias aos intereses da nosa clase e do pobo galego.
As alternativas da CIG
O plan de propostas CIG, que contén medidas transversais xunto con medidas sectoriais, demostra a viabilidade dun desenvolvemento galego propio e autocentrado se contamos con todos os instrumentos para recuperar o autogoberno e poder levar adiante todo un sistemático e completo paquete de políticas públicas que concentren todos os recursos en favor das maiorías sociais. Esta é a única maneira real de garantir unha protección social plena, sen exclusións, e o dereito a ter emprego, salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora galega.
Entre outras medidas, o plan pula pola creación dun instituto da empresa galega, a participación da Xunta na constitución de empresas en sectores estratéxicos, o retorno ao sector público dos servizos e empresas privatizados, a nacionalización das fábricas de aluminio, a creación dun Banco Público, a formalización dun concerto económico co Estado, a xestión directa da Xunta dos fondos europeos, a aplicación dunha fiscalidade progresiva, a estabilidade e aumento do investimento en I+D+I ou o reforzo e restitución dos servizos públicos.
Contémplanse tamén propostas para garantir unha transición enerxética galega e xusta, que abrangue medidas para a transformación e a dotación de viabilidade dos sectores directamente afectados (peche das centrais térmicas, automoción, industrias electrointensivas, carburantes e biocarburantes, xestión de residuos, mobilidade, telecomunicacións, minaría etc.), até medidas para garantir que se recoñeza a enerxía como un ben básico.
Conquistar o Marco Galego de Relacións Laborais
No ámbito máis estritamente laboral, o Relatorio resalta a necesidade vital de conseguir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego iniciadas en 2010, para poder recuperar e mellorarmos en dereitos e condicións de vida. Neste senso, apúntase que son necesarias novas repostas ante fenómenos como a dixitalización ou o teletraballo que están a impactar de forma importante no mundo do traballo.
Este marco constitúe a concreción no ámbito laboral da aposta estratéxica por unha Galiza soberana, e responde de maneira indiscutíbel aos intereses obxectivos da clase traballadora galega no contexto da loita de clases"
"Cómpre a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora ante a nova situación de crise e as novas formas de explotación e precariedade", asevera o texto.
Neste camiño salientar que a histórica reivindicación do sindicalismo nacionalista e de clase dun Marco Galego de Relacións Laborais está hoxe plenamente vixente, pois alén de constituír a concreción no ámbito laboral da aposta estratéxica por unha Galiza soberana, responde de maneira indiscutíbel aos intereses obxectivos da clase traballadora galega no contexto da loita de clases.
Avanzar neste marco galego esixe a derrogación das reformas que profundaron na centralización da negociación colectiva, promovendo a proliferación de convenios estatais que, na práctica, alongan e cronifican a precariedade laboral, os baixos salarios e o empobrecemento da clase traballadora. Fronte a esta realidade, apélase a seguir insistindo na nosa acción sindical en abrir marcos propios de negociación colectiva a nivel galego.
"Fortalecer a participación protagonista da clase traballadora galega no proceso de negociación colectiva, levando á práctica concreta o noso modelo sindical asembleario, de conflito e contrapoder, será o mellor xeito de robustecer a capacidade de incidencia da CIG como primeira forza sindical en Galiza", apunta o texto.
De igual xeito, ínstase a seguir traballando para consolidar a CIG como unha ferramenta útil para as traballadoras galegas, sendo referentes do feminismo de clase.
A loita pola soberanía
No Relatorio de Acción Sindical incídese tamén na necesidade de acadar a soberanía para a nosa nación, evidenciada, máis unha vez, coa irrupción da pandemia de Covid-19 e a xestión que se fixo da emerxencia sanitaria e da crise que se orixinou. "Hoxe máis que nunca reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte eficazmente á crise e para demostrar a nosa capacidade de responsabilizármonos colectivamente do noso futuro", destácase.
Por iso, faise un chamado a redobrar esforzos para facer avanzar a toma de conciencia nacional, facendo da loita contra a opresión colonial o eixo central da nosa acción. "Ampliando as alianzas e o traballo permanente polo conxunto do movemento nacionalista galego, do que a CIG fai parte, contribuímos a dinamizar e darlle cada vez máis corpo social para conquistar unha Galiza soberana, para construír unha sociedade realmente democrática, xusta, libre e igualitaria, que poida existir en pé de igualdade co resto dos pobos e nacións do mundo en solidariedade, paz e harmonía".
Presentación das candidaturas
Tras a votación do documento, procedeuse á presentación da candidatura única, encabezada por Paulo Carril, que concorre á Executiva Confederal e á Secretaría Xeral neste VIII Congreso. Para a Comisión de Garantías tamén se presentou unha única candidatura encabezada por Birino Marcos.