O que nos van explicando sobre a guerra

Rafael Poch - 03 Xun 2022

Ucraína non estaba na OTAN, mais a OTAN estaba en Ucraína desde 2014. Tres meses despois do seu inicio, comprendemos mellor a chea de irresponsabilidades multilaterais que desembocaron nesta guerra

Cando o 24 de febreiro Rusia invadiu Ucraína descoñeciamos moitos detalles desa criminal e desgraciada aventura. Hoxe, cando os perigos dunha escalada militar entre Occidente e Rusia se incrementan coas semanas até producir vertixe nun xornal belicista de Nova York, sabemos con certeza que aínda que Ucraína non estaba na OTAN, a OTAN estaba en Ucraína. Desde hai anos. O que iso significaba e significa na práctica sabémolo, non a través de informacións e propagandas xustificatorias rusas, senón por fontes de Estados Unidos: por declaracións das súas personalidades e informes dos seus medios de comunicación.

 O rearmamento atlantista de Ucraína comezou inmediatamente despois da revolta popular e operación de cambio de réxime do inverno de 2014. As forzas nacionalistas antirrusas que non representaban nin a metade do país (obviamente agora o panorama cambiou radicalmente), fixéronse entón definitivamente co poder en Kiev. Ao derrogaren o precepto de non aliñamento da Constitución ucraína e optaren abertamente por unha decidida disciplina occidental, esas forzas romperon o delicado equilibrio plural entre as rexións do Oeste e o Leste sobre o que repousaba a integridade territorial do país, desencadearon unha guerra civil no Donbass e tamén a anexión de Crimea, unha reacción rusa de consolación á desfeita que os intereses de Moscova sufriran en Kíev e que a administración Obama leu como un intolerábel desafío militar merecedor de exemplarizante castigo.

 Segundo o Instituto Internacional de Investigacións sobre a Paz de Estocolmo (SIPRI), desde aquela e até 2021, Ucraína incrementou o seu gasto militar un 142% (Rusia un 11%).

 A partir de 2015, Estados Unidos gastou 5.000 millóns de dólares en armas a Ucraína. Nese mesmo período formáronse “polo menos 10.000 homes das forzas armadas ucraínas ao ano” “durante máis de oito anos” no marco da OTAN, informou o 13 de abril The Wall Street Journal nun artigo titulado “O segredo do éxito militar de Ucraína: anos de adestramento da OTAN”.

 Moitos deses, polo menos, 80.000 homes, foron formados nos “estándares militares occidentais” e “tácticas modernas de combate” na base de Yavoriv (Yavorov), preto de Lviv.

 Yavoriv é un enorme campo de adestramento de 200 quilómetros cadrados de extensión (tres veces a área metropolitana de París), que foi obxecto dun coñecido ataque de mísiles ruso o 13 de marzo. Ao principio alí formábanse unidades da Garda Nacional e despois do exército regular. Cando empezou a guerra, “polo menos oito países da OTAN” estaban formando en Yavoriv a militares ucraínos. O aprendido con ese dilatado labor de formación e modernización, “tivo un impacto significativo” no curso da guerra, dixo o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg.

 A CIA formou tamén unidades de elite e de intelixencia ucraínas en territorio de Estados Unidos. O programa tivo problemas, porque se sospeitaba que o continxente estaba infiltrado por informantes rusos, o que esixiu restricións de información e filtrados de seguridade, informaba en xaneiro o correspondente para asuntos de seguridade Zach Dorfman. Os rusos estaban ao día dese labor da CIA. O xefe de operacións especiais da intelixencia ucraína, Coronel Maksim Shapoval, vinculado a ese programa, morreu o 27 de xuño de 2017 en Kiev, nun atentado con bomba lapa colocada baixo o seu coche. O atentado foi atribuído aos servizos secretos rusos e considerado resposta a outros atentados cometidos por Shapoval en Donbass.

 Mentres acontecía todo iso, paralelamente tiñan lugar dous procesos fundamentais. O primeiro, o rexeitamento activo de Estados Unidos, e como consecuencia dos ucraínos, aos “Acordos de Minsk”, a fórmula de paz asinada entre Rusia e Ucraína, e arbitrada por Francia e Alemaña que estes dous países deixaron esmorecer. O segundo, a retirada unilateral de Estados Unidos, en 2019, do acordo de prohibición de armas nucleares de alcance intermedio (INF), asinado en 1987 por Reagan e Gorbachov e que foi un fito para a fin da guerra fría en Europa.

 Tras escoitar durante anos que a ampliación da OTAN cara ao Leste non era contra Rusia e que as baterías de mísiles despregadas en Romanía e Polonia eran “contra Irán”, (que carecía, e carece, de mísiles de tan longo alcance), os rusos asistiron con dobre irritación ás explicacións que o Conselleiro de Seguridade Nacional de Trump, o demente John Bolton, ofreceu en Moscova en outubro de 2018: a retirada do INF non vai contra Rusia, díxolles Bolton, senón contra China, para poder despregar esas armas nucleares tácticas en Asia. Que Bolton dixese que xa non consideraban Rusia “unha ameaza” e que o que importaba en Washington era China, non fixo máis que ferir o cohibido orgullo de gran potencia vida a menos dos dirixentes rusos.

 En marzo de 2021, Ucraína aprobou unha nova estratexia militar na que se apunta directamente á reconquista militar de Crimea e Donbass, o que desde o punto de vista do dereito internacional era completamente lexítimo, posto que ambas as rexións eran territorio ucraíno, mais que a efectos prácticos equivalía a un anuncio de preparativos de guerra contra Rusia.

 En setembro do mesmo ano, Estados Unidos e Ucraína asinaron un acordo polo que Washington prometía axuda militar para restabelecer a “integridade territorial” de Ucraína, tal como anunciaba o propósito da nova doutrina militar de Kíev.

 En febreiro comeza a guerra, despois de que os EUA non reaccionasen á proposta diplomática de Moscova (neutralidade de Ucraína, retirada de infraestruturas militares da OTAN da contorna de Rusia, entre outros aspectos) e de que o Presidente ucraíno declarase na Conferencia de Seguridade de Múnic o seu dereito a dispor de armas nucleares no futuro.

 Tres meses antes do inicio da invasión rusa, en novembro de 2021, o director da CIA, William Burns, visitara Moscova cunha clara mensaxe. Putin estaba na súa residencia de Sochi, no Mar Negro, pero Burns advertiu que se os preparativos de invasión detectados en Washington se executaban, habería unha reacción occidental forte. Desde Moscova, Burns falou por teléfono con Putin. Sen molestarse en desmentir as sospeitas de invasión de Washington, o Presidente ruso “recitoulle pausadamente unha listaxe de agravios sobre como Estados Unidos ignorara durante anos os intereses rusos de seguridade”. Respecto de Ucraína, Putin díxolle que “non era un verdadeiro país” (WSJ, 1 de abril), é dicir, a idea que o Presidente ruso defendeu en diversas ocasións e que merece unha pequena explicación.

 Segundo unha visión bastante común en Rusia, unha Ucraína hostil a Rusia que nega o seu pluralismo etnolingüístico, cultural e relixioso interno, non ten dereito á existencia nas súas actuais fronteiras. Tal país, considerado traidor, pode ser desmembrado, coa súa parte oriental vinculada a Rusia dunha ou outra forma, un anaco occidental da Rutenia subcarpática incorporado a Hungría (escenario que, seguramente, Putin transmitiu a Orban na última visita deste a Moscova), outro a Polonia, e o resto, se queda algo, para un estado ucraíno hostil pero inofensivo, sen acceso ao mar e desatado, pero xeograficamente illado, na súa irremediábel rusofobia. Todo isto xa estaba implícito en 1994 cando Aleksandr Solzhenitsyn mencionaba as “falsas fronteiras leninistas de Ucraína”, inxustificábeis porque “rompen millóns de vínculos de familia e amizade”, no seu opúsculo A cuestión rusa no final do século XX.

 En condicións normais esa mentalidade disolveríase co tempo, ou sería patrimonio de sectores radicais politicamente marxinais en Moscova, pero a ruptura de 2014 en Kíev coa súa afirmación dunha Ucraína “traidora” a ollos de Moscova e decididamente hostil a Rusia, así como os propios problemas internos de Rusia, situárona no centro do poder moscovita...

 Volvendo ao director da CIA, a mediados de xaneiro Burns viaxou en segredo a Kíev para expoñerlle ao Presidente Zelenski o que sabían do inminente ataque ruso, cun avance rápido cara a Kíev desde Bielorrusia. Os rusos ían ocupar o aeroporto Antónov de Hostomel, preto de Kíev, con tropas especiais aerotransportadas, co fin de utilizalo para desembarcar alí forzas para tomar a capital. Tamén se deu aos ucraínos información sobre os obxectivos da primeira vaga de mísiles rusos para destruír a aviación e a defensa antiaérea ucraína nos primeiras horas. Eses informes permitiron salvar algúns recursos cambiando o seu emprazamento, e desbaratar a operación de Hostomel.

 Desde o primeiro momento, a OTAN puxo os ollos (información de satélites) e os oídos (interceptación de transmisións) ao exército ucraíno, cun intenso fluído de información en tempo real.

 “A intelixencia dos Estados Unidos compartiu información detallada desde antes de que comezase a invasión (...) e agora está traballando estreitamente xunto coa doutros socios para rexeitar a invasión rusa”, explicaba o domingo o Wall Street Journal. A canle de televisión NBC informou o 26 de abril de que grazas a iso se derrubou un avión de transporte ruso ateigado de forzas especiais nos primeiros días da invasión. A finais dese mesmo mes, The Washington Post revelou que se facilitaron as coordenadas para afundir con mísiles, o 14 de abril, o cruceiro “Moskvá”, buque insignia da frota rusa do Mar Negro, feito que os rusos non atribúen a un ataque senón a un “accidente” para non perder a cara. The New York Times informou pouco despois de que a elevada mortandade de altos mandos rusos na campaña, doce xenerais en apenas tres meses segundo o xornal, se debía á información sobre coordenadas de postos de mandos e horarios nos que se coñecía a presenza de altos mandos neles.

 Todo isto non o sabiamos o 24 de febreiro, levaba en marcha moitos anos e dá maior plausibilidade aos argumentos rusos sobre os motivos da invasión como “guerra preventiva”.

 No seu discurso do 9 de maio con motivo do día da vitoria, Putin repetiu os argumentos xa formulados a madrugada do 24 de febreiro cando dixo que un ataque contra Rusia “era só unha cuestión de tempo”:

 “En decembro propuxemos asinar un acordo sobre garantías de seguridade (...) que tivese en conta os intereses duns e outros. Todo en balde. (...) Estábase preparando outra operación punitiva en Donbass, unha invasión das nosas terras históricas, incluída Crimea. Kiev declarou que podía ter armas nucleares. O bloque da OTAN levaba a cabo un activo fortalecemento militar xunto ás nosas fronteiras. Estábase creando unha ameaza inadmisíbel. Tiñamos todas as evidencias de que era inevitábel un enfrontamento cos neonazis e banderistas apoiados por Estados Unidos e os seus vasalos. Viamos como se incrementaban as infraestruturas militares con centenares de asesores estranxeiros e envíos regulares de armas modernas por parte de países da OTAN. A ameaza aumentaba cos días. Rusia lanzou un ataque preventivo contra esta agresión. Foi unha decisión imposta, correcta por parte dun país independente, forte e soberano”.

 Sexa como for, a “decisión correcta” custou a vida ou terríbeis feridas a miles de soldados e civís, 13 millóns de desprazados e a estimación de que unha terceira parte das infraestruturas do país sexan destruídas. Iso sen contar co efecto das sancións en Rusia e na Unión Europea, a submisión desta á OTAN, o illamento internacional de Rusia (unicamente matizado pola posibilidade de desenvolvemento dun bloque antioccidental no mundo a medio e longo prazo, incerto consolo) e os problemas de fame e inseguridade alimentaria que se anuncian en África e Oriente Medio. E como gran cuestión, a guerra entre imperios combatentes tomando definitivamente a substitución á necesaria concertación contra o cambio climático nas prioridades dos gobernantes das grandes potencias. En resumo: unha catástrofe planetaria en toda regra con anos, senón décadas, apartados de prioridades e obxectivos fundamentais para o conxunto da humanidade.

 O 1 de maio, o Congreso de Estados Unidos destinara un total de 13.670 millóns de dólares en axuda a Ucraína nos primeiros dous meses. A iso súmanse os cartos para armas de Inglaterra e a Unión Europea, así como o desastre e os riscos, para uns e outros, que se desprenden do demencial obxectivo declarado das sancións europeas formulado en maio pola insensata Presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen: “arrasar, paso a paso, a base industrial de Rusia”.

 Sobre este panorama, sucédense desde hai meses as declaracións e recoñecementos por parte de personalidades occidentais sobre a verdadeira natureza desta guerra. Preguntado o pasado marzo sobre se en Ucraína Estados Unidos e Rusia estaban nunha guerra por país interposto (proxy war), o ex director da CIA, León Panetta, respondía nunha entrevista televisada: “podemos dicilo ou non, mais trátase diso”.

 Na súa visita a Kiev do 24 de abril, o secretario de defensa de Estados Unidos, Lloyd Austin, un home da industria armamentística, tamén o confirmou ao explicar aos seus interlocutores ucraínos que, “o cometido da nosa xuntanza é falarmos sobre o que nos permitirá gañar esta guerra”. O uso da primeira persoa do plural desbota toda dúbida sobre quen está librando tal guerra. Por aquelas mesmas datas, o editorial de The New York Times, explicaba que o obxectivo da guerra “é poñer a Rusia de xeonllos” e entrementres o Congreso xa aprobou 40.000 millóns de dólares máis de axuda a Ucraína, deles 23.000 para axuda militar. Sumados aos 13.670 millóns da primeira fase, a axuda ascende a 53.000 millóns, case á vez co orzamento militar de Rusia. Nunca un país recibira tanta axuda de Estados Unidos nos últimos vinte anos.

 A conclusión de todo isto é evidente: non é só unha guerra atroz e inxustificábel de Rusia contra Ucraína, é, ademais e sobre todo, unha guerra da OTAN contra Rusia de momento en territorio de Ucraína e con Ucraína como vítima e instrumento. Por que “de momento” en territorio de Ucraína?

 “Na contorna do Presidente Zelenski dise que haberá unha contraofensiva militar ucraína a mediados de xuño”, capaz de ampliarse a territorio ruso, explica o conselleiro presidencial Olexij Arestovich, ao xornal alemán Die Welt. “Para daquela os ucraínos terán máis armas recibidas do estranxeiro. Antes é pouco probábel”, di.

 “A contraofensiva ucraína necesita sistemas de mísiles de alcance medio e longo, artillería de gran calibre e aviación”, explicaba o domingo ao Wall Street Journal o Xeneral Kyrylo Budanov, o rapaz de 36 anos de idade, que dirixe a intelixencia militar ucraína.

 Nas redes sociais e medios de comunicación, triunfa unha estupidez incapaz de medir os riscos e consecuencias do que se propón. Na tele rusa xornalistas e analistas energúmenos frivolizan coa capacidade de “eliminar Gran Bretaña” dun só mísil nuclear ruso ‘Sarmat’. No campo oposto, o delirio dos liberal-estalinistas rusos opostos a Putin, moitos deles no exilio e traballando para organizacións atlantistas, non coñece límites ao chamar ao desmantelamento do seu propio país, até o risco dunha guerra nuclear. É un novo exemplo do tipo de oposición que os réximes autocráticos sempre xeraron en Rusia.

 Regresan cos seus nefastos consellos asesores occidentais da “terapia de choque” dos noventa en Rusia como o fanático incompetente Anders Aslund: “o meu humilde consello á OTAN sería: 1-Dar canto antes o máximo de armas posíbel a Ucraína, 2-Abrir os portos do Mar Negro á navegación, 3- Bombardear preventivamente as cidades rusas máis importantes para garantir que Putin non usará armas químicas ou nucleares”, di.

 “Estados Unidos debería mostrar que pode gañar unha guerra nuclear”, escribe Seth Cropsy, Presidente do Yorktown Institute no Wall Street Journal.

 Ante este espectáculo mesmo o belicista New York Times sente a vertixe das consecuencias daquel “poñer a Rusia de xeonllos” proclamado no seu editorial de abril como obxectivo da guerra. Coa vista posta na inflación e o desastre demócrata que se anuncia para as eleccións midterm de novembro, o xornal constata no seu editorial do 19 de maio, que “o conflito pode tomar unha traxectoria máis imprevisíbel e de potencial escalada”, pregúntase se iso vai “en interese dos Estados Unidos”, estima que “unha vitoria decisiva de Ucraína sobre Rusia na que se recupera todo o territorio arrebatado por Rusia desde 2014 non é un obxectivo realista”, aconsella a Biden que debería “explicarlle os límites” a Zelenski, e lembra finalmente que o adversario “aínda é unha superpotencia nuclear”.

 Tres meses despois do seu inicio, comprendemos mellor o cúmulo de irresponsabilidades multilaterais que desembocaron nesta guerra.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 24 de maio de 2022]