O PSOE apoia as demandas do persoal de Seaga
No decurso da xuntanza, que se insire na xeira de reunións que o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e os representantes dos comités de SEAGA están mantendo coas diferentes forzas políticas que concorren ás eleccións, explicaron que o operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Xunta, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros.
Xunto a isto puxeron en coñecemento dos representantes socialistas as precarias condicións económicas das traballadoras e traballadores, con contratos fixos-discontinuos dunha duración de tan só 3 meses que non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin as axudas de 400€.
Ademais reclamaron o seu apoio para que muden as políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público no que se garantan condicións laborais dignas para todas e todos os traballadores.
Os representantes do PSOE manifestaron a súa sintonía con incrementar a carga de traballo para a empresa pública de SEAGA en actividades preventivas e forestais así como o compromiso de eliminar as brigadas municipais transferindo estas á empresa pública.