O propietario de HEDEGASA enfróntase a pena de cárcere polo acoso laboral sufrido por Nélida Pisco
O propietario de HEDEGASA (Autobuses de Calo), Ramón Sanjuán, e máis a súa filla, Marina Sanjuán, responderán diante da xustiza como responsábeis directos do acoso laboral ao que foi sometida desde o ano 2006 a condutora de autobús Nélida Pisco. No xuízo que terá lugar o vindeiro luns nos xulgados de Fontiñas ás 10:00 horas enfróntase a unha petición de dous anos de prisión e ao pagamento dunha indemnización de 100.000€ por danos morais e vulneración de dereitos.
Nélida Pisco padece desde o ano 2006 acoso laboral por ter solicitado unha redución de xornada para atender á súa filla recén nacida que, por prematura, precisaba coidados especiais. Toda esta situación conlevou episodios que a propia Inspección de Traballo cualificou como “terrorismo psicolaboral” e de “acoso” por parte da empresa. Por iso se abriu esta causa penal cuxo xuízo, a pesar de todas as dilacións e obstrución por culpa da empresa, terá lugar este luns.
Durante todos estes anos producíronse unha sucesión de sentenzas emitidas pola vía social, sempre favorábeis á traballadora, nas que se acreditaba o acoso laboral e a vulneración de dereitos contra Nélida Pisco. Un acoso laboral e unha vulneración de dereitos que continúa padecendo aínda hoxe.
Despedida por última vez en 2018
Pisco foi despedida por última vez en decembro de 2018 cando HEDEGASA solicitou á DGT que a inhabilitara, e malia ter gañado a sentenza no Social e que a empresa perdeu todos os recursos posíbeis, o último o pasado mes de decembro no Tribunal Supremo, neste momento atópase cobrando o seu salario pero sen que lle permitan reincorporarse ao posto de traballo.
Xa en marzo de 2019 e diante desta situación o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, denunciaba que “a empresa está dilatando artificialmente a volta efectiva ao posto de traballo de Nélida Pisco, o que constitúe outra forma de acoso máis dentro de todo o proceso que leva vivido nestes anos”.
A FGAMT-CIG de Compostela denuncia que malia ter trasladado en múltiples ocasións, esta información á consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e máis á Secretaría xeral de Igualdade ou ao propio Presidente da Xunta en sede Parlamentaria, non só non interviñeron senón que mesmo premiaron á empresa cunha prórroga por dez anos co agravante de que para esta concesión a administración tiña en conta nas bases dos pregos de condicións ter mulleres contratadas no cadro de persoal.