O profesorado técnico interino de FP, na incerteza polas decisións dos gobernos español e galego

Educación convocou até 240 novas prazas sen acordo de estabilidade
Nacional - 14 Dec 2020

Tras o anuncio da Consellaría de convocar até 240 novas prazas para este profesorado, a CIG-Ensino agardará a coñecer os detalles dunha medida anunciada como salvagarda do profesorado interino mais que, sen acordo de estabilidade para quen no aprobe, pode supoñer o paro para docentes cunha longa traxectoria profesional ás costas.

A Consellaría de Educación anunciou o pasado sábado que convocará Mesa Sectorial esta semana e que aumentará a oferta pública de emprego do 2020 en 240 prazas, todas elas do corpo de PTFP.  O anuncio da administración galega, que estivo nun absoluto silencio nas últimas semanas, chega logo de que a CIG-Ensino denunciase os danos colaterais da proposta coa que o goberno español quere desenvolver a integración do corpo de PTFP no corpo de PES.

Nas asembleas que a CIG-Ensino está desenvolvendo desde hai dúas semanas, tanto comarcais como en todos os centros de traballo nos que hai profesorado do corpo de PTFP, evidenciamos o alto nivel de preocupación do profesorado con titulación de FP, tanto funcionariado de carreira como interino, sobre as implicacións da nova medida que aparece na LOMLOE e que non foi negociada con ningunha organización sindical de todo o Estado.

Entre as medidas discriminatorias do goberno español e unha Xunta que tira a toalla

A CIG-Ensino dirixíuse á ministra Celaá e aos grupos parlamentares no Senado para buscar vías de solución ao problema laboral que vai ocasionar o modelo de integración elixido para extinguir o corpo de PTFP.  O sindicato tamén interpelou á Secretaria Xeral de FP do Ministerio no Consello Xeral de FP.

A Xunta, ante o apresurado e improvisado anuncio deste sábado 12, non abriu a boca nin se moveu. Non fixou unha posición de goberno sobre a proposta que se vai aprobar na LOMLOE, malia ser directamente afectado ao ter que xestionar o conflito que se pode crear nun futuro inmediato. Nada sabemos sobre que opina a Xunta sobre o futuro do persoal interino e a futura entrada en vigor dun modelo de contratación laboral como docentes especialistas en postos que agora ocupan funcionarios e funcionarias interinas. Sobre todo isto, silencio total.

A primeira sensación que queda, tras a noticia divulgada pola Consellaría, é que a Xunta tira a toalla e que non vai facer ouvir a súa voz como goberno nunha liña contraria á precarización que traerá a contratación laboral e a limitación ou imposibilidade de que actuais interinos con titulación de FP poidan seguir a traballar nas mesmas condicións que agora. Nin no que resta de tramitación nin no desenvolvemento posterior, un momento no que o a papel da CC.AA. pode ser determinante.

A saída pola vía de aumentar as prazas nas especialidades do PTFP deixa as seguintes  contradicións e interrogantes:

  • A Consellaría negouse a adiar o prazo de inscrición nas oposicións de 2020 por unha suposta inseguridade xurídica. Agora desvélase a falacia: non vai ter problema en abrir un novo prazo, mais neste caso limitado a determinadas especialidades.
  • Co aumento de prazas, a oferta probabelmente chegue ao tope de prazas actualmente ocupadas por persoal interino, e aínda que na nota de prensa da Consellaría se fala de que “a oferta de emprego público da Xuntacontribuirá a estabilizar o persoal interino que vén prestando servizos” non se anuncia ningunha alternativa para aquelas persoas que levan traballando moitos anos, nalgúns casos con escasas oposicións nese tempo, e que non superen as oposicións, provocando unha situación na que parece que se produce unha competencia entre ambos gobernos para ver quen pon máis contra as cordas ao persoal interino. Aceptará a Consellaría abrir unha negociación de estabilidade para quen estea nesta situación ou a apelación ao persoal interino será unha mera escusa?

Unha situación provocada polo goberno español na improvisación da tramitación da LOMLOE

Neste momento, moitoprofesorado de até 10 especialidades desenvolven as súasfuncións docentes en centros educativos galegos (miles no conxunto do Estado) con titulacións de FP ao existir carencia ou mesmo inexistencia de titulacións universitarias para algunhasensinanzas prácticas tan necesarias na formación profesional. Nestas dez especialidades, como noutras nas que só se pode acceder con titulacións universitarias, vai aumentar o número de prazas para as oposicións de 2020 a celebrar no 2021.

Cociña e pastelaría

Estética

Fabricación e instalación de carpintaría e moble

Mantemento de vehículos

Mecanizado e mantemento de máquinas

Patronaxe e confección

Peiteado

Produción en artes gráficas

Servizos de restauración

Soldadura.

Coa redacción proposta ninguna persoa interina destas especialidades con titulación de FP podería volver a presentarse a unas oposicións. Desde este punto de vista, a proposta da Consellaría de convocar unhas oposición podería ser unha última oportunidade, pero se non se acompaña dun pacto de estabilidade será tamén inxusta.

A CIG-Ensino defende a integración de todo o profesorado actualmente pertencente ao corpo de PTFP no corpo de PES no camiño da consecución dun corpo único de docentes. Esta medida sería tanto para funcionariado de carreira como para persoal interino. Todo o demais é unha desconsideración cara a miles de docentes que levan nalgúns casos décadas no ensino público, con fixeza ou temporalidade, cunhas titulacións que non só non supuxeron un problema senón que mesmo foron potenciadas polas administracións educativas. Pretender potenciar a Formación Profesional e ao tempo limitar os dereitos de profesionais do ensino con esa titulación é incompatíbel.