O profesorado galego segue na loita por recuperar os seus dereitos
O vindeiro martes, día 17 de marzo, o profesorado galego mostrará, unha vez máis, o seu apoio a un ensino público de calidade nunhas concentracións que se farán nos centros educativos do país aproveitando os recreos.
Nestas concentracións, convocadas polas organizacións sindicais con representación nas Xuntas de Persoal e na Mesa Sectorial esixirase a redución de ratios, mellora na atención á diversidade, aumento de profesorado, autorización de desdobres e reforzos, redución da burocracia, democratización da elección de direccións, recuperación do noso poder adquisitivo...entre outras cuestións.
A recuperación do horario lectivo (18-21 horas) ocupa un papel fundamental entre todas as demandas, non só polas repercusións que a nivel individual terá en todas e cada unha das e dos docentes galegos, senón polas consecuencias colectivas que implica e que, en boa medida, gardan relación directa coa maior parte das reclamacións que mantemos como sindicato maioritario.
A CIG Ensino fai, por iso, un chamamento a todo o profesorado galego a secundar estas concentracións na que será unha mostra do mesmo espírito que conseguiu paralizar a LOMCE e logrará recuperar os dereitos do profesorado.