O profesorado galego, á folga o 12 de decembro para recuperar horarios lectivos e condicións laborais
Todas as organizacións sindicais con representación no ensino público compareceron esta mañá en rolda de prensa conxunt para anunciar a convocatoria de folga para o vindeiro día 12 de decembro e as mobilizacións a levar a cabo nas próximas semanas antes da aprobación dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2020. Entre outras salienta a convocatoria dunha marcha-concentración arredor de San Caetano o vindeiro mércores, 13 de novembro e concentracións en todas as cidades galegas o xoves 21.
Ante o non tallante da conselleira á demanda de que se devolvan parte dos dereitos roubados ao seu persoal docente, en concreto a redución horaria a 18 horas en secundaria e a 21 en primaria recortadas por Feijóo, antes mesmo do Decreto de 2012 de Rajoy, a resposta das organizacións sindicais vai ser contundente. Así o anunciaron esta mañá en Compostela representantes de todos os sindicatos con representación no ensino (CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF).
A primeira das accións a realizar será o vindeiro mércores, 13 de novembro. Delegados e delegadas sindicais levarán a cabo unha marcha arredor do edificio da Xunta en San Caetano que finalizará cunha concentración fronte ás instalacións da Consellaría de Educación.
Este mesmo mes, o día 21, haberá concentracións unitarias nas sete grandes cidades galegas para amosar o profundo malestar e o cansazo do persoal docente galego ante os ataques e os recortes sufridos na última década.
Ademais do desprestixio social ao que foi sometida a profesión docente, de forma máis incisiva durante a crise, ao que contribuíron os propios gobernos do PP no Estado e na Xunta, o profesorado galego foi dos primeiros en sufrir os recortes e dos últimos en recuperar os seus dereitos.
Neste sentido, actualmente son sete comunidades autónomas as que xa aprobaron a devolución do horario lectivo (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura).
Mentres, en Galiza a conselleira segue aludindo a que non darán ningún paso até que o goberno central habilite unha partida para este fin. “Un auténtico insulto ao profesorado galego –en palabras do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello,- que sabe perfectamente que cando lle foi aplicada a ampliación horaria, a Xunta non lle devolveu a Madrid os cartos que aforrou co recorte de miles de postos de traballo dun ano para outro”.
Bermello denuncia que “as consecuencias desta medida vímolas padecendo nestes últimos anos: imposibilidade de facer apoios, reforzos e desdobres; aumento da impartición de afíns, das ratios de alumnado por aula e das itinerancias; exceso de carga de traballo para o profesorado que non pode preparar as clases nin corrixir exames e tarefas en condicións… En definitiva, un empeoramento moi drástico das nosas condicións de traballo que non tivo moita influencia na calidade do ensino unha vez máis grazas ao sobreesforzo do colectivo docente no noso país”.
Unha convocatoria de folga cos orzamentos no punto de mira
As mobilizacións neste primeiro trimestre está previsto que culminen o día 12 de decembro cunha folga xeral no ensino. A data elixida responde á necesidade de incluír nos próximos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza para 2020 que neses momentos aínda estarán sen aprobar.
As organizacións sindicais teñen previsto chegar até as últimas consecuencias con esta reivindicación “porque non é de recibo que o profesorado siga pagando as políticas antisociais e privatizadoras dos gobernos do PP”.
De non producirse unha negociación antes do 12 de decembro, “a partir da semana que vén comezaremos unha intensa campaña de información en todos e cada un dos centros educativos galegos promovendoa mobilización do profesorado para que a convocatoria de folga sexa unha resposta contundente á negativa e ao desprezo da Consellaría”, concluíu Bermello.