O profesorado do ensino público demanda mellores condicións e un plan para afrontar a redución de ratios
Logo dos actos de protesta desenvolvidos nos centros educativos o pasado 8 de xuño, convocadas pola CIG-Ensino, o sindicato promoveu de novo unha concentración para evidenciar o malestar do persoal docente do ensino público.
O acto decorreu ás portas da Consellaría de Educación e nel tomaron a palabra varios docentes como mostra de determinadas demandas que o sindicato maioritario no ensino público puxo de relevo nestes últimos meses na campaña “Mudemos o rumbo” que percorreu todos os centros docentes do país.
Desprezo ao profesorado
Así, interviñeron Carlos Calvente, mestre de infantil e primaria, que puxo de relevo o problema do desprezo da Consellaría co profesorado de Infantil á hora de determinar a necesidade e duración do período de adaptación así como as graves carencias na atención á diversidade. Viviana Roibás, profesora de FP exemplificou a situación que atravesa agora mesmo o persoal docente que imparte docencia nos ciclos de Formación Profesional, cunha inxente carga burocrática en detrimento da necesidade de centrarse na práctica docente.
Iria Aboi, profesora interina, centrou a súa intervención na situación que afecta especificamente ao colectivo máis precarizado do ensino público, o profesorado interino e substituto, que ten que soportar as decisións da Consellaría ao respecto de chamamentos e xestión de baixas ou negando a súa estabilidade, ao tempo que se trata como un colectivo de segunda ao que, xunto co profesorado en expectativa, se pretendía excluír do debate e toma de decisións ao respecto dos horarios e reparto de grupos para o comezo de curso escolar en secundaria.
Deriva burocratizante
Como integrante dunha dirección, Xosé Díaz relatou todos os plans, programas e documentos que, impropiamente, ten que asumir como profesorado pola negativa da Consellaría a aumentar o persoal non docente e por unha deriva burocratizante da educación, que pretende deixar nun segundo plano o papel central que como docentes nos corresponde.
Tamén criticou a decisión da Consellaría de afrontar incorrectamente a atención a reforzos e necesidades educativas, con programas como ARCO ou PROA+, aos que moitos centros non teñen acceso e, cando teñen, é sen garantía de continuidade para afrontar con rigor unha educación en equidade.
Interveu tamén Óscar Díaz, docente con experiencia en saúde laboral, para pór o foco nas enormes eivas que afrontamos como profesorado cunha administración que leva incumprindo desde hai décadas a lei de prevención de riscos laborais, alertando da necesidade de darlle ao coidado da nosa saúde a importancia que ten, con índices preocupantes de queime profesional entre o profesorado e dunha maior incidencia de riscos psicosociais.
Cambio de rumbo nas políticas educativas e de persoal
Pechou o acto o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, centrando a súa intervención na necesidade dun cambio de rumbo nas políticas educativas e de persoal da Consellaría e animando a unha reacción do profesorado, farto de tanto desprezo e desconsideración, para forzar ese cambio se este non parte dos responsábeis políticos da Consellaría.
Deu tamén un repaso aos aspectos fundamentais que conforman a táboa reivindicativa que a CIG-Ensino pon enriba da mesa para superar o abandono no que vive o ensino público e, en particular o seu profesorado, pola negativa do conselleiro, Román Rodríguez, a dar resposta ás demandas sindicais e profesionais.
Na súa intervención, Suso Bermello, incidiu especialmente na situación que atravesa agora mesmo a educación pública, cos efectos xa importantes da caída da natalidade e, por tanto, das matriculacións nos centros que irán a maiores nos vindeiros anos e demandou da Consellaría unha rectificación na súa decisión de pechar aulas e forzar agrupamentos de unidades, ou de impedir a elección de materias optativas ou mesmo de modalidades de Bacharelato.
O secretario nacional da CIG-Ensino pechou cunha alerta ante o que pode ser unha nova xeira de supresións e redución de profesorado se non se forza un cambio na política de recortes en profesorado que desde hai anos vén sendo unha constante nos gobernos do PP.