O profesorado de FP novamente refén da improvisación das administracións a 5 meses lectivos de se implantar a LOFP

A CIG-Ensino reclama a Ministerio e consellaría a a convocatoria inmediata das mesas sectoriais e dos consellos de FP
Nacional - 30 Xan 2024

A CIG-Ensino vén de denunciar que a situación do profesorado de FP, “nuevamente refén das administración a cinco meses lectivos de que se implante a nova lei”. Critica a Ministerio e Xunta, a partes iguais, por non ter contado co profesorado, nin coa súa representación sindical, no deseño dunha norma que empeorará a calidade da FP ao restarlle peso aos módulos profesionais, introducir a dualización en todos os ciclos, incrementar a privatización e deixar a porta aberta á contratación docente externa.

O sindicato maioritario no ensino público en Galiza insta ao Ministerio de Educación e Formación Profesional e á Consellaría de Educación a convocar de inmediato tanto Mesas Sectoriais como os Consellos de FP para abordar todos os borradores de Real Decreto que modifican os actuais títulos de FP básica, Ciclos Medios, Superiores e Cursos de especialización. Textos nos que se abordan, entre outras cuestións, a desaparición dos módulos de FOL, EIE e FCT, se inclúen os módulos de nova creación e se incrementa o tempo de permanencia na empresa xa desde primeiro curso, así como tamén todos os proxectos de RD polos que se estabelecen os graos A, B e C de todas as familias profesionais.

A CIG-Ensino denuncia que para a elaboración de toda esta normativa, de enorme transcendencia e sobre a que este mes de febreiro terá que traballar unha comisión de profesorado en Galiza, non se contou coa opinión docente, nin coa da súa representación legal.

Así mesmo, critica a Xunta por anunciar que está en exposición pública o Decreto polo que se regula a regulación e a ordenación da FP en Galiza desde o pasado 16 de xaneiro, cando “non é certo, e por non prever con antelación licenzas por formación e outras medidas que lle permitan ao profesorado preparar contidos e materiais dos novos módulos e graos que se van implantar a partir do vindeiro curso”.

Experimentación absoluta

O curso 2024-2025 será, segundo denuncia a CIG-Ensino, “outro exemplo de experimentación absoluta coa FP, como xa aconteceu noutras ocasións coa implantación do sistema de calidade e coas sucesivas reformas normativas, pero esta vez de forma totalmente abrupta e todo apunta a que tamén caótica”.

Con todo, para o sindicato, o principal problema, alén unha vez máis da improvisación das dúas administracións educativas responsábeis e de non ter contado nin coa opinión do profesorado nin coa da súa representación sindical, será quea implantación da nova LOFP, tendo algunha cousa positiva, suporá en xeral un empeoramento na calidade da oferta formativa cando menos na oferta dos graos D e E”.

Ante a “pasividade e falta de información oficial” por parte da Xunta e do Ministerio, a CIG-Ensino intenta resumir cales son os principais cambios que, segundo o RD 278/2023, do 11 de abril, polo que se estabelece o calendario de implantación do Sistema de Formación Profesional establecido pola Lei Orgánica de FP, terían que entrar en vigor en setembro deste ano, aínda que algunhas cuestións xa levan certo retraso. É dicir, tan só quedan 5 meses lectivos antes da súa aplicación e o profesorado unha vez máis comezará o vindeiro curso improvisando sobre a marcha sen coñecer con antelación nin poder preparar o que vai impartir. 

Principais novidades que entran en vigor o vindeiro curso
  • Haberá un único sistema de formación profesional que integra as coñecidas como FP para o emprego, FP continua e FP regrada. A partir de agora organízase en 5 graos e cada un deles en 3 niveis de profesionalidade. Cada grao permitirá certificar unha formación específica e ofertaranse nos centros educativos: 
  • Grao A: Acreditación parcial dunha competencia. Microformación referida a un ou varios resultados de aprendizaxe
  • Grao B: Certificado de competencia. Formación modular asociada a estándares de competencia do Catálogo nacional. Entre 100 e 200 h.
  • Grao C: Certificado profesional. Conxunto de módulos asociados a estándares de competencia do Catálogo. Entre 600 e 1000 h.
  • Grao D: Ciclos Formativos
    • Nivel 1: CFGB. Título de técnico básico. Requisitos de acceso para alumnado entre 15 e 17 anos. 2000 h.
    • Nivel 2: CFGM. Título de técnico. Requisitos de acceso: grao básico, ESO, proba de acceso ou curso de acceso. 2000 h.
    • Nivel 3: CFGS. Título de técnico superior. Requisitos de acceso: grao medio, Bacharelato, proba ou curso de acceso. 2000 h.
  • Grao E: formación similar aos posgraos e mestrados universitarios. Requisitos de acceso dependendo do tipo de formación. Entre 300 e 900 h
  • Curso de especialización de FP de grao medio. Título de técnico especialista.
  • Curso de especialización de FP de grao superior. Título de Máster de FP. 
  • Dualízase toda a FP. Desaparece o módulo de FCT e o alumnado terá que adquirir xa desde 1º curso unha porcentaxe dos Resultados de Aprendizaxe de todos os módulos profesionais dos ciclos do grao D na empresa:
  • Ciclo formativo Básico: 20% (400 h) para maiores de 16 anos.
  • Ciclos formativos Medio e Superior:
    • Entre 25 e 35% na dual ordinaria. (500-700 h)
    • Entre 35 e 50% na dual intensiva. (700-1000 h)

Cotizará todo o alumnado durante o  período de prácticas na empresa pero só o que participe na dual intensiva terá dereito a unha remuneración económica. A partir do ano 2029 será obrigatorio que exista contrato nesta modalidade.

O profesorado dos centros será o responsábel, nun principio, da busca, relación e coordinación académica coas empresas.

 

Cambios na oferta formativa

Diminúe o horario dos módulos profesionais e introdúcense novos módulos asociados ás competencias básicas ademais de incluírse obrigatoriamente un módulo de proxecto intermodular tanto nos ciclos básicos como nos medios e superiores. Este último desenvolverase ao longo de todo o ciclo, incluído 1º curso. A maiores ofertarase ou ben un módulo optativo nun único curso ou dous optativos ofertados en dous cuadrimestres, que terán entre 80 e 160 horas.

 

 Que módulos desaparecen?

  • Formación e Orientación Laboral
  • Empresa e Iniciativa Emprendedora
  • FCT
  • Proxecto fin de grao (CS)
  • Inglés (existente nalgúns ciclos)
  • Módulo de libre configuración (no caso de existir)

 

Que módulos se implantan de novo e quen os impartirá?

  • Itinerario personalizado para a empregabilidade I e II

(agora tamén obrigatorio na FP básica)

Profesorado de Formación e Orientación Laboral

  • Dixitalización aplicada ao sistema produtivo

Depende do ciclo pero con carácter xeral as especialidades da familia profesional con atribución docente nese ciclo, FOL e nalgúns casos Inglés e Lingua estranxeira.

  • Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo

Con carácter xeral as especialidades da familia profesional con atribución docente nese ciclo, FOL e nalgúns casos Inglés e Lingua estranxeira.

  • Inglés profesional

Dependerá do ciclo pero inicialemnte ou ben profesorado de Inglés de Secundaria ou da familia profesional. Pendente de regular.

  • Proxecto intermodular

Profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo

  • Módulo optativo. Pendente de regular quen o impartirá.

Este módulo incluíase no RD de ordenación do sistema da FP dentro do currículo que lle corresponde definir ás CCAA, pero no proxecto de RD que o modifica aparece a seguinte distribución do currículo básico a nivel estatal.

 

Como se vai xestionar o tempo de formación na empresa?

Segundo a normativa, aínda provisional, os módulos que poderá asumir a empresa son os módulos profesionais ou os creados polas CCAA por necesidades do mercado. Este período formativo poderá realizarse en unha empresa ou organismo equiparado ou en varias. Obrigatoriamente esta formación terá que desenvolverse nos dous cursos, agás na FP básica no caso de menores de 16 anos, en sectores excepcionais ou por razóns de mobilidade.

 

A cotización do alumnado nas prácticas. Unha nova carga burocrática para o profesorado.

Desde o 1 de xaneiro deste ano a implantación desta medida, alén de ser unha arma política da Xunta do PP contra o goberno do Estado, apenas se materializou en Galiza porque neste primeiro trimestre non hai case alumnado na FCT, mais xa se produciu un incremento do traballo burocrático das docentes responsábeis tanto no relativo ás altas na Seguridade Social como na información ás empresas. Unha información que non flúe como debera desde a administración galega aos centros. Cómpre salientar que toda esta complexidade de trámites será maior o vindeiro curso ao empezar todo o alumnado de 1º con formación na empresa, polo que a CIG-Ensino esixirá máis persoas coordinadoras e maior liberación horaria para estas tarefas.

 

Que novas figuras de coordinación docente se crearán?

Crearanse os postos de responsábeis de innovación; de internacionalización; de coordinación do servizo de orientación profesional emprendemento e acreditación de competencias; ademais da titoría dual.

 

O perigo da externalización da docencia

Este é un dos aspectos máis criticábeis da nova norma, que abre a porta a recorrer á contratación de persoal alleo para funcións docentes e de intermediación coas empresas, permitindo que poidan compatibilizar o traballo público e privado e establecendo unha relación laboral coa administración que pode dar lugar a problemas legais e denuncias xudiciais.

En concreto o novo RD de ordenación da FP contempla a posibilidade de incorporar á docencia a persoas expertas do sector produtivo, persoas expertas senior da empresa, persoas prospectoras de empresas e persoal de apoio especializado.

 

Incidencia na privatización da FP

Ademais da dualización, da inxerencia das empresas na selección do alumnado na dual intensiva -e está por ver se na ordinaria- e da contratación de profesionais externos, un dos resultados palpábeis que xa se está vendo co “auxe” da Formación Profesional é o incremento da oferta privada e concertada, sobre todo de CM e CS malia seren ensinanzas postobrigatorias. Segundo un estudo recente de Caixabank en Galiza incrementouse nun 62% en 12 anos o alumnado que cursa ciclos en centros privados sostidos con fondos públicos, o triple que no ensino público.

A reforma do RD 659/2023 que prevé o MEFP tamén elimina o carácter gratuíto dos cursos de acceso a ciclos medios e superiores.