O problema é o capitalismo e non o clima

Julio C. Gambina - 02 Nov 2021

Cambiar o modelo produtivo e de desenvolvemento é a base para organizar unha orde económica e social que palíe o dano ecolóxico e asegure a reprodución metabólica do planeta

 Cadraron esta fin de semana dous conclave mundiais centrados no debate sobre o “quecemento global”, a COP 26 en Glasgow, Escocia, e o G20 en Roma, Italia.

 A preocupación común é o clima, nun marco de crise económica evidente, con desigualdade social crecente, prezos á alza preocupante e a deterioración ambiental derivada da emisión de gases de efecto invernadoiro producida pola forma de produción contemporánea. O impacto sobre o ambiente é un problema acelerado desde tempos da revolución industrial (1750), axigantada logo da segunda posguerra (1945) e de xeito descontrolado nas últimas tres décadas (1990-2021). A forma capitalista de produción leva consigo estes resultados.

 Unha resumida e didáctica análise preséntaa Michael Roberts no seu blog[1], coas estatísticas das responsabilidades na emisión de CO2, con China á cabeza na actualidade e EUA lonxe, no acumulado histórico do desenvolvemento capitalista. Sinala o autor británico que China “é o maior emisor de CO2 do mundo” desde o seu lugar de país con maior poboación no planeta e fabricante exportador do mundo. Engade que “as emisións acumuladas na atmosfera nos últimos 100 anos proveñen dos ricos anteriormente industrializados e agora consumidores de enerxía do Norte”. Salienta que EUA é responsábel de acumular a emisión “do 20% do total mundial. China ocupa un segundo lugar relativamente distante, cun 11%, seguida de Rusia (7%), Brasil (5%) e Indonesia (4%)”. Nesa estatística aparece Arxentina no 14° lugar.

 O tema é importante e no blog do FMI pódese ler unha análise relativa ao tema e América Latina e o Caribe[2]. No texto sinálase que “As emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) da rexión concordan co seu tamaño económico e poboación, arredor do 8 por cento do total mundial. Pero a composición das emisións en ALC é moi diferente que a doutras rexións”. Faise énfase a seguir en que “O sector enerxético contribúe moito menos ás emisións totais en ALC (43 por cento) en comparación coa media mundial (74 por cento). A agricultura, en cambio, contribúe 25 por cento, fronte a unha media mundial de 13 por cento. O uso da terra, o cambio do uso da terra e a silvicultura (UTCUTS) contribúen un 19 por cento, moito máis que a media mundial apenas superior a 1 por cento”.

Última oportunidade

 Pódense utilizar outras fontes informativas e queda claro que non se pode agochar a catástrofe que ameaza a humanidade, e os Estados nacionais e as súas articulacións globais van de cimeira en cimeira para definiren compromisos que non cumpren. O resultado é alarmante até o punto de que o Secretario Xeral de Nacións Unidas sostén que “se non se actúa con determinación, está en xogo a nosa última oportunidade, literalmente, de cambiar o rumbo das cousas”[3].

 A alarma é un chamado de atención á orde produtiva, sustentada na explotación crecente da forza de traballo, con menos seguridade social, e no recorrente e estendido saqueo dos bens comúns na orde global, estimulando un consumo nas elites que afecta as condicións de vida do conxunto da sociedade. Non hai solución ao “quecemento global” se non se asumen medidas sobre ámbitos estratéxicos da produción mundial, caso da enerxía, a agricultura, o transporte, os servizos públicos esenciais, a saúde, a educación, tendentes a limitar e reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, algo que non pode quedar en mans do “mercado”, é dicir, dos investidores privados, as corporacións transnacionais, na procura de beneficios e rendibilidade dos seus capitais.

 O comentario apunta tanto cara ao poder das transnacionais petroleiras e gasistas, da alimentación e a biotecnoloxía, entre moitas outras, como ao debate sobre as políticas dos Estados nación e os organismos mundiais relativos ao para que, como e canta enerxía e produción, orientada a que necesidades satisfacer. Son comentarios extensivos cara á alimentación e, polo tanto, máis pensamento e acción en satisfacer demandas sociais e dereitos á alimentación e á enerxía que estimular mercados, precisamente nun momento onde a alza de prezos se concentra en ambas as producións estratéxicas para a reprodución da cotidianeidade social e natural.

 A solución virá máis das loitas e resistencias populares, especialmente de formas alternativas de produción e reprodución socioeconómica que, de decisións públicas dos Estados Capitalistas, en cimeiras como as do G20 onde se propoñen debater sobre as desigualdades e o aceleramento da recuperación económica. Ambas as cuestións son resultado da forma capitalista de organización da sociedade. É lóxico que o réxime do capital promova o restablecemento da taxa de beneficios antes que a satisfacción de millóns de empobrecidos nos pobos do mundo. Iso é a desigualdade, produto da orde capitalista. Cambiar o modelo produtivo e de desenvolvemento é a base para organizar unha orde económica e social que palíe o dano ecolóxico e asegure a reprodución metabólica do planeta.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] Michael Roberts. “Cop-out 26”, en: https://thenextrecession.wordpress.com/2021/10/28/cop-out-26/

[2] Anna Ivanova, Julie Kozack, Sònia Muñoz, e Jorge Roldos. Blog do FMI. “Cambio climático en América Latina y el Caribe: Retos y oportunidades”, en: https://blog-dialogoafondo.imf.org/?p=16475

[3] Antonio Guterres, en: https://news.un.org/es/story/2021/10/1499162

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 2 de novembro de 2021]