O prezo dos produtos de primeira necesidade incrementouse un 1,4% en Galiza no ano 2015

O IPC negativo prexudica dobremente a traballadores/as, parados/as e pensionistas galegos
Vigo - 15 Xan 2016
O prezo dos productos de primeira necesidade -alimentación e bebidas non alcohólicas- incrementouse un 1,4% de media en Galiza durante o ano 2015, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Pola contra, a inflación medida a través do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) experimentou un descenso do 0,2%, o que é dobremente prexudicial para os traballadores/as, parados/as e pensionistas galegos/as, xa que o noso país conta coas pensións e os salarios máis baixos do Estado.

Alén do transporte e da vivenda, no resto dos grupos producíronse incrementos nos prezos dos seus compoñentes, destacando especialmente o grupo de alimentación e bebidas non alcohólicas, é dicir, os produtos de primeira necesidade, que experimentaron un aumento medio do 1,4%.

Pola contra, o ano pasado pechouse cun descenso da inflación medida a través do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do 0,2% en Galiza; na media estatal non variaron os prezos con respecto ao ano 2014, rematando 2015 cun valor do 0% neste indicador.

A evolución do prezo dos carburantes (con moita incidencia nos grupos de transporte e vivenda) mantén este indicador en valores planos, ou negativos no caso do noso país; o ano 2014 rematara cun descenso do 1%.

Dende a CIG lembran que a participación de cada grupo de produtos no cálculo do IPC é unha media ponderada, pero a proporción de renda que cada familia destina a alimentación é menor a medida que medra a renda; ou o que é o mesmo, cando menores son os ingresos maior é a porcentaxe dos mesmos que se destina a alimentación.

Cando a evolución dos prezos é tan desigual por grupos, como no ano 2015, o IPC realmente non mide a perda de capacidade adquisitiva dunha parte importante da poboación, neste caso a que conta con menores ingresos.

 “Este indicador non mide a perda real de poder adquisitivo e vai agravar a situación a medio prazo, xa que é utilizado maioritariamente para a variación tanto de pensións como de salarios para o vindeiro ano”, sosteñen dende a central.

 E por isto que os traballadores/as, parados/as e pensionaistas galegos/as, coas pensións e os salarios máis baixos de todo o Estado, vense dobremente prexudicados polos valores deste indicador.

 

Variación anual do IPC por grupos de produtos

 

Variación anual (%)

 

2015/Decembro

 

España

Galicia

Xeral

0

-0,2

Alimentación e bebidas non alcohólicas

1,8

1,4

Bebidas alcohólicas e tabaco

1,3

1,2

Vestido e calzado

0,5

0,5

Vivenda

-2,3

-3,2

Enxoval

0,1

0,6

Medicina

0,5

0,2

Transporte

-2,8

-2,8

Comunicacións

0,5

0,4

Ocio e cultura

0,2

0,1

Ensino

0,5

0,6

Hoteis, cafés e restaurantes

0,9

0,9

Fonte: INE. Índice de Prezos ao Consumo.