"A mala xestión en Segur Ibérica séguea pagando o persoal dos servizos que mantén en Ferrol"
A CIG-Servizos de Ferrol iniciará este mércores unha serie de concentracións diante dos centros de traballo que aínda manteñen contratado o servizo de seguridade privada con SegurIbérica, co obxectivo de demandar "que se aceleren ao máximo os trámites burocráticos" para o cambio de empresa e "para visibilizar a situación crítica" na que está este colectivo de traballadores e traballadoras.
Cómpre lembrar que SegurIbérica está en situación de concurso de acredores e o pasado mes de decembro presentou un ERE de extinción -no que a CIG foi excluída da mesa de negociacións-. Aínda que a día de hoxe, a maioría dos traballadores/as xa foron subrogados/as a outras empresas, a compañía mantén varios servizos na zona de Ferrolterra, como son Endesa (central das Pontes e Porto Exterior), a Universidade (no campus de Esteiro) e o Concello de Ferrol (nas instalacións de FIMO e Porta Nova), segundo explica Rocío Doce, Secretaria comarcal de Organización da CIG-Servizos.
Dramática situación
Rocío Doce apunta á " irresponsabilidade e a mala xestión" da empresa que levou ao persoal a estar tres meses tren cobrar e isto "arrastrou a compañeiros e compañeiras a unha dramática situación, e mesmo a contraer débedas co banco, a ter que pedir cartos as familias e amizades para poder comer e acudir ao posto de traballo, a ter que vender o coche para sobrevivir,...".
De cara a buscar unha solución definitiva, a CIG leva un tempo mantendo conversas tanto coa Universidade coma co Concello "e temos pendente reunirnos con Navantia e Endesa". "Entendemos que tanto a Universidade como o Concello son entidades públicas e non lles é tan doado solucionar o cambio de empresa, e agradecemos os esforzos que están a facer, pero isto non é suficiente", asevera.
Como até o momento non existe ningún compromiso por escrito, a central acordou iniciar mobilizacións para visibilizar a situación dos traballadores/as e reclamar axilidade na tramitación burocrática. A primeira destas concentracións terá lugar este mércores, 18 de xaneiro, ás 11:00 horas diante da universidade no campus de Esteiro.
Contactos coa Universidade e o Concello
Sobre o cambio de empresa, indica Rocío Doce, o vice-rexente da Universidade informou que por fin teñen unha compañía disposta a asumir tanto ao persoal vixilante como a auxiliares, respectando as súas condicións laborais. A proposta xa foi trasladada ao administrador concursal e, á espera da resposta deste, avanzaron que "xa teñen todo listo para a sinatura". Ademais, tamén lle solicitaron ao administrador que se fagan todos os pagos ao persoal. Non obstante, Doce matiza que "esta información hai que tomala coa cautela debida, xa que non hai nada asinado aínda, soamente un acordo verbal entre a universidade e a nova empresa".
No relativo aos servizos de FIMO e Porta Nova, nas reunións mantidas co concelleiro, este informou á representación da CIG que se están a preparar as licitacións para o contrato dunha nova empresa e que se reflectiría nos pregos a subrogación de todo o persoal. O Concello baralla dúas opcións para este cambio, e está intentando contactar co administrador para que lles dea unha marxe de dous meses -pagando as facturas nos prazos marcados- e así elaborar un contrato con garantías.
Impagos, concurso e demisión do consello de administración
Os problemas na empresa comezaron en marzo do pasado ano, con atrasos no pago dos salarios. A CIG-Servizos denunciou até en tres ocasións estas demoras diante da Inspección de Traballo, aínda que a autoridade laboral só respondeu a un dos escritos. A partir de outubro, os atrasos transformáronse en impagos de nóminas: primeiro só nalgúns centros de traballo e logo en todos, "agás naqueles servizos que á empresa lle interesaba mantén, como a vixilancia en Navantia ou Adif", explica Doce.
En resposta aos impagos, os traballadores e traballadoras comezaron mobilizacións, e mesmo o Comité da provincia da Coruña mantivo unha reunión indefinida nas oficinas de SegurIbérica até obter o compromiso de que se ía proceder ao pago efectivo da nómina de outubro a todo o persoal. "Mensualidade que se cobrou, tal e como se acordara", matiza Rocío Doce.
Poucos días despois, a dirección sorprende coa presentación dun ERE e a solicitude do concurso voluntario de acredores. "E dicimos que sorprende esta actuación tendo en conta que a empresa rematou 2015 cunha facturación de máis de 237 millóns de euros, o que supuxo un 5.7% máis que no ano anterior. Ademais, nese período aumentou cadro de persoal con 620 traballadores/as novos/as", destaca.
Neste contexto, para a sindicalista non deixa de resultar especialmente rechamante que, o 7 de decembro, pouco despois de anunciar o ERE e o concurso, se publicase no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil o cese/dimisión dos membros do órgano de administración e o cambio do Consello de Administración a un administrador único.
Mobilizacións, reunións coas empresas clientes e accións xurídicas
Ante o cariz que tomaba a marcha da empresa e á vista de que continuaban os atrasos, a CIG promoveu a celebración de asembleas de traballadores/as para acordar as accións e estratexias a seguir. Tal foi o caso da mobilización que o persoal desenvolveu diante do Reitorado da Universidade da Coruña, con cuxos responsábeis mantiveron ese mesmo día unha reunión para abordar os pasos que estaba a dar a institución universitaria a este respecto.
Ademais iniciáronse contactos cos clientes de SegurIbérica para solicitar que abonaran directamente os salarios ao persoal de seguridade, descontando esas cantidades das facturas a pagar a SegurIbérica. "E non que fixeran os/as traballadores/as de cobradores/as do frac como pretendía a empresa", critica Rocío Doce. Tamén se solicitou destes clientes que procederan a cambiar á maior brevidade posíbel de empresa de seguridade privada "para evitar males maiores, como así sucedeu nalgúns casos".
Paralelamente, iniciouse a vía xurídica, tanto para as reclamacións de cantidades, como a revisión de nóminas e as comunicacións de créditos ao administrador concursal.