O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo expulsa o representante da CIG do edificio onde se ía celebrar o consello de administración
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Enrique López Veiga, expulsou hoxe o representante da CIG do edificio onde se ía celebrar o consello de administración do organismo estatal, no que a central ten dereito a participar como sindicato maioritario do comité de empresa. No exterior, un pequeno grupo de delegados/as sindicais da CIG desenvolveu unha protesta simbólica para rexeitar esta discriminación.
A CIG desenvolveu unha mobilización esta mañá no exterior do edificio de sesións do Porto de Vigo para denunciar que non se lle permite participar no consello de administración da APV a pesar de que foi o sindicato máis votado nas últimas eleccións sindicais do ente estatal.
Mentres, a persoa elixida pola central para representala no consello accedeu ao interior das instalacións minutos antes do inicio do consello, sendo obrigada a saír de moi malos modos polo propio presidente da APV.
“O que está a acontecer é unha auténtica vergoña, porque non nos permiten participar no consello de administración a pesar de que temos dereito por seren o sindicato con maior representación na APV, cando anteriormente si que estivo representada a UGT e na actualidade CCOO”, critica o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves. Ao mesmo tempo, censura a actitude de CCOO, “cuxo representante continúa sentado no consello de administración cando non ten lexitimidade, polo que nos preguntamos a quen representa”.
Tamén lembra que a CIG remitiulle dous escritos á APV e tres á Consellería de Pesca -que se encarga dos nomeamentos- advertindo desta situación e instándoas a corrixila, pero a primeira respondeu que a competencia era da Xunta e a segunda non contestou. “Por iso optamos por mobilizarnos, hoxe de forma simbólica, pero en próximas datas organizaremos protestas máis contundentes”. Ademais, a central acudirá á vía xudicial para facer valer os seus dereitos.