O PP rexeita, por “separatista”, a enerxía como dereito universal, combater a pobreza enerxética e favorecer a nosa industria
O Partido Popular rexeitou esta mañá por “separatista” a proposición de lei por unha tarifa eléctrica galega, que reconverteu nunha lei pola eficiencia enerxética, constatando así a súa actitude “silenciosa e servil ante os poderosos e contundente, represora e negadora dos dereitos de quen pedimos medidas contra a pobreza enerxética e para o desenvolvemento industrial do noso país”. Porén, este mesmo partido non tivo problema algún para crear, cando se aprobou a Lei Eléctrica hai tres anos, unha tarifa industrial vasca, nin para defender esa rebaixa tarifaria diante de Competencia da UE, hai apenas un mes. Así o denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no decurso da concentración convocada pola central sindical diante do Parlamento galego.
Carril cualificou ademais como “grave atentado á democracia” deixar sen efecto e anular, de facto, o contido dunha Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento de Galiza con máis do dobre das sinaturas necesarias, co apoio de máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades galegas, e de 3 deputacións provinciais. Unha Iniciativa Popular que foi aprobada por unanimidade polos grupos da cámara, incluído o propio PP que, porén, hoxe decidiu vetala.
O secretario xeral da CIG lembrou que daquela a central sindical conseguiu que, por primeira vez, se puidera discutir no Parlamento de Galiza sobre a capacidade de reverter recursos tan importantes como o enerxético no noso beneficio. Por iso denunciou que agora “atopámonos que o PP despois de a ter admitido a trámite pretende deixala sen efecto reconverténdoa, sen respectar unha tarifa eléctrica galega e sen respectar tamén que poidamos utilizar a enerxía como un servizo público para combater a pobreza enerxética e para mellorar o benestar social”.
Xunto a isto denunciou a renuncia do PP a gobernar en prol das necesidades do país e para mellorar a calidade de vida das galegas e galegos. Neste sentido considerou grave que “tendo competencias non as exerza para reverter a situación e aproveitar os nosos recursos para o noso desenvolvemento económico e industrial; para que a tarifa eléctrica, para os galegos e as galegas, sexa máis barata, ao igual que para a nosa industria; para favorecer o asentamento industrial e garantir a creación de emprego no noso país”. Por iso concluíu que “Feixóo, cando ten competencias, non as exerce e cando non as ten, non as demanda”.
Conivencia coas eléctricas
Para Carril é “escandaloso” que o presidente da Xunta teña “apertas para os directivos das grandes eléctricas e ruína para o pobo galego e para empresas que vén como depende o seu futuro dunha poxa tramposa e opaca que pode pór en tea de xuízo a continuidade de importantes fábricas do nosos país”.
Isto para a CIG evidencia que o PP fai unha vez máis do Parlamento galego un “Parlamento de cartón” e obriga a ser “implacábeis na resposta ante ataques como este á democracia popular mais tamén diante da deixadez do PP e dun Feixóo que renega a aproveitar os nosos recursos para que poidan reverter no noso desenvolvemento económico e industrial, para que sexan máis competitivas, e na creación de emprego”.
Para Carril é tamén demostración do talante democrático do PP porque mentres fai esta renuncia “aposta por un plan de desenvolvemento industrial baseado no espolio e na depredación, como acabamos de ver coa Lei de Fomento Empresarial que se aprobou, pola vía de urxencia, en tempo récord, mentres que tiveron que pasar dous anos para que esta ILP tivese trámite”.
Para o secretario xeral da CIG, termos un Marco Galego de Relacións Laborais, termos un Parlamento con competencias e capacidade de mobilización social impediría que atentados da gravidade do que estamos a vivir hoxe se puideran producir. Por iso advertiu que “non imos desfalecer en reivindicar que as Iniciativas Lexislativas Populares non teñan un final como o que lle deu o PP hoxe, nin renunciamos a defender que os nosos recursos, neste caso os nosos recursos enerxéticos, revertan en beneficio do noso desenvolvemento económico e social, na xeración de emprego e para combater a pobreza enerxética”.