O PP rexeita no Parlamento unha proposta da CIG para aumentar a prevención da silicose no sector da pedra
O Partido Popular rexeitou este xoves no Parlamento galego unha proposta da CIG para ampliar os dereitos laborais e sociais do persoal que traballa no sector da pedra, lousa e mármore. En concreto, mediante a posta en marcha por parte da Xunta dunha campaña de control das condicións de traballo e de cumprimento da prevención de riscos laborais ou coa creación dunha unidade especializada na diagnose e no tratamento desta enfermidade que sirva de centro de referencia para toda Galiza, para evitar que as persoas afectadas por esta doenza profesional teñan que desprazarse a Oviedo, onde se localiza o Instituto Nacional de Silicosis.
Na proposición non de lei presentada polo BNG por iniciativa da CIG-Construción esixíaselle á Xunta que exercese a “súa competencia exclusiva” en materia de prevención de riscos no sector como “primeiro chanzo” para erradicar a enfermidade e crear un centro de referencia no noso país especializado na diagnose e no seu tratamento.
O obxectivo da proposta era lograr un acordo destinado a paliar as deficiencias na prevención nun sector que agrupa as canteiras de granito do Porriño, a lousa de Valdeorras e Lugo, así como múltiples empresas por toda Galiza, algunhas grandes dedicadas a fabricar derivados e outras moi pequenas, como as marmorerías que traballan pedra para a ornamentación.
No argumentario da proposta recóllense datos do Instituto da Silicose de Oviedo, da Inspección de Traballo e do propio ISSGA que reflicten “profundas deficiencias na prevención de riscos” e evidencian un ascenso ininterrompido da enfermidade dende o ano 2005 até os nosos días, cun 72% de casos de persoal activo e cun 30% de novos casos diagnosticados como pneumoconiose complicada en primeira revisión. Isto significa que estes casos “non foron detectados nos estadios iniciais polos servizos de prevención de riscos das empresas durante a súa fase leve ou de grao 1”.
O 40% dos casos son galegos
Por outra parte, as dúas campañas epidemiolóxicas realizadas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde nos anos 2005 e 2006 amosaron que das 440 persoas estudadas no primeiro un 17,5% tiña silicose, mentres que no segundo ano das 257 persoas estudadas detectáronse un 13,2% de casos.
Neste contexto, a prevención de riscos cobra especial relevancia para a detección da enfermidade nos seus estadios iniciais, resultando imprescindíbel a vixilancia da saúde durante a vida laboral, con revisións por persoal facultativo especialista en medicina do traballo. Ademais, “non ten sentido” que haxa que derivar casos difíciles ou dubidosos ao Instituto de Oviedo, cando máis do 40% dos casos de silicose detectados no Estado español proceden de Galiza.
Finalmente, facíase fincapé en que se trata dunha enfermidade que ten un elevado grao de mortalidade, polo que a solución pasa polo “escrupuloso cumprimento” da normativa de prevención de riscos, tanto nos postos de traballo, como na vixilancia da saúde. Por iso precisamente se solicitaba a posta en marcha de xeito inmediato dunha campaña por parte da Xunta e a constitución dun centro especializado de referencia no noso país para a correcta diagnose e atencións das persoas afectadas.