O PP rexeita defender unha proposta de país para combater a pobreza enerxética e favorecer a industrialización
PP e PSOE votaron esta mañá, no pleno do Parlamento de Galiza, en contra dunha Proposición de Lei do BNG coa que se pretendía levar ao Congreso dos Deputados unha posición galega “para garantir que a produción eléctrica cumpra unha función social no desenvolvemento económico e na creación de emprego e riqueza en Galiza”.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que asistiu ao pleno acompañado do secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, e de delegados/as de Alcoa Coruña, Alcoa San Cibrán, Ferroatlántica Cee-Dumbría e Sabón e Celsa Atlantic, agradeceu ao BNG a presentación desta Proposición de Lei na que se recollían as propostas que a CIG leva meses defendendo, como a da tarifa eléctrica galega, que mesmo foi obxecto dunha ILP, ou a proposta da CIG para a industria electrintensiva que demanda un marco estábel e predicíbel.
“O que acabamos de ver é unha demostración grave de até onde o PP volve facer que en Galiza perdamos unha oportunidade para a creación de emprego, a industrialización, o combate á pobreza enerxética ou para que haxa unha solución máis inmediata para a industria galega electrointensiva”, lamentou, ao tempo que denunciou que tamén se rexeita que “no Estado se recoñeza un feito que para nós é esencial: que a enerxía sexa un dereito fundamental ao servizo do desenvolvemento industrial e evitar así que pechen empresas”.
Enerxía como ben social
O secretario xeral da CIG considerou que, co voto en contra do PP e do PSOE de defender no Congreso que se adopten as medidas propostas, “perdemos tamén unha nova oportunidade para evitar o peche de empresas e a destrución de emprego e para ter un marco que permita a industrialización e que pase a considerar a enerxía como un ben básico e como un servizo público que sirva para garantir o benestar social e combater a pobreza enerxética”.
Por iso lamentou que o PP “xogue en cuestións tan importantes para o noso país, tan habitado da ideoloxía centralista e negadora, contra un feito incontestábel: que mentres en Galiza somos produtores espoliados dos nosos recursos e exportadores de enerxía teñamos que ver o drama de que hai xente que ten que deixar de consumila porque está na pobreza enerxética ou empresas que pechan porque a enerxía é máis cara que en calquera outro lado do Estado español”.
Carril asegurou que estes son feitos abondo “graves” como para manter estas demandas que xa anunciou que volven estar recollidas na ILP para a recuperación para a xestión pública dos saltos hidráulicos. “Propoñemos, e o seguiremos defendendo, que a enerxía se poña ao servizo do pobo galego, da nosa industrialización e da creación de emprego”.
Por iso considerou o caso de Alcoa como “un caso dramático” e advertiu de que “non podemos permitir que acabe pechando precisamente por non ser capaces de atopar unha solución para garantir enerxía”.
Proposta legal
O secretario xeral da CIG tamén considerou “lamentábel” que neste debate se puxera en cuestión a legalidade das propostas referidas á industria electrointensiva “cando precisamente a proposta que o BNG trae aquí hoxe é a mesma que a CIG trouxo no mes de outubro e que mesmo foron obxecto dunha reunión co comisario europeo Arias Cañete que recoñece que era unha proposta válida que en absoluto vai en contra da legalidade”.
Ante isto denunciou que “volvemos ver de novo como o PP se nega a facer unha posta en común con todos os axentes sociais e políticos deste país ante un tema tan importante como a enerxía e como segue sen estar disposto a facer real o desenvolvemento da Declaración Institucional que no seu momento se fixo neste Parlamento para, precisamente, falar da enerxía e do futuro da industria electrointensiva”.
Sen vontade para resolver a situación
Carril lembrou ademais a proposta para a industria electrointensiva defendida polo goberno da Xunta a través do conselleiro de Industria. “Lamentamos o seu contido porque está feita dunha forma moi parcial, en absoluto resolve os problemas e supón renunciar a poñerse á fronte e liderar un país como o noso, onde os traballadores e traballadoras temos cada vez máis risco de perder os postos de traballo neste sector”.
Neste sentido lembrou a resposta remitida ao conselleiro de Industria por facer “caso omiso” non só ás propostas defendidas pola central sindical, senón mesmo á de crear unha Mesa de Traballo para abordar a problemática da industria electrointensiva de acordo ao aprobado na Declaración Institucional aprobada polo Parlamento Galego en pleno o 24 de outubro”.
Unha carta na que se denuncia que non se convocou ningunha reunión con todos os sectores afectados; que o goberno do PP, na Xunta de Galiza “segue a practicar o unilateralismo nun asunto tan importante como este, pola actualidade dramática que están a atravesar moitos e moitas traballadores e traballadoras galegas” especialmente Alcoa, mais tamén de Ferroatlántica de Cee e de Sabón e que se está a practicar a exclusión. Prácticas que “ningún favor fan para a defensa do emprego e da industria en Galiza”.