O PP rexeita a ILP contra a eucaliptización dos montes galegos gobernando, máis unha vez, para as empresas pasteiras
Os votos do Partido Popular -que demostrou máis unha vez que goberna para satisfacer os intereses das empresas pasteiras e non para garantir un rural galego vivo-, e a abstención do PSOE -que eludiu comprometerse argüíndo que sobre esta cuestión xa se avanzara na comisión parlamentaria creada a raíz da vaga de lumes que asolou Galiza en outubro de 2017-, impediron que saíra adiante a ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”. Unha iniciativa que contou co apoio de preto de 40.000 asinantes, o que a converte nunha das ILPs máis apoiadas pola sociedade galega, á que hoxe ignoraron tanto PP como PSOE.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou que “co respaldo popular que tivo” esta ILP fora rexeitada desta forma e considerou que o resultado é “do noso punto de vista, un delito”.
Carril asegurou que isto confirma que “hai un goberno galego e parte da oposición, neste caso o PSOE, que coinciden nun modelo para o noso monte e un modelo forestal que o que fai é desertizar e impedir un desenvolvemento do noso rural no que se poida vivir dignamente, aproveitando toda a capacidade e potencialidade do noso monte para a actividade agrograndeira”.
Denunciou ademais que aquí “hai quen ten un deseño para este país ao servizo das grandes pasteiras, unha eucaliptización do país infinita”. Por iso afirmou que o que hoxe se confirma é que “hai unha parte da sociedade que estamos en contra desa estratexia de Ence, PP e PSOE, o que ten que dar forzas para continuar”.
Pola súa banda, Manel Dacal, representante de FRUGA, considerou “lóxica” a posición do PSOE ao que acusou de terse comprometido co PP na comisión de lumes, ao aprobar conxuntamente o ditame dándolle así un “cheque en branco” ao goberno de Núñez Feijóo nesta cuestión. “Eles que son moi ‘demócratas’ non van votar en contra dunha ILP que ten 40.000 sinaturas detrás. Son debedores do sindicato socialdemócrata que está ligado ao PSOE, Unións Agrarias, que ten outros intereses forestais”.
En defensa do monte galego e por un rural vivo
En representación da Comisión Promotora da iniciativa -integrada por representantes da Alianza por un Rural Galego Vivo (ADEGA, CIG, FRUGA e a Organización Galega de Comunidades de Montes) e apoiada polas máis de 60 organizacións que integran a Rede Cousa de Raíces (entidades ambientalistas, asociacións culturais, sindicatos agrarios e de clase, comunidades de montes, empresas, universidades...)- defendeu a ILP Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA, quen considerou que, independentemente de ser ou non aprobada, “xa acadou un dos seus obxectivos: implicar a milleiros de persoas por todo o país e a centos de colectivos e entidades de diversas sensibilidades en defensa dos bosques”.
Rodríguez deu conta das razóns polas que se presentou esta ILP e salientou que malia a importancia da superficie de monte en Galiza, por volta dos 2/3 do total do territorio, “as políticas sectoriais non conseguiron compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido”.
Neste sentido, subliñou que as organizacións que conforman a comisión promotora da iniciativa constataron tamén a escasa superficie ocupada polos montes de xestión pública, cando “a vocación primeira destes espazos debería ser a conservación dos valiosos hábitats naturais, chave para ao amortecemento dos efectos do cambio climático, a conservación da biodiversidade e a redución do impacto dos lumes forestais”.
Por iso a iniciativa contempla a necesidade de aclarar “os principios reitores da xestión do monte para garantir unha compatibilización real dos seus distintos usos, así como incrementara xestión pública mediante acordos con propietarios e comunidades de montes”, dixo.
Así sinalou a necesidade de reforzar a figura dos montes veciñais en man común, o fomento do asociacionismo e a formación que “resultan chaves para unha xestión integral e sustentábel do monte, desde o monte e para o monte.
Plan Forestal
Rodríguez lembrou que o vixente Plano Forestal (1992), cun horizonte de aplicación de 40 anos e actualmente en revisión, visaba unha extensión máxima do eucalipto dunhas 245.000 hectáreas. Porén, asegurou “nestes intres a superficie de eucaliptais en Galiza pode superar as 500.000 hectáreas duplicando, a falta de 14 anos, as previsións máximas do Plano Forestal para o 2032” e cobre xa case o 17% do conxunto do territorio galego, mentres que en Portugal non chega ao 9%. Un feito que constata “o feito anómalo de que, de todos os estados europeos, só España e Portugal permiten o monocultivo desta árbore”.
Ademais sinalou que o incremento da superficie eucaliptizada vese favorecida por un “modelo de aproveitamento do monte intensamente forestalista”, que aposta pola produción de madeira de pouco valor engadido, “esquecendo outros usos”. Unha situación da que responsabilizou á Política Agraria Común (PAC) e “a falla de expectativas das economías familiares no rural, que levan ao abandono agrario e ao despoboamento do rural galego”.
“Caldo de cultivo para os lumes forestais”
Cualificou este modelo como “o caldo de cultivo para os lumes forestais”, favorecidos pola mudanza climática e o carácter maioritariamente pirófito das especies empregadas e lembrou que “temos asistido xa ás catastróficas consecuencias dunha nova tipoloxía de lumes que afonda no fracaso do actual modelo forestal e de loita contra os incendios”.
A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, é, ao entender das organizacións promotoras da ILP, a que fai que “o destino de moitos montes e terras agrarias remate sendo o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, e finalmente o lume”, invadindo tamén espazos protexidos e terras agrarias, contravindo unha lexislación por veces demasiado permisiva e discrecional.
Moratoria do eucalipto
A ILP defende, xa que logo, regulamentar o cultivo do eucalipto, comezando por decretar unha moratoria para os novos plantíos desta especie, tal como vén de facer Portugal, que “tería como obxectivo avaliar os impactos de case 50 anos de monocultivo sobre os hábitats naturais e os servizos ecosistémicos que os montes prestan á sociedade, para deste xeito establecer condicións para o aproveitamento compatíbel desta especie”.
Advirte de que o Eucaliptus nitens, está a ocupar novos espazos dada a súa maior resistencia ao frío, alongando a eucaliptización ao interior de Galiza e lembra que, tal como vén de recoñecer nun ditame o Comité científico de flora e fauna silvestres do Ministerio español do ambiente é unha “especie exótica e invasora”. Por iso apunta que “as administracións públicas deberían prohibir o seu cultivo en todo o territorio polo seu recoñecido carácter exótico e invasor, así como poñer en marcha planos de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente”.
Consecuencias dos monocultivos
Virxinia Rodríguez alertou ademais das consecuencias medio ambientais dos monocultivos, “quer para madeira, pasta ou biomasa” que inciden na “maior frecuencia e intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e vertidos das celulosas; no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da erosión, provocando perdas económicas directas e lucro cesante”.
Por iso denunciou que este modelo modelo forestal, que vén de ser avalado polo PP e polo PSOE, “contribúe tamén a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos através do PLADIGA, que custa anualmente arredor de 160 millóns de euros”.
Con esta ILP a comisión promotora considera “imperativo”, aumentar as cautelas e clarexar as determinacións legais, mellorar e garantir o cumprimento das normas e abordar a recuperación dos usos orixinais e a rexeneración dos hábitats degradados por plantíos ilegais.
Tamén avalía como “urxente” abordar a mitigación dos efectos dos incencios forestais e a protección do patrimonio natural e cultural do monte através dunha regulamentación máis clara dos usos forestais, que tendo en conta o actual marco de mudanza climática, atinxa ás especies mais tamén ás distancias, densidade, ubicación e franxas de seguridade para a protección das persoas, bens e hábitats contra o lume.
Neste sentido, Rodríguez afirmou que “o PLADIGA, (Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galiza), debería incidir preferentemente na prevención, ter carácter anual e aprobarse no último trimestre do ano anterior ao de aplicación”.
Fronte a este modelo de aproveitamento do monte que cuestiona a ILP, apóstase pola multifuncionalidade de usos, pola utilización das especies autóctonas, e polo mantemento dos servizos ecosistémicos que deberían estar primados con incentivos directos e indirectos –exencións-, mesmo sen ter unha fin produtiva. “Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación e aproveitamento sustentábel”, dixo a portavoz da comisión promotora.
A ILP propón, xa que logo, abordar con carácter urxente a elaboración do inventario de masas de frondosas autóctonas xa previsto Plano Forestal de 1992 e incorporar as súas conclusións ás futuras planificacións; fomentar o mantemento do arborado autóctono, mesmo sen un obxectivo produtivo, que debería compatibilizarse co aproveitamento das materias primas do bosque con especial atención ás pequenas e medianas empresas de transformación da madeira, á industria do moble de calidade, e ao aproveitamento doutros recursos, como froitos, cogomelos, plantas medicinais, etc., mais tamén os culturais e científicos.