O PP opta pola manipulación informativa e rexeita a ILP por unha CRTVG ao servizo do pobo
Como era previsible, o Partido Popular utilizou a súa maioría absoluta no Parlamento de Galiza para esmagar a ILP “Liberemos a Galega”. Unha Iniciativa Lexislativa Popular que chegou á cámara apoiada por 24.000 sinaturas e que recolle o clamor da sociedade galega por unha radio e televisión públicas, “ao servizo do pobo, ao servizo do país, ao servizo de Galiza e da súa cidadanía”. O resultado da votación fixo saltar a bancada de convidadas e convidados que antes de seren desaloxadas erguéronse para berrar “CRVTG pública e plural”.
Así o expresou a recoñecida xornalista Tereixa Navaza, encargada de defender a ILP en representación da comisión promotora, da que fai parte a CIG, mentres no exterior do Parlamento de Galiza centos de persoas se manifestaban para reclamar “liberar a Galega, liberar os nosos medios públicos do secuestro no que os mantén, desde hai xa demasiados anos, o goberno da Xunta, en mans do Partido Popular”.
Navaza incidiu en que detrás desta ILP está “unha sociedade que reclama o seu dereito a unha información veraz”, como a que demandou para dar conta da vaga de lumes que asolou o país, sobre todo a provincia de Ourense, e respecto da que se debateu na cámara xusto antes. Unha vaga de lumes da que os medios públicos galegos, no canto de informar, se limitaron a repetir, dixo, “as consignas e os intereses do Partido Popular”.
Nese sentido, a xornalista denunciou que lonxe de cumprir os medios públicos a súa misión de informar sen inxerencias “foi todo tan burdo, tan evidente, tan descarado, tan lamentable, tan obsceno e tan irresponsable... unha vez máis a CSAG (antes CRTVG) abandonou ao pobo galego e traizoou a súa misión de servizo público”.
Manipulación Nunca Máis
Na mesma liña lembrou a cobertura dos medios públicos da catástrofe do Prestige, e lanzou o berro de “Manipulación Nunca Máis”. Unha práctica que cualificou como “deleznable derivada da inxerencia política e gobernamental que impide que os nosos medios cumpran coas misións de servizo público e coas obrigas, de vital importancia para a consolidación da democracia, que teñen encomendadas”.
A representante da comisión promotora denunciou que o PP está “nunha campaña sen fin” con ataques desde a radio e a televisión pública a concellos non gobernados polo PP “á marxe da propia lei electoral”, ao tempo que se lle dá unha “sobrepresenza” a Feijóo, como xefe da oposición en Madrid que se lle nega á oposición en Galiza.
Por iso lembrou que “os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia”.
Respecto escrupuloso á imparcialidade
Foi no contexto desta alarmante situación no que situou a necesidade desta ILP apoiada por organizacións sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais integradas na plataforma para reclamar o rescate “do noso servizo público de comunicación audiovisual” demandando, entre outras cuestións que se garanta o “respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”.
Mais tamén que se recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento, garantindo o dereito de acceso, seguindo criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluírse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega.
Tereixa Navaza subliñou tamén que con esta ILP se demanda a recuperación da cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais e uns medios públicos que promovan e defendan a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, música, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicas do país.
Isto ademais de que a CRTVG xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garanta a presenza do galego nas plataformas dixitais; que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista e que se preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, así como ao fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, atendendo ao seu papel educativo, socializador e galeguizador.
Uns medios públicos que dispoñan da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas e que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente.
Terminal de propaganda
PSOE e BNG manifestaron o seu apoio á ILP. Neste sentido, a nacionalista Olalla Rodil acusou ao PP de facer coincidir este debate coa comparecencia de Rueda para falar dos lumes, co obxectivo de “diluílo” e que pasara desapercibido, “xusto o que se denuncia con esta ILP”, explicou, e acusou aos populares de converter os medios públicos na súa “terminal de propaganda”.
Como cabía esperar o PP anunciou o seu voto en contra, non se antes confirmar o seu escaso talante democrático abandonando en masa a cámara de representantes do pobo galego, na que non quedou nin un só membro do goberno e tan só 14 das deputadas e deputados que o sustentan.
O anuncio do PP non colleu por sorpresa a Tereixa Navaza quen, na súa réplica, concluíu que “o que é previsible nesta cámara, case nunca é o correcto”.