O PP na Deputación de Lugo e o deputado non adscrito votan en contra da moción en apoio ao persoal do Consorcio
Unha postura que afeou a delegada da CIG e Presidenta do Comité de empresa de Lugo, Catia Vázquez, quen asistiu á sesión plenaria, xunto con outros/as compañeiros/as da central sindical.
Vázquez lembrou que na provincia o Consorcio conta con 28 centros e arredor de 200 traballadoras e traballadores e nos últimos tempos, o Comité convocou e mantivo xuntanzas con distintos grupos políticos e requiriu do seu apoio para reclamar ante a Xunta de Galiza:
- Aplicar de xeito inmediato o V Convenio do Persoal da Xunta a todo o persoal do Consorcio.
- Garantir en todo momento a continuidade laboral de todas as traballadoras e traballadores do Consorcio.
- Cesar o recorte de calidade dos servizos que se deu nos últimos anos debido a apertura de novos centros co mesmo numero de persoal
Porén, aínda que a moción, presentada a través do grupo do BNG, obtivo o respaldo desta última formación e mais do PSOE, non puido saír adiante pola negativa do PP e o deputado non adscrito.