O PP “mente” cando di que é xuridicamente inviábel unha tarifa eléctrica galega
O portavoz do Partido Popular, Pedro Puy, manifestaba o pasado luns, día 27 de novembro, no Parlamento de Galiza que unha tarifa eléctrica galega é “xuridicamente inviábel”. Unha declaración que para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, é de especial gravidade porque é “falsa” toda vez que tanto a lexislación como os servizos xurídicos da propia cámara sosteñen o contrario.
Carril lembra que o artigo 3 da Lei 7/2015, de 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá de Galiza establece que “quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as non atribuídas á competencia da comunidade autónoma”. Sinala que xa para que a ILP por unha tarifa eléctrica galega puidera ser admitida a trámite polo Parlamento tiña que cumprir ese requisito e que ademais, e a petición do propio Partido Popular, tivo que pasar até en tres ocasións máis polos servizos xurídicos da cámara. “En todas dixeron que si era competencia e así llo lembramos cando nos entrevistamos con eles hai unha semana”, afirma.
Cando non hai competencias, non as pide e cando si as hai, non as exerce
Por iso o secretario xeral da CIG denuncia que o PP non só descoñece as súas propias leis e por iso “mente”, senón que ademais renuncia a gobernar en e para Galiza. “Cando non hai competencias, non as pide e cando si as hai, non as exerce”. A modo de exemplo apunta o “escándalo” da AP9, cunhas peaxes abusivas que agora se anuncia que aínda se incrementarán máis, en concreto un 3,1%. “O PP renunciou a reclamar a transferencia de competencias sobre a autoestrada nun exercicio máis de submisión aos ditados de Madrid, sen importarlle as consecuencias que isto ten para as galegas e galegos”.
Xunto a isto sinala que nin sequera aceptou a proposta que lle fixo a CIG hai unha semana para que, tomando en consideración as achegas realizadas por todos os grupos parlamentarios, a ILP se convertese nunha lei con tres piares fundamentais: o establecemento de medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza; o recoñecemento da enerxía como dereito universal de todas as persoas ao benestar social e a aprobación dun plano de medidas para o fomento do aforro e de eficiencia no consumo enerxético. “Non ten interese nin vontade”.
Anula a vontade popular
O PP mata o Parlamento como expresión da vontade popular. Convérteo nun Parlamento de cartón
Diante disto Carril denuncia a actitude antidemocrática do PP por anular a vontade popular expresada a través dunha ILP, renunciando así a que as galegas e os galegos poidamos beneficiarnos dos nosos recursos. “Non ten interese nin vontade”, afirma.
Lembra que en xaneiro de 2016, cando se debateu no Parlamento de Galiza, o PP avalou a súa aceptación a trámite xunto co resto dos grupos parlamentarios. Por iso conclúe que “está matando o Parlamento como expresión da vontade popular. Convérteo nun Parlamento de cartón”.