O PP emenda a Lei de acompañamento dos Orzamentos para modificar por por completo os procesos selectivos do SPIF

O cambio afecta aos procesos extraordinarios da Lei 20/2021 das brigadas de bombeiros/as forestais e ás prazas xa convocadas da OEP 2023
Nacional - 20 Nov 2025

A CIG-Administración advirte que o Partido Popular, a través do seu grupo parlamentar, introduciu una emenda na Lei de medidas fiscais e administrativas que afecta aos procesos selectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), tanto os extraordinarios ao abeiro da Lei 20/2021 (estabilización), como aos xa convocados correspondentes á OEP 2023, modificándoos por completo.

A emenda suprime 327 prazas da OEP 2023 e formula a convocatoria de 311 prazas por concurso de méritos, constituíndo unha modificación da oferta pública “sen aviso, sen negociación e sen informar ao persoal”.

O PP xustifica este cambio nunhas supostas sentenzas que non identifica nin explica. Sobre este punto, a CIG-Autonómica subliña que non se coñece ningunha outra resolución xudicial firme ou relevante “que avale unha intervención tan dura”, máis alá da Sentenza nº 600/2024 do TSXG (a raíz dunha demanda interposta polo CSIF) que anula as convocatorias de concurso e concurso-oposición da Lei 20/2021 para bombeiros/as forestais de persoal funcionario do C2 e a categoría análoga en laboral, por non incluíren todas as prazas ofertadas.

Para a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, resulta especialmente grave que, mentres nas Mesas de negociación se negaba a existencia de reunións con outras organizacións sindicais sobre a eliminación da OPE 2023, “esta emenda confirma que houbo movementos paralelos e conversas alleas aos espazos formais, beneficiando a quen buscaba corrixir pola porta de atrás os efectos dunha sentenza que eles mesmos provocaron”.

Incremento de prazas si pero respectando os procesos xa abertos

A CIG aclara que si concorda co incremento de prazas proposto na emenda, pero non co feito de que se eliminen prazas da OEP 2023 e se suspendan procesos xa convocados. “Sempre defendemos que as prazas do persoal bombeiro fixo-descontinuo debían tratarse de xeito igualitario en relación ás demais, xa que son prazas da mesma natureza e creadas no mesmo momento”. Precisamente, subliña Burgos, esta foi unha das razóns fundamentais polas que a CIG non asinou no seu momento o Acordo de estabilización.

Porén, a CIG-Autonómica non vai aceptar que agora se eliminen 327 prazas da OEP 2023, se suspendan procesos xa convocados e “se use unha emenda parlamentaria para impor cambios sen informes, sen publicidade e sen participación. Isto vulnera principios básicos do EBEP, deixa o persoal sen garantías e produce unha incerteza brutal”.

A central nacionalista cuestiona que non se levara este tema con total transparencia ás mesas de negociación e exixe a convocatoria urxente da Mesa Xeral de Persoal Empregado Público, que se entreguen as sentenzas e informes usados como escusa para esta modificación, o cadro detallado das prazas futuras e  que non se tomen medidas para anular a OEP 2023 até que se negocie o que marca a lei. “Non imos permitir manobras opacas que condicionen o futuro do persoal público galego”, conclúe Burgos.