O PP “denigra” ás 50.000 persoas que apoiaron a ILP de SOS Sanidade Pública en defensa da Atención Primaria
CIG-Saúde, que asistiu ao pleno do Parlamento Galego no que se debateu a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por SOS Sanidade Pública, da que é integrante, manifestou, ao remate do debate, a súa indignación non xa polo voto en contra do PP, senón mesmo polos argumentos utilizados polo seu portavoz, Alberto Pazos Couñago.
Para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel Moreira, “o portavoz do Partido Popular utilizou o seu tempo para denigrar e confrontar coa plataforma SOS Sanidade Pública”. Afeoulle, ademais, que non dera argumentos para non votar a favor da ILP para recuperar e fortalecer a atención primaria.
Moreira considerou “intolerábel” que “non se queira falar de cales son os problemas reais, que non se debatan as alternativas e que o que se faga é desacreditar á cidadanía, ás 50.000 mulleres e homes, galegas e galegos, que apoiaron esta Iniciativa”, que, lembrou, foi a que con máis apoio chegou ao Parlamento galego.
Xunto a isto declarou que con esta actuación o portavoz do PP “denigrou tamén ás miles e miles de persoas que se manifestaron na praza do Obradoiro en defensa da nosa sanidade pública e da nosa atención primaria”.
Moreira subliñou que as propostas contempladas na ILP “permitirían avanzar nunha solución ao problema da nosa atención primaria”. Fronte a isto considerou que o problema é que “o PP non quere esa solución”. Denunciou que “as políticas que están facendo” teñen como obxectivo “depreciar a sanidade pública, privatizar e utilizar os recursos económicos que todas e todos aportamos cos impostos a financiar os custos desa privatización”.
O secretario nacional da CIG-Saúde concluíu considerando que “o que queda claro, unha vez máis e que xa sabiamos, é que o PP non quere solucións para a sanidade pública na liña que nós defendemos, o que quere é menos sanidade pública para abrir as portas a máis privatización”.
Descualificación de SOS Sanidade Pública
A contundente valoración de Moreira respondía a un argumentario do Partido Popular que tiña por único obxectivo deslexitimar a plataforma e, de paso, todo cuestionamento ás políticas sanitarias que veñen aplicando desde hai anos e que deron na actual situación da sanidade pública que SOS ten cualificado de “crítica”.
Así as cousas, o portavoz do PP, Alberto Pazos, cualificou a ILP de “falso relato da esquerda galega sobre a Atención Primaria” que responde, dixo, a un “partidismo evidente”. Un texto do que afirmou que está “baseado en presupostos erróneos” e do que chegou a dicir que contiña “algún apartado con tics claramente antidemocráticos”.
Pazos, que mesmo cualificou a SOS Sanidade Pública de “sucursal do bipartito”, non tivo reparo en afirmar que se “pinta un retrato da sanidade pública galega que non é real”, cuestionando así, non xa a intervención da portavoz da plataforma cidadá, senón mesmo ás miles e miles de persoas que en cidades, vilas e aldeas saen a protestar semana tras semana polas deficiencias que ten a sanidade pública, e nomeadamente a atención primaria.
Deste xeito, o portavoz do PP deixou claro que o seu grupo votaría en contra dunha ILP que si foi apoiada porén, polos grupos socialista e do BNG. Un debate ao que o único membro do goberno que asistiu foi o conselleiro de Sanidade, e polo que nin asomou a cabeza o Presidente da Xunta, nunha clara mostra da falta de respecto que o PP ten polo pobo galego.
Falta de persoal na Atención Primaria
Fronte ao relato dos populares, a presidenta do colectivo de Pediatras e Matronas Xa!, Vanessa Viquendi, que foi a encargada de defender a ILP no pleno, fixo un percorrido polas moitas carencias da Atención Primaria, a comezar pola falta de pediatras en máis da metade dos concellos galegos, sobre todo do rural, e a falta de cobertura, onde si hai, porque nin se cobren as baixas nin as vacacións. Denunciou ademais que se superan os cupos e que “moitos municipios están sen pediatra pola tarde, o que obriga a nais e pais a levar as fillas e fillos ao PAC” onde, dixo, “no é habitual que haxa pediatra”.
Lembrou á bancada dos populares a falta de médicos/as de cabeceira, con consultas pechadas pola tarde, ratios superadísimos recoñecidos mesmo por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que tampouco se cobren nin baixas nin vacacións, ademais de que se están a amortizar as prazas porque tampouco se cobren o 90% das xubilacións.
Neste sentido, apuntou que se convocan menos prazas MIR que as recomendadas polo Ministerio, en concreto 46 menos en 2022, e que as e os profesionais formados en Galiza non fican no país polas malas condicións laborais ofertadas”. Unha situación que cualificou de “fuga de cerebros en toda regra”.
Listas de agarda interminábeis
Viquendi denunciou tamén as listas de agarda interminables, de 83,9 días para intervención cirúrxica, 25 para unha radiografía simple, 88 para unha resonancia e 118 para unha ecografía abdominal. Unha situación que agrava enfermidades e “causa mortes evitábeis”, como lembrou que se ten demostrado porque “o SERGAS xa foi condenado pola morte dunha muller cun cancro sen diagnosticar”.
Xunto a isto lembrou que hai centros de saúde funcionando sen apenas persoal; que hai PACs pechados ou atendidos só por persoal de enfermería e que mesmo o número de ambulancias é insuficiente. Respecto desta última cuestión denunciou que “o 061 oculta de forma constante información sobre os datos de asistencia e mesmo chega a falsear os de tempo de espera por unha ambulancia”.
Resposta da Xunta de Galiza
A portavoz de SOS no debate da ILP rexeitou as políticas da Xunta, diante da situación que viña de retratar, por utilizar a médicos e médicas de familia con ou sen curso de puericultura para atender a menores de 14 anos. Por dicirlle á poboación que non pode pretender ter pediatras en todos os Centros de Saúde e por ter a profesionais encadeando contratos por días ou semanas. Outra das causas, esta última, pola que tamén o SERGAS foi condenado polo TSXG, considerando que se vulneraban así “os dereitos” das e dos facultativos de atención primaria.
Non esqueceu Vanessa Viqueira denunciar como o SERGAS “premia” ao persoal facultativo que compaxina a sanidade pública e privada, chegando a acordos “para o cobro do complemento de exclusividade”.
Por todo isto, a representante de SOS considerou que non aprobar esta ILP suporía “negarlle a toda a poboación que asinou a posibilidade de mellorar a situación da Atención Primaria”, dixo, “ser cómplices e responsábeis da destrución da Sanidade Pública” e “ser persoas carentes de humildade e valentía para recoñecer os seus erros”.