O PP anula a ILP por unha tarifa eléctrica galega porque entende que “non é beneficiosa para Galiza”
Esta tarde celebrábase no Parlamento de Galiza unha xuntanza entre o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco, e os representantes do grupo parlamentario Popular Marta Novoa e Moisés Blanco. Unha reunión solicitada pola central sindical para valorar as emendas presentadas polo grupo que sustenta o goberno Feixóo coas que se desvirtúa toda a ILP, mesmo cambiándolle de nome, xa que pasaría a denominarse Lei de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica.
O grupo parlamentario popular entende que non é beneficioso para Galiza ter unha tarifa eléctrica diferenciada, pero os seus representantes non foron quen de explicar por que. Considera que a comunidade autónoma non ten competencias, poñendo así en cuestión os informes dos servizos xurídicos da cámara, que dixeron até en 3 ocasións que si, ademais do informe inicial que permitiu que se admitira a trámite.
Defende ademais que estamos nun Estado onde o criterio da solidariedade prevalece, así que, neste mapa territorial non procede. Unha solidariedade que porén, non se ten con Galiza que, malia exportar grande parte da enerxía eléctrica que produce, en torno ao 40%, non recibe ningún beneficio, a pesar das importantes repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental, con vales fértiles asolagados, desprazamento de poboación e contaminación derivada da actividade das centrais térmicas.
Ademais, no referido á pobreza enerxética, o PP asegura que é un problema que non interesa en Galiza e que ademais está solucionado desde o goberno do Estado, cando todos os informes ao respecto aseguran o contrario.
Renuncia a respectar unha iniciativa popular que eles mesmos apoiaron
Co estes argumentos xustificaban os representantes do PP a intención do seu grupo de laminar unha Iniciativa lexislativa Popular de Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza, que eles mesmos apoiaron á porta das eleccións galegas de 2016.
Un posicionamento que para a CIG explica o rocambolesco periplo polo que a fixeron pasar na súa tramitación parlamentaria como Proposición de Lei, reclamando informes dos servizos xurídicos da cámara para paralizala, sen conseguilo, e montando unha Comisión de Expertos cando non é habitual para un caso como este.
O PP renuncia a que poidamos utilizar un recurso tan valioso en beneficio do noso desenvolvemento económico e industrial
Diante disto, o secretario xeral da CIG considera “lamentable que nun país excedentario en enerxía eléctrica como Galiza o PP renuncie a que poidamos utilizar un recurso tan valioso en beneficio do noso desenvolvemento económico e industrial e na xeración de emprego, así como na mellora da calidade de vidas das galegas e galegos”.
Ademais denuncia que o PP “tamén renuncia a dar solución á situación de industrias asentadas en Galiza que desenvolven procesos produtivos intensivos”, como Alcoa ou Celsa Atlantic, entre outras.
Con todo, para o secretario xeral da CIG é especialmente grave que o PP “deixe sen efecto e borre calquera parecido co texto orixinal” cunha “clamorosa renuncia ao respecto democrático a unha Iniciativa Popular” que chegou á sede parlamentaria avalada por miles de sinaturas –máis de 18.000-, deputacións, concellos de todo o país e foi ademais aprobada, por unanimidade, por todos os grupos parlamentarios.
Por iso anuncia que a central sindical non descarta mobilizacións na súa defensa se desde o Parlamento galego, e nomeadamente desde o Partido Popular, se pretende deixala sen efecto.