O porvir do posneoliberalismo en América Latina

François Houtart - 08 Xan 2016

O exemplo de Grecia mostra que dentro dunha lóxica que non saíu do modelo de acumulación capitalista, non hai moitas alternativas ás políticas de austeridade, que fan pagar aos máis vulnerábeis os efectos da crise financeira e económica e permiten ao capital anovar un ciclo de acumulación

 O ano 2015 foi duro para os países progresistas do continente. A baixa dos prezos das commodities afectounos a todos. A reacción será o retorno á hexemonía do mercado ou pasos adiante cara ao poscapitalismo.

 A característica principal dunha fase posneoliberal do capitalismo foi o retorno do Estado como regulador da economía e redistribuidor da riqueza.

 Non se tratou dunha transformación do modelo de acumulación. Iso permitiu alianzas entre acumulación capitalista e preocupacións sociais. Foi a era dun capitalismo social e hoxe en día verde, que non cambia a lóxica fundamental do sistema económico (maximización da ganancia e ignorancia das externalidades), senón que alivia, en certa medida segundo os países, as consecuencias máis penosas. Realízase por políticas económicas (renegociación da débeda externa en Ecuador) ou sociais (medidas asistencialistas de loita contra a pobreza que creen clientes pero non actores sociais novos) e con mellor acceso aos servizos públicos (saúde, educación).

 O proxecto era tamén facer saír un país dun “atraso” económico, social e cultural que impedía que competise no mercado mundial e de edificar unha sociedade de benestar social que sitúe a nación nunha escala aceptábel dentro do panorama internacional. A concepción da modernidade adoptou implicitamente e de xeito acrítica a idea dun progreso lineal sobre un planeta inesgotábel, é dicir, un concepto desviado pola lóxica do capitalismo, como o dicía Bolívar Echevarría. É o que pasou tamén cos países socialistas europeos e asiáticos.

 O novo capitalismo ou capitalismo moderno (posneoliberal) acepta a loita contra a pobreza, porque crea máis consumo, o que a medio e longo tempo, favorece o mercado. Este está a favor dun traballo formal e dun seguro social, porque estabilizan a man de obra. Pagar máis impostos non molesta, se o Estado asegura un grao suficiente de estabilidade política, que permite un proceso seguro de ganancias. Son gastos razoábeis para garantir a reprodución do sistema de acumulación.

 Ademais, o capitalismo moderno colle as súas distancias fronte ao capitalismo oligárquico tradicional e unha parte dos seus protagonistas fan parte do sistema político novo. Outros fan parte da oposición, cando pensan que o proxecto posneoliberal non asegura unha taxa de ganancia suficiente. Moito depende tamén das vinculacións co capital monopolista exterior. Con todo, en caso de crise de acumulación, os logros sociais son as primeiras vítimas (Brasil).

 En Venezuela, a renda petroleira que destruíra o sistema produtivo e a cultura do país, foi reorientada para financiar programas de xustiza social. En Arxentina, os monocultivos de soia son a expresión do vínculo entre o capital local e internacional. En Brasil o código forestal está redactado a favor da “agricultura moderna”, é dicir, os monocultivos (soia, palma, cana).

 En Bolivia un acordo vincula o Goberno cos propietarios terreos da Media Lúa, para estender a fronteira agraria, a custo da selva amazónica . En Ecuador, a nova matriz produtiva favorece os monocultivos de exportación malia as súas consecuencias ambientais e sociais. En Nicaragua, o capital agrario tradicional transfórmase en moderno e entra nos novos sectores de acumulación (comercio internacional, proxecto de canal, etc.).

 Ao mesmo tempo, o petróleo, o gas, a minería, desenvolvéronse como fontes de financiamento das políticas sociais, pero fan tamén parte do extractivismo mundial (forma capitalista da extracción) e dan un novo espazo a empresas multinacionais. O sector financeiro, o gran comercio, as comunicacións, os intermediarios cos novos investidores (China, Qatar, Arabia Saudita), coñecen taxas elevadas de ganancias. A desindustrialización relativa, aínda dun país como Brasil, é o resultado da “reprimeirización” das economías latinoamericanas, imposta polo capitalismo como sistema-mundo e apoiado polas institucións financiarías internacionais.

 Evidentemente, o retorno do Estado en varios sectores dos “comúns” traduciuse en investimentos públicos importantes: infraestruturas (Ecuador), educación e saúde (todos), loita contra a pobreza, con medidas compensatorias (Brasil, Ecuador, Bolivia), ampliación do seguro social, etc. Estes logros formaron a base dun apoio político real (pero fráxil) a líderes e partidos. Como se trataba de modernizar unha sociedade, a iniciativa veu esencialmente do poder político, que por razóns de eficacia tivo que se centralizar, dando ao executivo un lugar privilexiado, deixando pouco espazo á participación e concibindo a comunicación como unha explicación do que se fixo.

 Os valores de excelencia e de competencia predominan, tamén na reforma do sistema educativol (no Ecuador: escolas do milenio e as super-universidades). A agricultura familiar campesiña e indíxena son marxinadas, porque son produtivas (en todos os países). Malia as constitucións, a pluriculturalidade e a plurinacionalidade teñen pouco espazo. Unha clase media coñeceu un aumento importante (representa entre o 30 % e o 50 % da poboación segundo os países), pero o seu consumo inflúe moito sobre a balance comercial.

 Existen en América latina varias versións deste modelo. En Brasil, Lula, sindicalista da metalurxia, sempre tivo dous valores chave: a eficacia e a xustiza social. A eficacia no dominio económico é o capitalismo moderno e a xustiza, a redistribución (con éxito) dunha parte do produto social aos máis pobres. En Ecuador, a nova matriz produtiva, que quere, con razón, favorecer a produción nacional e reducir as exportacións, reempraza progresivamente o concepto inicial do “bo vivir”.

 Coa crise que afecta ao continente vese un esgotamento do modelo posneoliberal. É o que a presidenta Dilma Roussof afirmou no seu discurso na Asemblea xeral das Nacións Unidas en setembro 2015. En Brasil iso significa claramente o retorno a políticas que satisfán os mercados. O perigo dunha evolución do mesmo tipo existe para os outros países posneoliberais de América, é dicir, Arxentina, Uruguai, Nicaragua, Venezuela, Ecuador e Bolivia. Neste último país a existencia de reservas importantes (porque houbo menos investimentos) pode atrasar un pouco o proceso. O mesmo vale para Nicaragua.

 O exemplo de Grecia mostra que dentro dunha lóxica que non saíu do modelo de acumulación capitalista, non hai moitas alternativas ás políticas de austeridade, que fan pagar aos máis vulnerábeis os efectos da crise financeira e económica e permiten ao capital anovar un ciclo de acumulación, en particular co contributo de investimentos exteriores e novos empréstitos. Non se trata de negar os logros dos países posneoliberais, nin tampouco ignorar os seus límites e contradicións, senón de saber como van reaccionar fronte a unha crise mundial que afecta ao proxecto: regresar ao neoliberalismo ou iniciar transicións cara a unha orientación poscapitalista? Finalmente paga a pena preguntarse que son as marxes de posibilidades dun modelo posneoliberal?

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Telesur’, do 4 de xaneiro de 2016]