O Porto de Vigo “volve mudar as regras de xogo” para excluír a CIG do consello de administración
A CIG denuncia que a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) “volve mudar as regras de xogo” para intentar deixar o seu representante fóra do consello de administración, polo que os servizos xurídicos da central sindical xa presentaron o pertinente recurso diante da Consellaría do Mar.
Dende a representación da CIG no Porto de Vigo lembran que hai catro anos o organismo, na altura presidido por Enrique López Veiga, xa cambiara as regras do xogo e pasara a mobilizar a propia Consellería do Mar, iniciando un proceso que derivaba en que a representación das organizacións sindicais dentro do consello de administración da APV non se definía segundo o resultado das eleccións sindicais no propio organismo, “senón que se facía en virtude do sindicato con máis representación no ámbito portuario”.
Sen teren transcorrido os catro anos de mandato a APV apresúrase a solicitar o cese do noso vogal, saltándose o novo modelo que o propio organismo defendera hai catro anos co apoio de CCOO
Se ben a APV puido atrasar a entrada na CIG no consello de administración até febreiro de 2020, “o noso sindicato, ademais de ter sido o máis votado na propia Autoridade Portuaria en 2019 era o máis representativo no devandito ámbito portuario”. Polo que a APV tivo que permitir a presenza da CIG no consello de administración. Mais agora, sen nin sequera teren transcorridos os catro anos do mandato como conselleiro do representante da central sindical, “a APV apresúrase a solicitar o cese do noso vogal, saltándose o novo modelo que o propio organismo defendera hai catro anos co apoio de CCOO”.
Neste senso, dende a CIG queren deixar moi claro que se hai catro anos a APV non tivese cambiado as normas “a día de hoxe non teriamos dito nada e deixariamos o noso posto no consello a quen correspondese; máis foi a propia entidade a que mudou as regras do xogo, polo que a día de hoxe ese posto no consello correspóndelle ao sindicato máis representativo no ámbito portuario”. En consecuencia, demandan que antes de que que teña lugar o cese do actual vogal “terase que aclarar publicamente quen ostenta esa maior representatividade”.
Sindicato incómodo para a APV
A CIG ten moi claro que a súa práctica sindical molesta na APV, tendo en conta que a central defende que as administracións públicas deben de funcionar baixo principios como os de transparencia, igualdade, mérito, capacidade e Publicidade. “As nosas ferramentas para garantir que así sexa son, como sempre, a loita obreira, a mobilización, o conflito e a información, “algo que non gusta neste organismo”.
Por iso se ben agardan que esta situación mude coa inminente saída do secretario xeral “e que todo vaia regularizándose e as cousas comecen a funcionar baixo os devanditos criterios e acorde coa lexislación laboral, nestes intres multitude de dereitos fundamentais seguen a ser vulnerados na APV, sobre todo cando teñen á xente da CIG como protagonista”.
Finalmente, adiantan que ademais do recurso presentado contra a decisión de excluír a CIG convocarán mobilizacións como xa aconteceu hai catro anos “porque non imos pasar ningunha máis”.