O Popular pechará oficinas en plenas negociacións do ERE
O persoal do Grupo Banco Popular continuou esta tarde en Vigo a rolda mobilizadora polas cidades galegas, nun territorio especialmente castigado por un ERE que clausurará no noso país 42 oficinas do total de 302 que contempla o plan de restruturación, atinxindo 435 postos. Despois da última reunión coa empresa, denuncian indemnizacións e propostas de prexubilación “de mínimos”, fronte o cal non descartan paros e mesmo a folga.
Para Rosa Conde, da sección sindical da CIG no grupo, os plans iniciais da empresa “son inaceptábeis” e non permitirían ao persoal o abandono voluntario do banco, abocando a despedimentos forzosos.
A parte empresarial segregou en cinco colectivos os traballadores/as afectados polo ERE, ofertando cantidades “moi lonxe do que se ten ofrecido noutros expedientes similares no sector”, asegura a sindicalista. Deste xeito, aos maiores de 59 anos ofértaselles para a prexubilación o 75% do salario neto, que se traduciría en realidade nun 58% do seu salario bruto, “a anos luz do 80% que se acadou noutros casos”.
Pola súa parte, as persoas de 58 anos pecibirían o 70% do salario neto, mentres que ao grupo de 55 a 57 corresponderíalle un exíguo 65% (por baixo do 50% do salario bruto). A representante sindical cuestiona “como pretende o banco que esas persoas continúen coas súa vida coa metade dos ingresos, cando nesta idade as cargas familiares adoitan ser importantes”.
Entre 50 e 54 anos preténdese unha indemnización de 30 días por ano traballado e 18 mensualidades, mentres que para os menores de 50 trataríase de 28 días e 15 mensualidades.
Peche de oficinas en período de consultas
Por isto fose pouco, o Grupo pretende botar o cadeado a un bo fato de oficinas sen respeitar sequera o período de consultas do ERE, que rematará o vindeiro 6 de novembro. Isto, para Rosa Conde, revela a “falta de boa fe” por parte da empresa, que “xa está mandando a comunicación a moitos clientes do peche de entidades con data do mes de outubro”. Parte delas en Vigo e na Coruña, segundo puideron saber os sindicatos.
Responsabilidade do equipo directivo
O ERE do Popular formúlase baixo supostos de causas económicas, algo que para a sección da CIG é plena responsabilidade da “mala xestión do equipo directivo”, que, ademais “continúa nos seus postos” agás “no caso do conselleiro delegado”. Ao tempo que o cadro de persoal “fixo todos os esforzos posíbeis” foi esta dirección a que encamiñou a entidade cara esta situación fatal, engaden.
Vinderas mobilizacións
Desde as centrais, que acadaron a unidade de acción despois dunha asemblea convocada por iniciativa da CIG, confían en poder variar esta “proposta agresiva” do banco, e aseguran que respostarán “con medidas no mesmo sentido e do mesmo impacto e forza”, sen descartar paros e folga.
Mañá mesmo, venres 21, concentraranse diante do Parlamento Galego durante a constitución do mesmo e procurarán que os grupos presenten unha resolución que interpele a empresa de cara á paralización do ERE.