O policía denunciado por torturar a Pintos declarará como investigado 3 anos despois
O secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, amosa a súa satisfacción despois de saber que o policía denunciado por torturas durante a fatídica noite do 4 de outubro de 2012 será finalmente investigado. A pesar de que o xulgado de instrucción arquivou a causa, mantendo este feitos na total impunidade, a Audiencia Provincial da Coruña estima o recurso da defensa, unificando o proceso coa denuncia policial que podería levar o sindicalista a prisión.
De vítima a verdugo. O proceso vivido por Pintos nestes 3 anos e 3 meses é propio dunha democracia formal de baixa calidade, onde as denuncias por maltrato policial non só fican habitualmente sobreseídas, se non que se adoitan voltar contra o denunciante, como é o caso que nos ocupa. E é que despois de ter padecido as consecuencias físicas e psicolóxicas do maltrato policial, o secretario da CIG-Ferrol podería ter que ingresar en prisión por 2 anos e 9 meses se prospera a petición da fiscalía na causa aberta contra el.
Os feitos remóntanse á noite do inicio de campaña das eleccións autonómicas de 2012, no centro de Ferrol. Ese 4 de outubro, os comités de Navantia e Poligal protestaban ante o Hotel Almirante, onde o PP desenvolvía o seu acto, sofrindo de inmediato unha brutal carga policial que supuxo a detención e primeiras lesións a Pintos, que chegou a comisaría sangrando por unha ferida aberta na cabeza.
Esa noite, Pintos sofreu en instalacións policiais “cinco puñetazos e tres porrazos”, esposado e incomunicado, nunha secuencia prolongada de “tortura física e psicolóxica” por parte dun axente ante a inhibición total dos restantes membros da escuadra. Segundo o seu testemuño, padeceu durante dúas horas “os golpes dun policía cunha luva de coiro, na cara e no corpo”, mentres “o insultaba e ameazaba, tanto a el como á central sindical”. Unha versión negada de plano polo comisario xefe de Ferrol, que foi argumento suficiente para que o xuiz de primeira instancia arquivase a denuncia apresentada polo sindicalista. De feito, o maxistrado desestimou na instrucción todas as probas presentadas, como o numeroso material audiovisual que recolle a violenta detención, o parte médico achegado ou as testemuñas propostas.
Alén do peche da causa xudicial, o subdelegado do goberno apoiou en todo momento a versión policial do acontecido, dando cobertura política ao maltrato denunciado. Máis tarde, a fiscalía iría máis alá e solicitaría 2 anos e 9 meses de prisión por supostos “altercados, delito electoral e atentado á autoridade” nun proceso aberto contra o secretario comarcal que continúa pendente de resolver, e polo cal sofreu liberdade condicional.
A Audiencia reabre o proceso
En xuño de 2015 a Audiencia Provincial da Coruña estimaba o recurso da defensa e obrigaba a abrir instrucción polo maltrato policial denunciado e nunca investigado. Agora, unifica ambas causas e chama a comparecer como investigado (anteriormente figura de imputado) ao policía denunciado por torturas.
Pintos padeceu durante meses as consecuencias das lesións producidas esa noite, tendo que permanecer de baixa médica e precisando de rehabilitación para o dedo dunha man. Ao tempo, recibiu multitude de mostras de apoio de colectivos e organizacións políticas e sindicais, mesmo de fóra de Galiza, ademais de numerosas concentracións de apoio durante o proceso xudicial.
Para a CIG, o sucedido a Pintos “non se pode ver como un feito illado”, senón que hai que entendelo “nunha estratexia global de recorte de dereitos individuais e colectivos”. De aí, a teimosía do Partido Popular por modificar o Código Penal e habilitar novos mecanismos normativos para “controlar, disuadir, criminalizar e reprimir a mobilización e contestación social na rúa”.